Amosando publicacións coa etiqueta regueifa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta regueifa. Amosar todas as publicacións

martes, 25 de marzo de 2025

A riqueza das cantigas populares

As cantareiras, custodios da tradición, centran o festival do Toxos e Froles

A lírica popular oral galega, coa súa tradición musical, é considerada unha das máis importantes de toda Europa occidental. A través das cantareiras, homenaxeadas no Día das Letras deste ano, podemos apreciar a riqueza e variedade das cantigas populares, que xurdían en calquera momento do ano, con calquera traballo ou ocasión festiva. Esta podería ser unha clasificación:

Traballos do campo: cantos de seitura (de cando se recollía o cereal), cantos de vendima (de cando se recollía a uva), muiñeiras (asociadas ao momento de moer no muíños).

Festas anuais: cantos dos maios (asociadas á celebración da primavera), cantos de Nadal ou panxoliñas (na época do Nadal).

Vida cotiá: cantos de berce (para adurmiñar os nenos), regueifas (diálogos cantados improvisados entre mozos e mozas típicos das vodas).

Queredes escoltar algunha? Aquí tedes uns cantos exemplos.

Muiñeira


Cantiga do maios


Panxoliña


Canto de berce


Regueifa

domingo, 21 de febreiro de 2021

Da tenzón á batalla de galos

Hoxe son populares as batallas de galos de rapeiros. Neste vídeo podes ver os últimos minutos da final da Liga CeibaRimas 2020. Unha batalla de galos (virtual a causa do Covid) na que se enfrontaban Óscar «O Arrieiro» (chegado do mundo da regueifa tradicional) e Álex «O Jallejo» (mozo experto no rap improvisado). Quen foi o gañador?

Con todo, as disputas improvisadas en verso entre dous poetas veñen de antigo. Na nosa lírica trobadoresca medieval existía o xénero da tenzón, un tipo de cantiga satírica na que un xograr e un trobador «combatían» para demostrar cal deles era o mellor. Deseguido poder ler as dúas primeiras cobras da tenzón que protagonizaron o trobador Xoán d‘Avoín e o xograr Lourenço. Unha batalla de galos de hai case mil anos!

–Lourenço, soías tu guarecer (1)
como podias, per teu citolom (2),
ou bem ou mal, nom ti dig'eu de nom,
e vejo-te de trobar trameter 
(3);
e quero-t'eu desto desenganar:
bem tanto sabes tu que é trobar
bem quanto sab'o asno de leer.
–Joam d'Avoim, já me cometer (4)
veerom muitos por esta razom (5)
que mi diziam, se Deus mi perdom,
que nom sabia 'm trobar entender;
e veerom por en comig'entençar 
(6),
e figi-os eu vençudos (7) ficar;
e cuido-vos deste preito vencer. [...]
(1) guarecer: gañar a vida
(2) citolom: gran cítola (semellante á guitarra actual)
(3) trameter: entremeterse, inmiscirse nun asunto alleo
(4) cometer: atacar
(5) razom: argumento, idea
(6) veerom por en comig'entençar: viñeron por iso comigo entrar en disputa
(7) vençudos: vencidos

Por certo, se che gusta o rap improvisado e as batallas de galos, podes participar no CeibaRimas Challenge 2021. Le ás bases e anímate! Demostra a túa habilidade co rap en galego! 


xoves, 4 de abril de 2019

[21DEG: Día 14] O reto: Enreguéifate



Unha regueifa é unha disputa cantada entre dúas ou máis persoas de forma improvisada. Este xénero popular ten moita relación coa nosa tenzón medieval e tamén co rap actual: habilidade na improvisación, duelos dialécticos, retranca, sentido satírico...

O reto é o seguinte: en parellas, cantardes unha regueifa. Coma se fose unha «pelexa de galos», debedes contar cun «contrincante»: un compañeiro/a de 21DEG, un familiar... Aquí tedes un vídeo que explica como se regueifa.


Como podedes organizarvos?
• Lembrade, no voso combate cantado debedes usar coplas: estrofas de catro versos de arte menor, coa rima asonante ou consonante só nos pares.
• Se facelas improvisadas resulta difícil, podedes preparar o texto antes e ensaialo.
Para todo o demais, o mellor é que sigades os consellos destes expertos, que vos din como gravar unha regueifa para o certame Enreguéifate 2019. Se queredes, podedes aproveitar o voso vídeo, non só para o 21DEG, senón tamén para este concurso de regueifas.


Se hoxe non vos é posible facelo, non pasa nada, podedes gravar a regueifa outro día. Para vos orientar, observade este vídeo premiado no certame Enreguéifate 2018. Animádevos! A divertirse regueifando en galego! Con imaxinación! Sen medo nin vergonza!




mércores, 18 de abril de 2018

[21 DEG: Día 16] O reto: Rap e regueifa




Rap é regueifa non son o mesmo, mais teñen moitas cousas en común: tradición oral, habilidade na improvisación, os duelos dialécticos, a retranca e o sentido satírico...

Hoxe un reto que non é doado. Intenta cantar, ben un rap, ben unha regueifa. O mellor é facelo en parella, coma se fose unha «pelexa de galos». Veña, sen medo nin vergonza!
• Podedes preparar o texto antes e ensaialo ou, se vos vedes capaces, facelo directamente improvisando.
• Unha boa opción é creardes estrofas semellantes ás coplas: catro versos de arte menor, coa rima asonante ou consonante, só nos pares.
• Se queredes, observade ben este exemplo de dous dos nosos campións regueifeiros: Alba María e Benito Lobariñas.

E este é o voso logo de hoxe.


Noel López de la Fuente, 3ESOB