domingo, 11 de decembro de 2016

O reto lúdico [2]: foto-haikus


Despois do reto dos pangramas, xa estamos de volta cun novo desafío lúdico-literario. Para quen lle guste facer fotos e enredar coa lingua, será perfecto: os foto-haikus. Imos por partes:

Un haiku é unha forma poética tradicional xaponesa. Trátase dun poema breve de tres versos cunha estrutura silábica fixa de 5, 7 e 5 sílabas. Nun exercicio máximo de síntese, o seu obxectivo é captar un instante cotián que nos conmova.

O haiku ten certa tradición na nosa literatura: Helena Villar Janeiro, Miro Villar, Xoán Abeleira...

O reto consiste en creardes haikus orixinais acompañados dunha fotografía que capte a esencia da súa mensaxe. Os temas son completamente libres. E tanto ten que partades do texto para despois buscardes a imaxe que o ilustre, como que deades primeiro coa imaxe que vos guste para despois compoñerdes o haiku a partir dela. O importante é que respectedes a esencia do haiku: capturar a esencia do momento en tres versos de 5, 7 e 5 sílabas. 

Para inspirarvos podedes fedellar nestas ligazóns: foto-haikus de Helena Villar Janeiro, foto-haikus de Xoán Abeleira ou concurso de foto-haikus da Asociación Cultural Gentalha do Pichel.

Imaxes acompañadas de textos enviaranse directamente ao enderezo electrónico de «A chave e o mundo» que atopades na barra lateral esquerda.

En xaneiro recompilaremos as vosas pezas e escolleremos gañador/a. Ánimo!

xoves, 1 de decembro de 2016

Visitounos Núñez Singala







De novo un evento ligado á literatura. Isto é un non parar! Desta vez, a visita de Manuel Núñez Singala, por xentileza da editorial Galaxia. O autor d’O achado do castro compartiu unha sesión interesante e amena co alumnado 3ESO, que gozou este trimestre coa lectura da súa comedia.

O xeito en que se inspirou para escribir esta obra de teatro. A dificultades para publicala. O seu éxito tando nas vendas como nas numerosas representacións que se fixeron dela. A análise dos seus personaxes. Estas e outras cuestións foron tratadas neses 50 minutos que pasaron voando. 

E como remate, un pequeno xogo de lectura dramatizada para algúns dos nosos compañeiros, que se ofreceron voluntarios. Grazas Isabela, Ian, Elizabelle e Judith. 

Por sorte, posiblemente teñamos axiña a Manuel Núñez Singala de novo polo Fogar. Se queredes saber máis sobre el, esta é a súa web.

luns, 21 de novembro de 2016

Unha homenaxe emocionante



Como recolle a prensa, a do pasado venres foi unha emocionante homenaxe a Agustín Fernández Paz co gallo da presentación d’A casa do medo (Ed. Rodeira), o seu derradeiro libro, que por desgraza non chegou a ver publicado.

Os actos comezaron na biblioteca do Fogar, que desde esa mañá pasou a denominarse «Biblioteca Agustín Fernández Paz». Máis tarde, a lembranza a Agustín trasladouse ao salón de actos. Alí, xunto coa súa dona Inma e a súa filla Mariña, reuníronse admiradores, ex-compañeiros, ex-alumnos e tamén escritores amigos. Entre estes últimos, Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín, tres Premios Nacionais de Literatura, como o propio Agustín.

Desde a esquerda: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Alfonso García Sanmartín,
Andrés García Vilariño e Fina Casalderrey 

O alumnado do Fogar, de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato, tamén participou activamente na homenaxe. Pequenos e maiores traballaron arreo durante as últimas semanas para poñer o seu granciño de area: lectura de máis de 20 libros de Agustín, ilustracións inspiradas neses libros, «titultextos» ou pequenos relatos creados a partir da combinación deses títulos, emotivas cartas, videomontaxes, pezas musicais seleccionadas entre as preferidas de Agustín. Parabéns rapazada! Como se dixo durante o acto, vós sodes o relevo desta xeración de galegos ilustres, defensores da nosa cultura e da nosa lingua. 

Velaquí unha pequena selección do voso magnífico traballo. 

«Titultexto» (Sara Sierra e Nicole Rodríguez, 6EP-B)
As rapazas da panda, Branca, Raquel, Sara e Nicole, foron celebrar os trece anos de Branca. O seu pastel era da pastelaría de dona Remedios. Os seus regalos foron uns libros do escritor Agustín Fernández Paz titulados «O libro de Merlín», «O raio veloz» e «O segredo da illa Negra». Vimos a película «As fronteiras do medo».
—Upa! —dixo Raquel moi asustada.
—Raquel ten medo —comentou Branca rindo.
—Que vos parece se imos á Praia da Esperanza? —dixo Nicole.
—E onde está iso? —preguntou Raquel.
—Na cidade dos desexos —comentou Nicole.
—E como imos chegar ata alí?
—No tren —respondeu Sara.
Mentres estaban no tren, soaron as cancións preferidas de toda a panda: «Cos pés no aire», «Amizades secretas» e «Cartas de inverno», e atopamos o noso grupo de música favorito.
—Este é un tren cargado de misterios! —Exclamou Sara.
Cando chegaron á Praia da Esperanza, atoparon un tesouro: o tesouro do dragón Smaug!
Todas quedaron mirando o mar e Branca comezou a cantar a canción «A fuxida do mar». Xogaron na area, bañáronse no mar, riron... Todas quedaron moi cansas e adormeceron na area. Ese día fora moi especial para Branca e soñou coas fadas verdes. Chegou descansada á casa e a súa nai preguntoulle: 
—E logo, tiveches o soño do merlo branco?
—Non, tiven un soño estraño... Soñei coas fadas verdes! 
Carta a Agustín (Lía Lema Pombo, 3ESO-C)
Querido Agustín:
Estamos moi tristes pola túa perda, porque ti, ti eras único.
Non só perdemos a un dos mellores escritores de Galicia e de mundo; senón que perdemos un amigo.
Para nós iso eras, un amigo.
Un amigo que nos comprendía a través dos seus libros.
Un amigo que nos entendeu ás nenas con Trece anos de Branca, que nos fixo tremer con As fronteiras do medo, que nos divertiu con Contos por palabras, e que, sobre todo, nos fixo soñar.
Un amigo que, cada vez que nos viña visitar ao colexio, recibiamos cos brazos abertos, porque eras dos poucos con ese «superpoder» de converter un día aburrido de clases nun día máxico.
Hoxe facémosche esta homenaxe porque queremos devolverche un pouquiño do que fixestes por nós. Porque non eras un máis, non para nós.
Marchaches, pero deixáchesnos o máis fermoso que nos puideches deixar, algo polo que nunca pasará o tempo, polo que sempre estarás connosco: as túas obras, que con tanto agarimo escribiches. Con elas, moitos máis nenos crecerán e soñarán, aínda que non tivesen a sorte de coñecerte, como nós tivemos.
Un abrazo moi forte de parte de todos; esperamos que chegue ata o ceo.
Videomontaxe (Laura Ponte, Iria Otero, Gabriela Taboada e Laura Mella, 3ESO-A)


Canción «California Dreamin’» (Icía Varela e Nerea Lago, 1BACH-A), mais tamén «Stand by me» e «O maio».


Un agradecemento especial tamén para o profesorado que fixo posible que todo saíse tan ben: Román Suárez, Miguel González, María Pereira, Miguel Mosquera, Carola Pintor, Xosé Manuel Varela, Pablo Quintá, Xulián Barros, Rafael Casás, Marcos Díaz e moitos outros.

xoves, 3 de novembro de 2016

Os nosos pangramas


E xa temos gañadora do reto de pangramas que convocamos hai unhas semanas: Eva Castro Vilaboy. Parabéns! 

Un desafío ben doado que só pedía crear un microrrelato que incluíse as 23 letras do noso alfabeto. Canto máis breve, mellor; isto é, cantas menos letras contivese ese pangrama, máis mérito tería. Aquí quedan os recollidos (e completos), por orde decrecente:


12. Ánder Renedo Estévez, 3ESO-A
O animal comeu figos e o humano Rodrigo comía cenorias e dicía que Paulo tiña un balón e comía queixo pero volvía á casa comendo zamburiñas cun xersei. (135 letras)

11. Marta Obarrio Cedeira, 3ESO-C
Onte fun xantar zorza e beber viño ao mesón do meu irmán Carlos porque era o aniversario de Helena e Guillerme. (90 letras)

10. Analía Lazarraga Lori, 3ESO-B
Exhausto da súa queixosa compañía, rebañou a última gota do seu infiel vaso de viño e marchou. Deixou alí os zapatos. (94 letras)

9. Iago Rodríguez Lodeiro, 3ESO-A
Sempre que o vexo come zamburiñas da facenda con galiña, despois anda uns quilómetros chans. (76 letras)

8. Carlota Vázquez Pereira, 3ESO-A
O vacante Gabriel comía unha pizza de catro queixos e un prato cheo de zamburiñas no faiado. (75 letras)

7. Miguel Rodríguez Rial, 3 ESO-A
As veces o sol fai que a xente moi preguiceira se zafe do que hai que facer e baixe coa lasaña. (74 letras)

6. Jorge Nolasco Cortiñas, 3ESO-B
O queixo que estaba agochado xunto as miñas zapatillas favoritas era vello e barato. (70 letras)

5. Julia Regueira Vázquez, 3 ESO-B
O xoves facemos boa limonada porque a túa caeu na herbiña ao golpeala co zapato. (65 letras)

4. Nerea Rodríguez García, 3 ESO-B
O ñu da praza de Santiago viu xogar a Marlo, que chocou co farol e coa árbore. (60 letras)

3. Iván Serrano Vázquez, 3ESO-C
Hoxe tiña para comer patacas con ovos, chourizo, figado e bloque de xeado. (59 letras)

2. Antía García Souto, 3ESO-B
Mañá xogaremos ao fútbol con Hugo porque vai vir durmir con Zaira. (54 letras)

1. Eva Castro Vilaboy, 3 ESO-B
O bolígrafo xa caeu e, estrañado, Sánchez esquivouno a tempo. (49 letras)

 

sábado, 29 de outubro de 2016

Fabulosa xornada de Samaín e Magosto!


Vaia día este venres 28! 

Pola mañá, o Festival de Samaín, cos rapaces de 2º e de 5º de Primaria a actuar ante o resto dos compañeiros do cole. Unha marabilla velos celebrar esta tradición milenaria de orixe celta con tanta variedade de disciplinas: teatro, danza, música, sombras chinesas, adiviñas... Un espectáculo ademais en galego, en castelán e en inglés. Parabéns rapaces e rapazas polo voso esforzo e tamén, como non, para Iria, Roberto e Olga, os profesores dos que xurdiu a iniciativa e que levaron o peso da organización. 

Pola tarde, tocaron xogos populares: a rá, o aro, os zancos, os birlos, as carreiras de sacos... Ata 30 diferentes! Pequenos e maiores gozaron, por quendas, de todas esas actividades lúdicas ligadas á nosa cultura. E rematamos co Magosto! Outra tradición do outono que se remonta ao noso pasado máis remoto. Castañas asadas para todos! 

luns, 17 de outubro de 2016

O reto lúdico [1]: pangramas


Velaí vai unha proposta lúdica e creativa para nos achegar á lingua. Non todo vai ser gramática, sociolingüística, ortografía... Convidámosvos a crear pangramas. E que demo é un pangrama?

Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e -gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. A súa finalidade é inicialmente práctica: ensaiar nun enunciado breve a escrita de todas as letras. Os pangramas máis chamativos son polo xeral os que usan o menor número de letras. Daquela, construír un pangrama que repita letras o menos posible resulta unha tarefa desafiante. 

Aquí tedes un exemplo tirado da lingua inglesa, que conta cun abecedario de 26 letras: 

The quick brown fox jumps over the lazy dog. («O rápido raposo marrón salta sobre o can preguiceiro») (35 letras)

O alfabeto galego consta de 23 letras: 
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z
Animádevos a crear pangramas orixinais co menor número de letras posible. Podedes empregar como axuda este xerador automático. Tanto ten que estea en inglés, só tedes que ir eliminando as 23 letras do noso abecedario. 

mércores, 5 de outubro de 2016

Homenaxe a Agustín Fernández Paz


Xa estamos de volta un novo curso. Preparados para seguir abrindo o mundo coa nosa máxica chave.

O pasado 12 de xullo finou en Vigo o escritor Agustín Fernández Paz. En poucas semanas, con motivo, da presentación do seu título póstumo A casa do medo (Ed. Rodeira), renderémoslle no Fogar unha merecida homenaxe. Merecida non só por se tratar dunha das figuras máis queridas e recoñecidas das nosas letras, dentro e fóra de Galicia, senón tamén pola súa estreita vinculación co noso colexio.  

Para quen non o saiba, Agustín comezou a exercer como mestre no Fogar, aló por 1973. Foron dous intensos cursos nos que toda a comunidade educativa do centro se implicou nun innovador proxecto pedagóxico: o Plan Dalton. Así deu os seus primeiros pasos como docente e así foi descubrindo tamén a súa vocación como escritor para os máis novos.

Desde entón, Agustín sempre mantivo, dunha forma ou doutra, o contacto co noso colexio.

Agustín no Fogar de Santa Margarida no ano 2013

Todos vós podedes formar parte desta homenaxe simplemente animándovos a ler calquera das obras de Agustín (temos unha chea delas na nosa biblioteca). Ademais, tamén vos convidamos a participar con estas actividades.
DEBUXAMOS A AGUSTÍN
Primaria (de 1EP a 6 EP)

Despois de que en cada grupo traballedes na aula unha obra diferente de Agustín Fernández Paz, podedes elaborar unha ilustración (con ceras, con rotuladores, cunha colaxe, con ordenador...) inspirada no título ou no tema da obra que vos correspondeu. Todos os vosos debuxos decorarán os corredores e escaleiras do colexio o día da Homenaxe a Agustín.
TITULTEXTOS DE AGUSTÍN
Primaria (5EP e 6EP)

Un xogo de creación literaria que consiste en elaborar un poema ou un relato breve introducindo nel títulos de libros de Agustín Fernández Paz, cantos máis mellor. Deixádevos levar pola vosa inspiración e pola vosa creatividade. Mesmo podedes traballar en parellas ou en grupos. Seguro que os títulos da súa abundante obra, habilmente combinados e con algún engadido da vosa colleita, poden dar orixe a pezas fantásticas.
CARTA A AGUSTÍN
Secundaria e Bacharelato

Todos os alumnos e alumnas destas etapas estades convidados a escribir unha carta dirixida a Agustín Fernández Paz. Nela podedes expresar todas as vosas ideas e impresións sobre o autor e/ou sobre as lecturas que teñades feito das súas obras. Se cadra, algunha xa pasou polas vosas mans: Trece anos de branca, A escola dos piratas, A neve interminable, As fronteiras do medo, Contos por palabras... Adiante! Que lle diríades a Agustín?
Se queredes saber máis sobre este vello amigo do Fogar, recomendámosvos visitar estas ligazóns:
Web persoal 
Entrada da Wikipedia en Galego
Agustín da Biblioteca Virtual Galega 
Agustín na web da AELG
Entrevista en vídeo
Reaccións tras o seu falecemento