martes, 10 de febreiro de 2026

Poesía musicada (1936-1975)

Andamos estes días en 2ª de Bacharelato a traballar a poesía galega durante o franquismo (1936-1975). A pesar da dureza daquelas décadas, a nosa lírica produciu algun dos poemas máis fermosos da historia da literatura galega. Aquí deixamos versións musicadas dalgúns destes textos, de Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar ou Xosé María Díaz Castro. Versos que cobran vida coa música, revelando emocións e reflexións que seguen a emocionarnos hoxe. Unha viaxe sonora pola poesía que marcou unha xeración.

«Irmaus», Longa noite e pedra (1962). Celso Emilio Ferreiro
Musicado por Fuxan os Ventos


«Longa noite de pedra», Longa noite e pedra (1962). Celso Emilio Ferreiro
Musicado por Astarot


«Eu», O vento no teu colo (1975). Antón Tovar
Musicado por Anxo Rei


«Penélope», Nimbos (1961). Xosé María Díaz Castro
Musicado por A Quenlla

luns, 9 de febreiro de 2026

Encontro con Érica Esmorís






Hoxe luns 9 de febreiro tivemos a inmensa sorte de contar coa visita de Érica Esmorís, autora da obra Erin e o lobo, que todo o alumnado de sexto de Primaria leu este segundo trimestre. Era unha visita moi agardada pois os nosos lectores e lectoras estaban ansiosos por poder coñecela e preguntarlle unha chea de cousas.

Érica contounos que somos o primeiro centro que lle pediu charlar sobre esta obra súa, que foi a gañadora no ano 2025 do prestixioso Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil. Resultou un encontro ameno e cheo de preguntas, respostas, comentarios, opinións... Unha oportunidade de coñecer de primeira man como xurdiu a idea deste libro, como é o traballo de escritora, que motivacións a impulsaron a escribir, que proxectos ten...

Esperamos que Érica o pasase tan ben coma nós e que, nun futuro, poidamos contar con ela de novo para charlar sobre máis obras súas en calquera etapa. Graciñas, Érica!

mércores, 28 de xaneiro de 2026

Os conectores textuais

Os conectores ou marcadores textuais son unha serie aberta e heteroxénea de elementos lingüísticos (adverbios, conxuncións, locucións adverbiais ou conxuntivas...) que serven para indicar as relacións entre as ideas dun texto e organizar as partes do mesmo dándolle cohesión. Se queres crear un bo texto, cómpre ordenar as ideas servíndote destes elementos lingüísticos. Estes son os máis importantes:

Vexamos un exemplo de como o uso desta variedade conectores permite elaborar textos ben organizados.

No tocante ao consumo de tabaco, estamos ante unha realidade moi presente na sociedade actual. É un hábito normalizado en reunións sociais, espazos de lecer e mesmo entre a mocidade. Pero, se coñecemos os seus efectos, por que segue sendo tan habitual? Esta cuestión sitúa o debate nos ámbitos sanitario, educativo e familiar, e mostra que estamos ante un tema que require reflexión colectiva. 

En primeiro lugar, o tabaco constitúe un grave problema de saúde pública, porque o seu consumo está relacionado con múltiples doenzas: cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios crónicos. Ademais, non só prexudica a quen fuma, xa que o fume pasivo tamén afecta ás persoas de arredor. Por exemplo, nenos expostos ao tabaco presentan máis infeccións respiratorias. A Organización Mundial da Saúde lembra que «o tabaco mata a millóns de persoas cada ano», é dicir, trátase dun risco real e comprobado. Polo tanto, non é unha cuestión meramente individual. 

En segundo lugar,  o consumo de tabaco ten un impacto económico moi significativo. O fumador realiza un gasto constante nun produto prexudicial que, ao cabo do ano, pode supoñer miles de euros. Ademais, ese custo individual multiplícase a nivel social, xa que en España os gastos sanitarios directos derivados do tabaquismo sitúanse arredor dos 8.000 millóns de euros anuais. É dicir, non se trata só dun hábito persoal, senón dun problema que afecta ao conxunto da economía. Polo tanto, toda a sociedade acaba asumindo as consecuencias económicas do tabaquismo. Aínda así, hai quen o considera unha decisión privada, cando en realidade repercute nos recursos públicos e no benestar colectivo.

En resumo, o consumo de tabaco non pode considerarse inofensivo, pois implica danos sanitarios, económicos e sociais. Reducir o seu consumo debería ser unha prioridade colectiva.