Amosando publicacións coa etiqueta Breogán. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Breogán. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de maio de 2024

Ruta Pondaliana 2024

O pasado 7 de maio, o alumnado de 3ESO animouse, un ano máis, a participar na Ruta Pondaliana. Unha xornada para aprender ao aire libre, no propio territorio. Para aprender e, tamén, para gozar cos compañeiros e compañeiras no entorno natural e cultural da comarca de Bergantiños. 

Pola mañá, achegámonos ao castro de Borneiro e ao dolmen de Dombate (visita guiada). Ao medio día xa estabamos no piñeiral da praia de Balarés, onde comemos e puidemos gozar dunhas horas de lecer.

Pola tarde, realizamos a camiñada prevista polo Monte Branco e pola desembocadura do Anllóns, ata chegar á casa natal de Eduardo Pondal, en Ponteceso. 

Unha xornada inesquecible! Parabéns a todos e todas polo ben que fixestes a lectura e comentario in situ dos poemas pondalianos!

Galería de fotos

venres, 28 de abril de 2023

A lenda de Breogán e as «nacións celtas»

Non é difícicil de identificar certas afinidades entre os pobos cunha orixe celta común no extremo atlántico de Europa. Son as coñecidas como «nacións celtas». 


Boa parte deste herdo común, pode estar asociado a figuras como a de Breogán, mítico rei celta que Eduardo Pondal levou aos seus versos.

O rei Breogán foi fundador de Brigantia (hoxe, A Coruña), segundo as tradicións lendarias irlandesas recollidas nun conxunto de manuscritos do século XI: o Leabhar Gabhála Éireann ou Libro das Conquistas Irlandesas, que narra as diversas invasións que sufrira a illa. 

Segundo estes textos, Breogán construiu na cidade da Coruña unha torre de altura tal que se podía enxergar, nos días máis claros, unha ribeira verde: Irlanda.

A visión desta afastada terra leva a Ith, fillo de Breogán, ata a illa, onde algúns nobres envexosos o asasinan. En vinganza, o sobriño de Ith, Mil, navega desde Brigantia a Irlanda con trinta barcos e conquista a illa, dando lugar ao pobo dos fillos de Mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.

Aquí tedes un breve vídeo que recrea estes episodios da lenda de Breogán e da conquista de Irlanda polos seus descendentes con fragmentos do Leabhar Gabhála Éireann.