xoves, 12 de marzo de 2026

Algúns clásicos do noso teatro

O Mariscal (1926), de Ramón Cabanillas. Drama escrito en verso no que Cabanillas glosa a figura do Mariscal Pardo de Cela, convertido en figura lendaria do nacionalismo pola súa oposición aos reis católicos e que foi axustizado en Mondoñedo.


Os vellos non deben de namorarse (1941), de Castelao. Escrita no ano 1939 en Nova York, é unha farsa en tres actos ou lances que presenta distintas versións dun tema frecuente na literatura popular galega: o drama do vello que se namora dunha rapaza nova.


A fiestra valdeira (1927), de Rafael Dieste. Comedia dividida en tres lances e ambientada nunha vila mariñeira. Toda a acción xira en torno ao personaxe central, Don Miguel, un vello mariñeiro que retorna enriquecido da emigración, e a un cadro que o representa. 


Bailadela da morte ditosa (1980), de Roberto Vidal Bolaño. Obra que presenta seis cadros con seis personaxes que abrazan a morte como última defensa da súa dignidade, nun mundo, o da vella Galicia rural, que desaparece engulido pola barbarie alienante das cidades.