martes, 28 de abril de 2015

Rosalía, universal


Estamos estes días a voltas con Rosalía de Castro. Aproveitando a ocasión, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O pasado 24 de febreiro, día en que se cumprían 178 do nacemento de Rosalía, o buscador Google homenaxeou a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Mais, en fin, Rosalía non é só unha solemne figura literaria. Tamén podemos vela con sentido do humor. ;-)

domingo, 19 de abril de 2015

Carlos Callón no Fogar


O pasado 13 de abril, o profesor e escritor Carlos Callón mantivo un encontro co alumnado de 3º e 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Centro. Após de comentar distintos aspectos do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, lido polo alumnado, achegou distintas reflexións sobre os problemas da nosa lingua para acadar a normalidade e animou aos alumnos a falárena sen medo nin prexuízos. O alumnado, o profesorado e o Equipo de dinamización lingüística do Centro valoraron moi positivamente a experiencia.

Este libro do ex-presidente de Mesa pola Normalización Lingüística completa, xunto con En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha «triloxía» ben útil para desbotarmos prexuízos sobre a nosa lingua e tomarmos un papel activo na súa recuperación.

venres, 10 de abril de 2015

Cunqueiro, animado




Esta semana, o alumnado de 4º da ESO asistiu a unha representación contada de varios relatos d’Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro. A actividade realizouna dun xeito maxistral Ramiro Neira, profesional do espectáculo teatral e da animación, quen provocou un efecto e resposta positivos no alumnado. Parabéns!

Por certo, algúns dos textos contidos nesa pequena obra mestra do relato breve foron levados á pequena pantalla aló polo ano 1989. Unha serie de televisión que adaptaba relatos como «Novo de Parmuíde», «Hermelinda da Ponte», «Tristán García»... De seguido, con todos vós, un dos seus capítulos: «A orella dereita de Antón de Leivas».

luns, 30 de marzo de 2015

Visita á Real Academia Galega





A pasada semana, o alumnado de 3º de ESO visitou a Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, sitas no número 11 da rúa Tabernas da nosa cidade. Durante a xornada, puideron descubrir que representa a Academia e cales son as súas funcións, así como algúns dos trazos da personalidade e da obra desta ilustre galega.

Para saberdes máis sobre a Real Academia Galega, aquí queda un gran vídeo didáctico sobre a historia desta institución centenaria realizado con Videoscribe, unha ferramenta on line coa que facer presentacións ben lucidas. Probádea!

venres, 6 de marzo de 2015

Bandeiras enfrontadas


Galicia, ano 2057: conflito político e lingüístico, amizade e traizón... Con todos vós, Bandeiras enfrontadas, unha curtametraxe que fará historia.

Guión digno de X. L. Méndez Ferrín, interpretación cun aquel de Luís Tosar, dirección que envexaría Quentin Tarantino. Así é este traballo de Jorge Barreiro, Alberto López, Sergio Pérez e Víctor Rioja, compañeiros de 1º de Bacharelato. Unha historia ideada, guionizada, interpretada e editada por eles ao cento por cento. Vese, ademais, o ben que o pasaron durante a rodaxe (incluídos os mortos en movemento!).

Aló por Hollywood, lembrádevos de nós. Parabéns polo traballo!

venres, 27 de febreiro de 2015

Traballos en Prezi 2014-2015 [1]


Despois de duras xornadas de intenso traballo, incluídas noites en vela (con certeza), comezan a chegar os magníficos traballos da xente de Bacharelato. Que grandes investigadores! Que arte na redacción do material! Que dominio das novas tecnoloxías!

Aquí vos quedan os primeiros: tres «Prezis» centrados nesta ocasión na literatura galega dos Séculos Escuros e do Rexurdimento. Axiña chegarán máis.

De Alfredo Hernández Silva

De Sofía Álvarez Losada e María Carrodeguas Varela

De Inés Sánchez Fernández

venres, 6 de febreiro de 2015

O Entroido con don Paco e dona Maruxa





Xa está aquí o Entroido, tempo de disfraces e de troula. E no Fogar apareceron os mecos do Entroido, don Paco e dona Maruxa, que observarán vixiantes se todo o mundo cumpre as súas ordes. Unha semaniña para estarmos atentos ao que nos pidan, co festival do venres pola tarde como gran final.

Ah!, e sabiades de onde vén a palabra «entroido»? Pois deriva da voz latina introitus, que significa ‘entrada’ ou ‘comezo’ en referencia á chegada primavera e ao rexurdimento da vexetación. 

E para saberdes máis, aquí vos queda unha divertida unidade didáctica sobre esta festa tradicional tan nosa e, por último, un vídeo dos informativos da TVG sobre o «triángulo máxico» do Entroido galego. A pasalo ben!