domingo, 7 de maio de 2017

[21 DEG: Día 20] O reto: A entrevista



Último reto de 21DEG! Para quen non saiba, o protagonista da entrevista anterior é o cinco veces campión do mundo de triatlón, o ferrolán Javier Gómez Noya. Aínda que é algo obvio, sempre resulta útil ver un exemplo de como ser galegofalante non é un obstáculo para triunfar polo mundo adiante.

O reto de hoxe consiste en faceres unha entrevista oral en video. É domingo, daquela, se cadra, tes máis tempo e máis posibilidades para escolleres a persoa que che interese. Pode ser un familiar, un amigo/a, un coñecido/a (de ser posible, galegofalante, claro). Podes enfocar a entrevista ao teu gusto: preguntarlle polo seu traballo, pola súa infancia, polas súas afeccións, polo idioma... Como ti vexas?

Preparares un guión previo pode ser útil. Presenta esa persoa e procura que a conversa sexa fluída. Xa sabes: tres minutos mínimo.

Ánimo e adiante!

sábado, 6 de maio de 2017

[21 DEG: Día 19] Como che vai?


Xa estamos a piques de rematar. Día 18 de 21 DEG. Hoxe, de novo, unha pequena sorpresa: unha mensaxe de felicitación e de ánimo de Manuel Núñez Singala, autor d’O achado do castro, comedia que lemos na primeira avaliación. Hai uns meses tivemos un interesante encontro con el.


Case no treito final, tócache contarnos «Como che vai?»
—Como o levaches hoxe?
—Algún momento ou anécdota que che gustaría comentar?
—Como ves a evolución da túa expresión oral?
—Realizar este traballo foi máis doado ou máis difícil do que imaxinabas?
—Recomendarías facer este traballo a outros compañeiros? Que lles dirías?

venres, 5 de maio de 2017

[21 DEG: Día 18] O reto: Pasagalego


Ollo! Temos sorpresa! A rapazada da Pobra do Caramiñal, pioneira na experiencia de 21 Días En Galego mándanvos un vídeo. Nel propoñen, especialmente para vós, «O Reto» de hoxe. É moi simple, van lanzando preguntas sobre vocabulario seguindo a orde do alfabeto, como no famoso concurso de televisión. Chamáronlle «Pasagalego».



Adiante, acepta o reto e grava as túas respostas. Fai stop no vídeo das preguntas se o precisas. Cantas acertas?

Finalmente, comenta que che pareceu a sorpresa. Graciñas xente da Pobra!

mércores, 3 de maio de 2017

[21 DEG: Día 17] Como che vai?


Coa chegada da actual democracia, aprobouse o noso Estatuto de Autonomía (1981), que recoñece oficialmente por primeira vez que a lingua propia de Galicia é o galego. Desde aquela, varias foron as campañas institucionais que buscaban a promoción da nosa lingua. Aquí tes catro exemplos.

En galego tes todo por dicir, e logo!

Tócache! (Palabras encadeadas)

Orgullos@s do galego

Empápate co galego

Con todo, ningunha campaña de normalización do galego pode ser efectiva sen o compromiso individual de cada un de nós, pois o futuro da lingua só depende da vontade dos seus falantes de mantelo vivo e de transmitírllelo ás futuras xeracións.

Hoxe chegamos ao día 17 dos 21 DEG! Tócache contarnos «Como che vai?» nun vídeo de tres minutos polo menos. Podes dar resposta a estas cuestións:
—Como o levaches hoxe?
—Notas que tes agora menos erros falando? Ou non ves cambios?
—Algún momento ou anécdota que che gustaría comentar?
—Que opinas das campañas anteriores? Que mensaxe cres que transmite cada unha? Cal che gusta máis?
—Ocórreseche algún slogan atraente para unha campaña de promoción do galego?
Ánimo! 

[21 DEG: Día 16] O reto: Nin si, nin non.



Hoxe «O reto» é, sen máis, un xogo de lingua oral que de seguro xa coñeces. Chamarémolo «Nin si, nin non». Por susposto, debedes gravalo en vídeo.


• Xúntate cun compañeiro ou compañeira de «21 días en galego».
• Un de vós fai preguntas e o outro responde.
• Poden ser de calquera tema. A única norma fundamental é que non se pode reponder nin «si» nin «non». E tampouco permanecer en silencio, obviamente.
• Cando se diga «si» ou «non», pérdese e trócanse os papeis. Quen preguntaba, responde; e quen respondía, pregunta.
• Así sucesivamente ata cumprir os 3 minutos. Gravade o xogo sen cortes.

martes, 2 de maio de 2017

[21 DEG: Día 15] Como che vai?



Día 15 dos 21 DEG! Arriba tedes un grupo de alumnos e alumnas do instituto Vicente Cañada Blanch, de Londres, facendo un traballo en vídeo sobre Sir John Moore, heroe na loita contra Napoleón morto e soterrado na Coruña. Uns son galegos nados en Galicia. Outros son galegos nados en Londres. E outros queren saber máis de Galicia.

Para descubrir o que eles senten desde Londres polo galego, velaí vai estroutro vídeo.



E agora, cóntanos «Como che vai?». Para que non che resulte monótono, xa sabes que imos variando un chisco as preguntas:
—Como o levaches hoxe?
—Algún momento ou anécdota que che gustaría comentar?
—Segues con gañas de continuar?
—Que opinión che merecen os vídeos anteriores?
—Gustaríache viaxar para aprender novos idiomas?
—Cres que falar galego é un obstáculo nun mundo multicultural?

luns, 1 de maio de 2017

[21 DEG: Día 14] O reto: Un chisco de humor



De novo, «O reto». Desta vez tócache desenvolver todos os teus dotes de narrador cómico. Mais antes, para te inspirar, escoita a Quico Cadaval, autor tetral, actor e contacontos de Riveira. Este monólogo, titulado «Os coruños» é, se cadra, unha das mellores pezas cómicas orais creadas nunca na nosa lingua. E ademais tócanos moi de preto. Seguro que soltas unhas boas gargalladas!


Obviamente, non se che esixe que o fagas tan ben como Quico Cadaval, simplemente debes gravar o teu propio monólogo de 3 minutos. Aí van unhas ideas. Podes:
—Contar algunha anécdota persoal que resulte moi graciosa.
—Relatar algunha historia cómica que che contasen os maiores.
—Contar uns chistes (ollo!, non deben ser sexistas, nin racistas...).
—Combinar as opcións anteriores.
Antes podes ensaiar un chisco! Ánimo!