Amosando publicacións coa etiqueta 21 Días En Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 21 Días En Galego. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de febreiro de 2021

O noso proxecto de 21 DÍAS EN GALEGO (e +)

Todo comezou aló polo 2013. Os rapaces do IES da Pobra do Caramiñal foron os pioneiros coa experiencia 21 Días Co Galego, da man da profesora Pilar Ponte. Despois, no ano 2017 un grupo de alumnos e alumnas do Fogar seguiron o seu ronsel e comezamos o noso 21 DÍAS EN GALEGO (21DEG).

A experiencia consiste en aceptar o reto de falar en galego durante 21 días. Co acompañamento de actividades diarias que se propoñen desde o blog da materia. Non hai que estudar, non hai que escribir. Todo se basea en falar e ir gravando a diario as actividades propostas: días impares contar «Como che vai?» (unha especie de videodiario) e días pares «O reto» (xogos e actividades lúdicas para facer individualmente, en parella, en grupo...).

Coas ducias e ducias de vídeos do primeiro ano, elaboramos este minidocumental. Fiel mostra de como resultou a experiencia.

Para sorpresa de todos, 21DEG tivo unha grande acollida e tamén diversos recoñecementos. Recibimos o premio á «Investigación sobre a nosa fala» da asociación Xermolos no Festival de Pardiñas.

Leváronos á radio, ao programa «O Coruñés Opina», para falar sobre o noso proxecto e axudar a divulgalo.

Recibimos, ademais, a homenaxe da Real Academia Galega, xunto cos rapaces da Pobra, nun acto celebrado na propia institución e que foi recollido nos medios de comunicación.


E, por último, a Xunta decidiu impulsar o mesmo proxecto, co nome de 21 Días Co Galego e +, entre a rapazada de institutos públicos de toda Galicia. O ano pasado, de feito, fomos convidados tamén a participar.


E este ano, aceptas ti o reto de 21DEG? Se se fai entre amigos/as, moito máis doado!


mércores, 26 de xuño de 2019

21DEG: ata o curso que vén!


Aquí tedes unha imaxe cuns cantos dos participantes este curso en 21 Días En Galego. Vese que algo se lle quedou da lingua ao practicala tanto!

O número de participantes e niveis implicados vai, ano a ano, ampliándose. Este curso foron compañeiros de 3ESO, 4ESO e tamén Bacharelato. Os resultados foron moi positivos, tanto na mellora da produción oral dos protagonistas, como na súa reflexión sobre a realidade da lingua. 

Este ano, ademais, foi especialmente importante a implicación e participación das familias: avós e avoas, país e nais, irmáns e irmás animáronse a participar activamente en moitas das propostas: regueifas, raps, adiviñas, xogos... 

Desde o Departamento de Lingua Galega queremos felicitar a todos os implicados, alumnado e familias. Sen a vosa axuda e sen o voso compromiso, este proxecto non sería posible. Aspiramos a mantelo vivo moito tempo.

De novo, parabéns e grazas! Ata o curso que vén!

sábado, 28 de abril de 2018

E chegamos á Academia!


As cousas sábese como comezan, mais rara vez como van acabar. O curso pasado, durante algunha das sesións da materia de Lingua Galega, tratando o bloque de sociolingüística, mencionamos a experiencia dos 21 DÍAS CO GALEGO do IES da Pobra do Caramiñal e algúns dos alumnos e alumnas falaron de por que non faciamos nós algo semellante. E aí comezou todo no Fogar. 

Hoxe, despois de dúas edicións do noso 21 DÍAS EN GALEGO, estamos de felicitación. Se o verán pasado foi a Asociación Xermolos a que nos agasallou co premio á «Investigación sobre a nosa fala», recibido no Festival de Pardiñas, este vindeiro 8 de maio é nada máis e nada menos que a Real Academia Galega a que nos convida, xunto coa xente da Pobra, a un acto de recoñecemento público. Alí estarán, ademais, os medios de comunicación!

Parabéns a todos os rapaces e rapazas que coa vosa ilusión e dedicación fixestes posible este proxecto tan fermoso. E que siga a medrar!