Amosando publicacións coa etiqueta María Solar. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Solar. Amosar todas as publicacións

sábado, 17 de maio de 2025

Encontro con María Solar


O pasado venres, 9 de maio, recibimos a visita da xornalista e escritora María Solar coa que  cerramos o ciclo de encontros con escritores este curso 24-25, tras os xa realizados de  Francisco Castro e Ledicia Costas.  

Durante os últimos anos, estivemos a realizar a lectura de varias das súas obras como Os nenos da varíola ou As horas roubadas e nesta ocasión, o alumnado de 3º da ESO viña de ler un dos seus últimos libros publicados: Adeline, inspirada na historia de Carmilla, a primeira muller vampira.

Durante o encontro, a autora fixo un percorrido polos momentos, lugares e personaxes que lle serviron de inspiración para crear a súa obra e rematou asinando algúns exemplares do libro.

O acto foi o perfecto colofón para un ano de coñecemento dunha boa parte da nosa literatura e, asemade, un xeito especial de celebración das nosas Letras Galegas.





martes, 6 de abril de 2021

[21DEG: Día 01] Como che vai?


Día 1 de 21DEG 2021! Comezamos! En cada edición, como sabes, tivemos a sorte de contar con diferentes padriños ou madriñas. Este ano a mensaxe de felicitación e de ánimo vén de parte de María Solar, presentadora de televisión e autora de Os nenos da varíola.

Nos días impares toca contar «Como che vai?». Así que hoxe, ao rematares o día, grava un vídeo de polo menos 3 minutos explicando como vai a experiencia. Se ves que non che é fácil, podes responder estas preguntas:

— Que che pareceu a mensaxe de ánimo de María Solar? 
— Comezaches con gañas a experiencia? Veste con ánimo de chegar ao final? 
— Xa sabes que é unha actividade voluntaria. Por que te animaches a participar?
— Conseguiches falar hoxe moito tempo en galego?
— Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
— Como reaccionou a xente ao teu arredor?

xoves, 18 de marzo de 2021

Encontro virtual con María Solar

Boas noticias! O próximo martes, ás 16:30, celebraremos un encontro virtual coa escritora María Solar. É unha tarde na que non temos clases, mais era o único oco que a autora de Os nenos da varíola nos podía ofrecer. Seguro que pagará a pena. En Moodle, nunha tarefa creada para a ocasión, podes atopar a ligazon para a sesión de Zoom coa que celebraremos o encontro.

María Solar é actualmente presentadora do programa Zigzag Fin de Semana na TVG e coordina os programas de cultura da CRTVG. A súa formación abarca as ciencias e as letras. É diplomada en Maxisterio (Universidade de Santiago de Compostela), licenciada en Xornalismo (Universidade SEK de Segovia) e tamén licenciada en Bioloxía (Universidade de Santiago de Compostela).

Traballou como actriz de dobraxe e conta cunha ampla experiencia na nosa radio e televisión autonómicas, onde presentou todo tipo de programas: Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, As tardes da Galega ou Chamando á Terra.

Ademais de Os nenos dos varíola (Galaxia, 2017), publicou obras como: Vou ter un irmán!!! (Galaxia, 2011),  O meu pesadelo favorito (Galaxia, 2015) ou As horas roubadas (Xerais, 2016). As súas obras foron traducidas a diversos idiomas: castelán, portugués, catalán, polaco, filipino... 

Animámosvos a participar e, por suposto, intervir na charla que poidamos ter con María facéndolle preguntas: Seguro que hai moitas cousas sobre a súa faceta persoal ou profesional que vos gustaría saber:

• Por que fixo uns estudos tan amplos e variados? 

• De onde lle vén a súa vocación de escritora? 

• É fácil compaxinar tantas facetas profesionais? 

• Como xurdiu a novela Os nenos da varíola

• Tivo que investigar moito sobre os acontecementos históricos nos que se centra?

• Que relación atopa entre aquela gran pandemia da varíola de hai máis de 200 anos e a actual?

Poderiamos facerlle estas e outras moitas preguntas. Adiante, pénsao e prepara a túa!