Como vimos na aula, Castela foi destino obrigado para Rosalía de Castro e a súa familia en varias ocasións. Alí, nosa poeta foi testemuña das duras condicións en que vivían os xornaleiros galegos que emigraban á meseta na época da sega. No seu poema «Castellanos de Castilla», describe o maltrato e a angustia que soportan estes segadores galegos.
A voz poética é a da muller dun deles. Esta chora, con dor e desconsolo, a morte do seu home como consecuencia das duras condicións de traballo. Unha dor que a leva a amosar o seu desprezo por Castela e a pedir un bo trato aos galegos.
O poema ten, daquela, unha clara temática social-patriótica e resulta hoxe plenamente vixente se pensamos na dureza da situación da poboación emigrante en moitas partes do mundo.
Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!
O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía.
Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!
Hoxe son populares as batallas de galos de rapeiros. Neste vídeo podes ver os últimos minutos da final da Liga CeibaRimas 2020. Unha batalla de galos (virtual a causa do Covid) na que se enfrontaban Óscar «O Arrieiro» (chegado do mundo da regueifa tradicional) e Álex «O Jallejo» (mozo experto no rap improvisado). Quen foi o gañador?
Con todo, as disputas improvisadas en verso entre dous poetas veñen de antigo. Na nosa lírica trobadoresca medieval existía o xénero da tenzón, un tipo de cantiga satírica na que un xograr e un trobador «combatían» para demostrar cal deles era o mellor. Deseguido poder ler as dúas primeiras cobras da tenzón que protagonizaron o trobador Xoán d‘Avoín e o xograr Lourenço. Unha batalla de galos de hai case mil anos!
–Lourenço, soías tu guarecer (1)
como podias, per teu citolom (2), ou bem ou mal, nom ti dig'eu de nom, e vejo-te de trobar trameter (3); e quero-t'eu desto desenganar: bem tanto sabes tu que é trobar bem quanto sab'o asno de leer.
–Joam d'Avoim, já me cometer(4)
veerom muitos por esta razom(5) que mi diziam, se Deus mi perdom, que nom sabia 'm trobar entender; e veerom por en comig'entençar(6), e figi-os eu vençudos(7) ficar;
e cuido-vos deste preito vencer. [...]
(1) guarecer: gañar a vida
(2) citolom: gran cítola (semellante á guitarra actual) (3) trameter: entremeterse, inmiscirse nun asunto alleo (4) cometer: atacar (5) razom: argumento, idea (6) veerom por en comig'entençar: viñeron por iso comigo entrar en disputa (7) vençudos: vencidos
Por certo, se che gusta o rap improvisado e as batallas de galos, podes participar no CeibaRimas Challenge 2021. Le ás bases e anímate! Demostra a túa habilidade co rap en galego!
Rap é regueifa non son o mesmo, mais teñen moitas cousas en común: tradición oral, habilidade na improvisación, os duelos dialécticos, a retranca e o sentido satírico...
Hoxe un reto que non é doado. Intenta cantar, ben un rap, ben unha regueifa. O mellor é facelo en parella, coma se fose unha «pelexa de galos». Veña, sen medo nin vergonza!
• Podedes preparar o texto antes e ensaialo ou, se vos vedes capaces, facelo directamente improvisando.
• Unha boa opción é creardes estrofas semellantes ás coplas: catro versos de arte menor, coa rima asonante ou consonante, só nos pares.
• Se queredes, observade ben este exemplo de dous dos nosos campións regueifeiros: Alba María e Benito Lobariñas.