Amosando publicacións coa etiqueta xogo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xogo. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de maio de 2023

Tres pasagalegos para o Día das Letras Galegas

Para o Día das Letras Galegas, o alumnado de 6EP participou na creación de tres magníficos pasagalegos. Aquí os tedes. Cada un deles consta dun rosco de 23 palabras, ordenadas alfabeticamente. Cantas podes adiviñar? 

Imaxínate como concursante da tele e pon a proba os teus coñecementos sobre vocabulario na nosa lingua.

E non só xogues ti. Convida a xogar na casa ao teu pai, á túa nai, a teu irmán ou irmá, aos teus avós... Quen o fai mellor?

Sexto A


Sexto B


Sexto C



domingo, 25 de abril de 2021

[21DEG: Día 20] O reto: As adiviñas

Xa estamos no día 20 de 21DEG. «O reto» hoxe: xogar con adiviñas. Aquí che damos seis pezas. Tes que gravarte en dúas fases:

a) Le as adiviñas en voz alta e intenta ofrecer a súa solución. Pon a cabeciña a traballar! 



Adiviña 1
Quen me mira e me desfai,
ha de chorar máis por min
que chorou pola súa nai.
A cebola

Adiviña 2
Cae da torre embaixo e non rompe,
e cae dunha ponte e rompe.
O papel

Adiviña 3
Que será unha cousiña, cousa,
que entra por onde non entra un leirón
e garda a casa coma un león?
A chave

Adiviña 4
Teño follas sen ser árbore,
fáloche e non teño voz;
se me abren non me queixo,
adiviña ti quen son.
O libro

Adiviña 5
Que animal é 
o que anda cos pés na cabeza?
O piollo

Adiviña 6
Se queres saber de min
estou no medio do mar;
non son peixe, non son illa
e tampouco sei navegar.
A letra «a»

Ollo! Se ves que algunha se che resiste, pasando o cursor pola zona en branco debaixo cada adiviña atoparás as solucions.

b) A segunda parte do reto, aproveitando que estamos en fin de semana, debe facerse en familia. Grávate recitándolles as adiviñas túa nai, a teu pai, a un avó ou avoa, a un irmán ou irmá... Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). 

Xa sabes, todo nun mínimo de 3 minutos.

venres, 29 de marzo de 2019

[21DEG: Día 08] O reto: Que me estás contando?


Hoxe, venres, propoñemos un xogo en grupo. Podes organizalo con familiares ou con amigos/as. Como mellor che veña.

Trátase de imitar o «Que me estás contando?» de Land Rober. Se non sabes en que consiste, bótalle unha ollada a este vídeo.


Formade un grupo de tres membros. Cada participante anota nun papel unha palabra (que non deben coñecer os compañeiros). Logo preparádevos para gravar o xogo seguindo estas pautas: 
• Un de vós amosa o seu papel á cámara (sen que os demais o vexan) e comezará a explicar mediante acenos e xestos esa palabra.
• Os outros dous, como no programa Land Rober, deben adiviñala. Gaña o primeiro en conseguilo.
• O proceso repítese repartindo por quendas os papeis de «mimo» e de «adiviñadores». 
Cando rematedes con esas tres palabras, podedes repetir o xogo con outras, se vos apetece.