Axiña comezan as vacacións e entraremos no tempo do Nadal. Para celebralo, aquí deixamos un par de propostas. Primeiro unha versión en vídeo co clásico «Conto de Nadal» do escritor inglés Charles Dickens.
sábado, 13 de decembro de 2025
Conto de Nadal
venres, 31 de outubro de 2025
As vangardas europeas e galegas
- Dadaísmo. Orixinado polo romanés Tristan Tzara en Suíza, como protesta contra a guerra e a razón burguesa. Propón o absurdo, o azar e a destrución das normas artísticas e literarias. Busca escandalizar e negar calquera sentido racional. Emprega a colaxe, a escrita por azar, poemas fonéticos e performances provocadoras. Representantes: Tristan Tzara, Marcel Duchamp, Man Ray.
- Cubismo. Iniciado por Picasso e Braque, rompe coa perspectiva tradicional e representa a realidade mediante figuras xeométricas e visións múltiples. Pretende mostrar todos os ángulos dun obxecto nun mesmo plano. Na literatura, Apollinaire crea caligramas, poemas con forma visual. Representantes: Picasso, Braque, Juan Gris, Guillaume Apollinaire.
- Futurismo. Fundado por Marinetti en Italia, exalta a velocidade, a máquina, a cidade ou a guerra como símbolos da modernidade. Defende a ruptura co pasado e coa arte tradicional. Na poesía experimentou coa destrución absoluta da sintaxe, co uso de onomatopeas, coa desaparición dos signos de puntuación... Representantes: Marinetti, Boccioni, Balla, Carrà.
- Surrealismo. Impulsado por André Breton ou Paul Éluard en Francia, busca expresar o inconsciente e os soños inspirándose na psicanálise de Freud. Combina realidade e fantasía para revelar o pensamento «puro». Utiliza a escritura automática e imaxes ilóxicas ou sorprendentes. Representantes: Breton, Éluard, Dalí, Magritte, Miró.
- Creacionismo. Impulsado polo chileno Vicente Huidobro, postulou que o poeta, como un pequeno deus, debe crear novos mundos coa palabra, non imitar a natureza. Defende unha poesía autónoma, pura, baseada na imaxinación e de vocación cosmopolita. Emprega metáforas audaces, disposición libre dos versos, ausencia de rima... Representantes: Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Juan Larrea.
- Neotrobadorismo. Inspirado na nosa lírica medieval, recupera temas (o amor idealizado...), ambientacións (adoito naturais) e recursos estilísticos propios da lírica dos cancioneiros (formas sinxelas, paralelismo, refrán...). Pretende ligar a tradición literaria medieval galega coa renovación vangardista. Representantes: Fermín Bouza-Brey, Xohán Ledo, Álvaro Cunqueiro.
- Hilozoísmo. Termo acuñado por Amado Carballo (do grego hilo ‘materia’ + zoe ‘vida’) para definir unha poesía onde a natureza aparece animada e viva, chea de movemento e cor. Busca unha visión dinámica e sensorial da paisaxe galega, próxima ao espírito vitalista e optimista das vangardas europeas. Representantes: Luís Amado Carballo, Manuel Antonio.
domingo, 26 de outubro de 2025
Activas impersoais e pasivas reflexas
- Se o verbo está en P6, sempre é pasiva reflexa.
Na reunión dixéronse moitas cousas.
- Se o verbo é intransitivo, copulativo ou transitivo sen CD expreso, sempre é impersoal.
Vívese ben en Galicia. (verbo intransitivo)Ése máis serio no traballo. (verbo copulativo)En Escocia céase máis cedo. (verbo transitivo sen CD expreso)
- Se o verbo é transitivo, en P3 e con CD expreso, resulta ambigua e pode interpretarse de dous xeitos. Só o contexto permitiría distinguilas ben:
Alúgase piso. A) Activa impersoal (Alguén aluga piso)
B) Pasiva reflexa (O piso é alugado)
Aquel día escribiuse unha páxina da historia.Na casa falábase sempre de política.En Islandia atopáronse mosquitos por primeira vez.Asinouse o tratado.Desde esta montaña vense tres rías.Búscase rapaza responsable para coidado de nenos.Botáronse de menos as apertas durante a pandemia.Sófrese moito por un fillo.Localizouse o asasino nunha cova arredada.No se permiten os móbiles na biblioteca.
xoves, 9 de outubro de 2025
Máis sobre as variedades dialectais
martes, 30 de setembro de 2025
Prexuízos lingüísticos e discriminación
- Unha creadora de contido responde as críticas por falar en galego: «Como podes pensar que é unha moda?» (17-1-2025)
martes, 16 de setembro de 2025
Vogais medias semiabertas e semipechadas
Xa saberás que o sistema vocálico galego consta de sete vogais. Aquí cho explica Esther Estévez en Dígocho eu.
Se cadra, un dos trazos máis especiais do galego, especialmente para un neofalante, é a distinción entre vogais medias semiabertas e semipechadas. Aquí che deixamos unhas breves pautas para distinguir o uso dunhas e doutras.
Vogais semiabertas /ɛ/ /ɔ/
• En palabras con «e» ou «o» breves no latín: ferro, fero, festa, pedra, grego, nove, roda, óso, nora, soño...
• Diante consoante oclusiva trabante «p», «b», «t», «k»: heptagonal, obter, étnico, rectangulo, optimista, robot, octosílabo...
• Nas palabras rematadas en -elo/-ela, -encio/-encia, -enza, -osa, -ola, -el, -ol e -oz: castelo, cadela, silencio, paciencia, crenza, xeitosa, pastel, papel, caracol, español. voz... Así como os seus plurais: pasteis, papeis, caracois, españois...
• En palabras esdrúxulas (excecpción: cóbado) e en palabras graves con ditongo crecente na última sílaba (excepción: femia, premio, medio, codia): brétema, médico, inhóspita, lóxico, arteria, vivencia, croio, serodia...
• Nos nomes das seguintes letras: e, o, efe, ele, eme, ene, eñe, erre e ese.
• Nos indefinidos alguén, ninguén, ren, cadaquén, quenquera, calquera, mesmo, certo...
• No interrogativo quen.
• Nos numerais cero, sete, nove, dez, cen...
• Na conxunción copulativa e, aínda sendo átona.
• Nas formas do posesivo noso, nosos, nosa, nosas.
Vogais semipechadas /e/ /o/
• En palabras con «e» ou «o» longos no latín: cheo, tona, rede, todo, boca, collo...
• Diante das consoantes palatais «ch», «x», «ñ», «ll» (exc. vello): fecho, pexa, empeño, cortello...
• Nas palabras terminadas en -és/-esa, -edo, -ez/-eza, -ello/-ella, -oso, -ón/-ona, -or: cangués, coruñesa, penedo, avareza, curioso, pasmón, mangallona, comedor...
• Palabras rematadas en -eo, -ea, -oa: feo, fea, alleo, allea, seo, area, leoa, boa, ladroa, coroa...
• Formando ditongos decrecentes: meu, eira, moito, ouro, touro, eito, moucho, noiva, eixe...
• Nos nomes das letras seguintes: be, ce, de, gue, pe, te, xe e zeta (ou ceta).
• Nos demostrativos este, esta, ese, esa, aquel, aqueles.
• Nos numerais tres, once, doce, trece, catorce.
Para afondar neste eido da fonética e da fonoloxía do galego, aquí tes tres recursos útiles.
Dicionario de Pronuncia da Lingua Galega (da USC e do ILG)
Fonética e Fonoloxía do Galego (do lingüista Manuel Rosales Graña)
Sounds of Speech (da University of Iowa)
luns, 30 de xuño de 2025
Rematou o curso. Gran traballo!
Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.
Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!
Ata o curso que vén! Bo verán!
