Amosando publicacións coa etiqueta traballos nosos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta traballos nosos. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de xuño de 2025

Rematou o curso. Gran traballo!

Rematou o curso 2024-25. Foi un período moi intenso cheo de proxectos e actividades. Non podemos deixar de felicitar a todo o profesorado, alumnado e familias que demostraron unha gran implicación. Esperamos poder repetir esta mesma dinámica no futuro.

Como colofón e despedida, nada mellor que un dos grandes traballos achegados polo alumnado. Neste caso, un magnífico vídeo elaborado por Roi Edreira, Manuel Andrade e Sebastián Mattos, de primeiro de Bacharelato, cun roteiro lingüístico-literario no que nos expoñen a vinculación do Rexurdimento coa nosa cidade da Coruña. Parabéns, rapaces!

Ata o curso que vén! Bo verán!

luns, 12 de maio de 2025

O «O Valse das Avoas»

Outro dos proxectos arredor da Letras Galegas deste curso foi o «Valse das Avoas». Impulsado desde o Departamento de Música e coa coordinación da profesora Iria Pérez, organizamos todo o necesario para que pequenos e maiores bailasen este valse, inspirado na adaptación que Xabier Díaz fixo dunha peza das cantareiras de Cerceda: Rosa e Adolfina Casás. 

O primeiro foi preparar a música. Coa colaboración inestimable dalgúns pais, nais e de varios alumnos e alumnas fixemos ensaios, máis ensaios e, finalmente, a gravación da peza. Un agradecemento moi especial a todos estes músicos da casa, do Fogar: Sabela Varela, Leda Vázquez, Marina Martínez, Raúl Novoa, Enma Díaz, Daniela Sambad, Sindo Novoa, Noelia Losada, Natalia Freire, Paula Suárez e Iria Pérez.

Logo, chegou o día do baile. Unha sesión ben divertida e gratificante na que conseguimos encher o ximnasio con nenos, pais, nais, avós, avoas... Todos a bailar a ritmo de valse. 

Moitas grazas! Un gran traballo!

xoves, 8 de maio de 2025

Esperámosvos na «Foliada das Letras»

O vindeiro mércores ás 17:30 comezará a gran FOLIADA DAS LETRAS, unha festa con música en vivo (a cargo do grupo Pesdelán), baile e merenda para todos os asistentes. E de balde! Estades todos convidados! Animade os vosos imáns e irmás, pais, nais, avós e avoas. Cantos máis, mellor!

Non só pasaremos unha tarde divertida con este ambiente festivo, senón que tamén celebraremos as Letras Galegas deste ano, dedicadas, como sabedes, ás nosas cantareiras e á nosa poesía oral. Aproveitaremos para ofrecer a actuación das pequenas pandeireteiras do Fogar e para presentar os diferentes proxectos arredor das Letras Galegas deste curso: «Xota do Fogar», «Valse das Avoas», «Telexornal Cantareiras»...

Como adianto aquí deixamos os vídeos da «Xota do Fogar». O primeiro, coa interpretación dos nosos músicos e cantareiras; e o segundo, en versión Karaoke. A cantar todo o mundo!

 

 

Non podedes faltar! Esperámosvos a todos e todas na FOLIADA DAS LETRAS!

venres, 11 de abril de 2025

Axencia de publicidade 6EP

Os nosos alumnos e alumnas de sexto de Primaria convertéronse por uns días en creativos publicistas que, en parellas, elaboraron unha chea de anuncios publicitarios e propagandísticos. Debuxando e rotulando, coa técnica da colaxe, con deseños de ordenador...

Aquí deixamos os mellores exemplos dese gran traballo. Parabéns! Xa sabedes, sempre hai un oco para a creatividade! 

xoves, 24 de outubro de 2024

Premios da RAG


Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.

O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade. 

Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais. 

Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!

domingo, 19 de maio de 2024

O Fogar coas Letras Galegas

A celebración deste ano do Día das Letras Galegas no Fogar tivo tres eixos centrais. 

Por unha parte, xunto con outros centros concertados da Coruña (agrupados en Escolas Católicas), participamos na realización do vídeo documental: «A Coruña de Villalta». sobre a figura da autora homenaxeada este ano. Un gran labor o dos nosos «xornalistas» de Primaria e Secundaria, que exerceron reporteiros e presentadores.


Por outra parte, as etapas de Infantil, Primaria e Secundaria participaron durante toda unha semana nun proxecto lúdico elaborado desde o propio centro: «A xincana ‘Luísa Villalta’». Unha serie de xogos e pasatempos (Xincana Autodefinido) adaptados para distintas idades e que xiraban arredor da figura da escritora coruñesa.

 

Por último, durante todo o mes de maio, o alumnado de 3° e 4° de Primaria estivo traballando a música tradicional da man de Xabier Díaz. Achegámonos así ás cantigas dos nosos maiores, que aprendían dun xeito oral. Tamén practicamos algún paso de xota e incluso montamos a peza cun grupo de cantareiros e cantareiras que se forman en asociacións e escolas da nosa cidade.

Un gran traballo de distintos departamentos (Lingua Galega, Plástica, Música, Tecnoloxía...) que deu lugar a unha combinación de actividades orais e escritas coas que puidemos celebrar, de forma lúdica e motivadora, as nosas Letras Galegas!

martes, 30 de abril de 2024

Obradoiro de cómic


En 6º de Primaria estivemos estes días a traballar o cómic. Estudamos todos os seus elementos característicos: os tipos de planos, os globos, as onomatopeas, as liñas cinéticas... E como actividade final, tocou deseñarmos, en grupos, os nosos propios cómics, en galego. 

Este foi o comezo da historia común que propuxemos:

Mentres estaba no meu cuarto, pola fiestra vin
como se aproximaba unha nave extraterrestre...
 
Puxémonos mans á obra e estes son algún dos mellores cómics elaborados. Parabéns a todos e todas!

Bradley Gestal e Matías Rodríguez

Antón Fernández e Marian Docal

Jimena Goicochea e Uxía Boquete

Andrea e Lucía López Carlone

Carolina Díaz e Martina Labandeira

Xabier Villasenín e Claudia Quiroga

luns, 4 de marzo de 2024

Encontro con Andrea Maceiras


Onte, luns 4 de marzo. tivemos a sorte de contar coa visita de Andrea Maceiras, a autora de Alma de elefante. Este trimestre, todo sexto de Primaria gozou coa lectura desta novela. A autora coruñesa reservou parte da mañá para achegarse ao Fogar e compartir cos nosos nenos e nenas a súa experiencia como escritora. 

Tivemos tempo de facerlle moitas preguntas e Andrea falounos de como se inspirou para escribir o libro nunha viaxe polo sueste asiático, de como foi desenvolvendo os personaxes e a trama, de como comezou a súa vocación de escritora, das súas obras literarias preferidas...

E tamén tivo a amabilidade de asinar libros para todos os rapaces e rapazas que trouxeron os seus exemplares. Esperamos seguir contando, no futuro, coa visita doutros autores galegos






domingo, 18 de febreiro de 2024

Día de Rosalía 2024

Aproxímase o Día de Rosalía. Será este venres, 23 de febreiro. En tal data de 1837 naceu, en Santiago de Compostela, a nosa galega máis universal, Rosalía de Castro. Unha muller que conseguiu converterse na impulsora do Rexurdimento da literatura galega con poemas hoxe traducidos a ducias e ducias de idiomas: inglés, francés, alemán, ruso, xaponés, éuscaro, hebreo, turco, hindi, guaraní...

Para celebrar o Día de Rosalía, este ano, entre outras actividades, preparamos o vídeo que puidestes ver arriba. Un gran traballo colaborativo no que nenos e nenas de todas as etapas (desde Infantil ata Bacharelato), coas súas familias, fixeron a recitación dun dos seus poemas máis célebres: «Miña casiña, meu lar», tamén coñecido como «Caldo de gloria». Graciñas mil a todos: pequenos, pais, nais, avós, avoas... Un gran traballo!

Foi un proxecto, ademais, no que tamén colaborou profesorado de diferentes seminarios: o de Lingua Galega, o de Tecnoloxía e o de Plástica e Debuxo. 

Ah!, e se queres saber máis sobre a figura de Rosalía de Castro, aquí deixamos estoutro vídeo. Feliz Día de Rosalía!!!!!

luns, 29 de xaneiro de 2024

Metáforas e adiviñas

Estes días andamos en sexto de Primaria a traballar os recursos literarios (a personificación, a hipérbole...). Un dos máis importantes e empregados é a metáfora

A metáfora é ese recurso no que se relacionan dous elementos con algunha semellanza entre si (sen usar partículas comparativas). Estes elementos serían o Termo Real (R) e o Termo Imaxe (I). Así, se dicimos:

Os teus dentes son perlas brillantes

Temos unha metáfora que relaciona o Termo Real (R) dentes co Termo Imaxinario (I) perlas brillantes. Evocamos daquela a imaxe duns dentes brancos e relucentes como perlas.

As adiviñas populares tamén recorren con moita frecuencia ao recurso da metáfora. Por exemplo:

Ten un dente e tira pola xente (Solución: a campá)

Nesta adiviña, o Termo Real (R) campá relaciónase co Termo Imaxinario (I) [boca] dun só dente; é dicir, o badalo da campá sería o único dente dunha boca. Se somos hábiles recoñecendo os elementos da metáfora, tamén temos máis doado dar coa solución da adiviña. 

Queres practicar? Os alumnos e alumnas de sexto de Primaria prepararon este vídeo para convidarte a «xogar ás adiviñas». Adiante! Cantas das resolvido?

luns, 29 de maio de 2023

«Non me digas ‘te quero’» (edición 2023)


Con todos vós, a primicia mundial do videoclip «Non me digas "te quero"» (edición 2023). Despois do grande éxito da peza dos compañeiros de terceiro do curso pasado, nesta ocasión Nicolás Barro, Carmen Pérez, Ainara Sánchez, Carola Veiras e Sabrina Varela (de 3ESO-A) aceptaron reto de facer a súa propia versión do tema «Non me digas "te quero"» do youtubeiro Aquel-e. E aquí está o resultado. Gran traballo!

Unha canción que, ademais, serviu para mellorarmos o uso do pronome átono! Todo son vantaxes!

venres, 26 de maio de 2023

Parabéns por «DOGMA 95»!

Estamos de celebración! O Fogar participou coa curtametraxe «DOGMA 95» no certame CINEMA NA ESCOLA 2023, organizado polo Concello da Coruña entre centros escolares de toda a cidade. Na gala de entrega de Premios, celebrada o pasado mércores, os nosos rapaces recibiron dous dos máis importantes galardóns: «Mellor guión» e «Mellor montaxe».


Na creación da peza participaron alumnos e alumnas de varios cursos: Diego Costa (1ESO); Álex Caminero e Noa Garrido (2ESO); Martin Ferrero, Sara Miñones e Adriana Otero (BACH). Tamén contaron coa colaboración de profesorado de diferentes departamentos. 

Xa o curso pasado fixeron un papel moi brillante coa peza «Fuxide». Parabéns a todos polo seu magnífico traballo! O ano que vén, máis!

domingo, 7 de maio de 2023

O Rexurdimento e A Coruña


O Rexurdimento é, como podes ver no teu libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.

Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.  

A Coruña xogou un importante papel na orixe e no desenvolvemento do Rexurdimento. A recuperación da nosa cultura estivo fondamente vinculada a esta urbe naquelas últimas décadas do século XIX e primeiras do XX: os primeiros faladoiros da mítica Cova Céltica, o paso pola cidade de Rosalía, Curros e Pondal, a fundación da Real Academia Galega e das primeiras Irmandades da Fala...

Para ilustrar estes feitos, hai uns anos, os compañeiros de 1º de Bacharelato María Belén Arce Papaleo, Nerea Ares Caamaño e Sergio Arias García decidiron elaborar un breve documental. Un interesante percorrido por rúas, prazas, parques e mesmo cemiterios que amosa ás claras como a implicación da nosa cidade coa literatura galega xa vén de vello.



Belén, Nerea, Sergio, parabéns!

mércores, 3 de maio de 2023

Pasagalego: Fernández del Riego

Chegou maio, o mes das Letras Galegas, e como sempre o Fogar comeza a ferver de actividade arredor da nosa lingua e da figura do autor ou autora homenaxeado cada ano. No 2023, este persoeiro é Francisco Fernández del Riego, tamén coñecido como Don Paco. Trátase dunha figura senlleira da Galicia dos séculos XX e XXI polo seu labor no eido do ensaio, da edición e do activismo cultural e político.


Grazas ao traballo do alumnado de 3ESO, un dos proxectos arredor do Día das Letras Galegas que sacamos adiante neste trimestre é o «Pasagalego: Edición Fernández del Riego». Aquí vos queda o rosco de 23 letras con palabras relativas á vida e á obra deste autor. Os datos foron extraídos das biografías que ofrecen a Wikipedia e a Real Academia Galega


Adiante, despois de traballardes na aula a figura de Francisco Fernández del Riego, xogade e comprobade cantas letras acertades. 

As solucións, ao final!


venres, 24 de febreiro de 2023

Encontro con Pere Tobaruela




O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.

Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas. 

Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra. 

Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.

mércores, 8 de febreiro de 2023

Rapeando con Rosalía

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!

O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía. 

Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!

martes, 24 de xaneiro de 2023

Textos argumentativos, 2023

Como outros anos, o alumnado de 3ESO está a traballar o texto argumentativo. Saber defender unha opinión propia apoiándonos en argumentos e exemplos resulta unha destreza fundamental, na vida académica e tamén na vida cotiá. 

De entre todos os textos presentados, seleccionamos algúns dos mellores. Veredes que se axustan ben ás indicacións dadas sobre forma, estrutura e contido. Son textos, ademais, que ofrecen puntos de vista opostos sobre algúns dos temas suxeridos. Cal vos convence máis?

AS REDES SOCIAIS

TEXTO 1 
No mundo globalizado no que vivimos, unha das maiores revolucións na comunicación foron as redes sociais. Pero, todo son beneficios? 

Actualmente poderiamos dicir que non hai persoa que non utilice as redes sociais a diario, xa sexa para informarse da actualidade ou para entretemento. Isto é algo  que cambiou nosos hábitos de consumo e de vida. Se ben é certo que nos axudan a comunicarnos e nos permiten estar conectados con persoas a quilómetros de distancia, pode que o uso das redes sociais tamén nos estea levando a un illamento sen que nos deamos apenas conta.

Segundo un estudo, o uso continuado das redes sociais está asociado a unha maior percepción de illamento social. Por exemplo, cando pasas moitas horas nas redes, ao mesmo tempo, inconscientemente, estás illándote da sociedade fóra das pantallas. Ademais do alarmante que pode ser este feito para a nosa saúde mental, tamén hai que ter en conta as consecuencias para a saúde física. Está demostrado que o illamento social está asociado a cambios no peso, nos patróns de sono e mesmo no noso sistema inmunitario. Unha enquisa realizada pola Royal Society for Public Health revelou que o uso abusivo de Facebook, YouTube, Instagram, Twitter e Snapchat, as cinco redes sociais «imprescindibles» no día a día da maioría dos mozos, empeora a súa saúde mental en catro aspectos: calidade do sono, imaxe corporal, ciberacoso e inseguridade.

En conclusión, non é o mesmo interactuar cos nosos amigos que ver contido como robots. Na miña opinión, aí radica a clave do asunto e a parte espiñenta do debate: as dúas caras da moeda das redes sociais. É certo que serven como elemento singular de intercomunicación ata niveis impensables ata agora, mais tamén provocan ese punto de illamento que nos fai caer no lado oposto da balanza.

Raquel Iglesias Amiana (3ESO-A)

TEXTO 2  
Hoxe en día, o número de persoas que usan as redes sociais está en constante aumento. Isto débese a incrible capacidade que nos ofrecen as redes de interactuar e comunicarnos cos demais. Pero, realmente nos axudan a socializar ou nos illan?

Por unha parte, existen diversas redes sociais como Whatsapp, Twitter ou Instagram con miles de millóns de usuarios diarios que nos permiten ter conexión inmediata e en tempo real cos nosos amigos e mesmo con persoas que se atopen lonxe de nós. A innovación que isto supón para a comunicación é innegable, de xeito que xa non nos podemos imaxinar estando «desconectados» ou sen compartir fotos, vídeos ou opinións cos demais.

Outra parte importante das redes, son os foros, canles e comunidades en Internet que nos permiten falar con outra xente de temas que nos gustan como, por exemplo, videoxogos, ou ben os foros e canles onde podemos consultar un tema ou resolver dúbidas que se nos podan xurdir en Matemáticas, Física, Historia... Non hai dubida de que ben usados son unha ferramenta valiosa e importante.

Finalmente, as redes tamén nos ofrecen a posibilidade de crear perfís, que poden ser públicos ou privados, nos que compartir información sobre nós: o que estamos a facer, os nosos gustos, as nosas amizades... Un exemplo é Instagram, unha rede social na que a xente comparte fotos para que os demais as vexan, podendo así socializar sen ningún tipo de atranco ou barreira.

En conclusión, as redes sociais son un excelente instrumento para interactuar con outras persoas polas vantaxes que ofrece, pero sempre debemos facer un uso responsable destas e controlar a información persoal que compartamos e con quen.

Roi Edreira Leis (3ESO-B)

OS DEBERES ESCOLARES

TEXTO 3  
Os deberes escolares son un dos temas que máis desacordos causan entre mestres, alumnos e pais.

En primeiro lugar, penso que existe unha relación positiva entre os deberes e o rendemento dos estudantes. Proba disto é o estudo realizado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) no ano 2014 entre adolescentes de quince anos, que amosa a existencia desta correlación en moitos países.

Por outro lado, coido que os deberes favorecen a independencia e a responsabilidade do alumno. Un informe elaborado no ano 2014 polo sindicato CSIF de Andalucía indica que o 95% dos mestres aseguran que fomentan o esforzo e posibilitan que o estudante aprendan a traballar só.

Non obstante, na miña opinión, entre realizar deberes que ocupan a meirande parte do tempo de lecer do alumno e eliminalos por completo, o termo medio é o máis axeitado. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publicou, no ano 2017, un informe sobre os deberes escolares, indicando que a clave non está tanto na cantidade das tarefas ou no tempo adicado a realizalas, senón na calidade dos deberes, xa que deben servir para reforzar coñecementos.

Por último, é fundamental que os deberes se planifiquen entre todos os mestres, de xeito que a suma das tarefas das distintas materias non sexa excesiva. É importante adicar tempo á realización de actividades deportivas e tamén gozar de tempo de lecer.

En conclusión, considero que uns deberes escolares axeitados que sirvan para mellorar habilidades e asentar coñecementos son beneficiosos para o alumno, sempre que non sexan abusivos. 

Daniel Fernández Rivera (3ESO-C)

TEXTO 4  
Hoxe en día os nenos e nenas, ao rematar as clases, polo xeral, temos deberes escolares. O seu obxectivo principal é reforzar os coñecementos adquiridos na clase. Pero son bos ou malos? 

Para comenzar, a cantidade de deberes que se mandan é bastante grande. Por exemplo, os estudantes, acabado o horario escolar, fan unha media de sesenta ou setenta minutos de deberes diarios.

Seguidamente, deberiamos ter en conta que nalgúns colexios, coma o noso, o Fogar, máis da metade dos días hai clases pola tarde, é dicir, sete horas de clase en total. Se a estas sete horas lles sumamos unha hora de deberes na casa, danos un total de oito horas que é o que traballa un adulto cada día. 

Por outra parte, os deberes condicionan a vida familiar. Por exemplo, a miña familia ía ir de vacacións na ponte da Constitución, pero non puidemos ir pola cantidade de deberes e exames que tiñamos á volta. 

Finalmente, os deberes tamén impiden a realización de actividades deportivas, formativas… Como exemplo, unha coñecida miña non pode adestrar todos os días que lle gustaría por culpa dos deberes. Ou o meu propio caso, que ao adestrar tres veces por semana debo empregar sempre un dia da fin de semana para poñerme o día coas tarefas escolares. 

En conclusión, podemos dicir que os deberes escolares non son necesarios ou, cando menos, son deberían estar moito máis limitados.

Emma Fernández Lois (3ESO-C)

venres, 16 de decembro de 2022

Escribimos un texto argumentativo

 

O vídeo anterior preséntanos o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 


Como vedes, no exemplo anterior temos unha estrutura sintética. Despois da introdución, os argumentos van sucedéndose, acompañados de exemplos, ata chegarmos á tese que aparece na conclusión. Tamén aparecen sinalados en verde os conectores textuais.

Os conectores textuais son palabras o grupos de palabras que serven para cohesionar, para relacionar as diferentes oracións e parágrafos dun texto. Algúns serían:
  • Conectores de orde: primeramente, seguidamente, en primeiro lugar, en segundo lugar, por unha parte, por outra parte, por último...
  • Conectores conclusivosen resumo, en conclusión, en definitiva, por todo isto, en vista do anterior...
  • Conectores exemplificadores: por exemplo, proba disto é, poñamos por caso...
De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das alternativas que se ofrecen en cada caso.
 
Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
 O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
 As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
 Os programas do corazón: entretemento ou «telelixo»?
 As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
 O mundial de fútbol de Qatar: paréceche ben que se organizase nese país ou non?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros e compañeiras de cursos anteriores.


xoves, 5 de novembro de 2020

Creamos textos argumentativos

 

O vídeo anterior preséntache o texto argumentativo. Xa sabes, ese tipo de texto que ten como intención principal defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

No vídeo anterior proponse un texto argumentativo cunha estrutura dedutiva, é dicir, a tese xa se indica no primeiro parágrafo, para despois desenvolver os argumentos. Nós propoñémosche unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 

Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal). 

Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:

Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.

De acordo co anterior e co traballado na aula, redacta un texto argumentativo, dun mínimo de 20 liñas, sobre un dos seguintes temas. Escolle o que máis che interese, iso si, debes decidirte por unha das aletrnativas que se ofrecen en cada caso.
 
Os deberes escolares: son beneficiosos ou son un problema?
 O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
 As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
 Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
 As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
 O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?

Se queres, aquí podes ler exemplos de textos argumentativos creados por compañeiros de cursos anteriores. Cando o teñas o teu finalizado, revisado e en limpo, envíamo por MOODLE. Podes redactalo no caderno e mandarme un escaneo ou, se o prefires, escribir directamente o texto completo no recadro da actividade en Moodle.


sábado, 17 de outubro de 2020

Orixe e formación do galego


Como podes ver na páxina 20 do teu libro de texto, o galego é unha lingua romance (ou románica) derivada da variedade do latín que trouxeron a Galicia os romanos, cara ao século I d. C., durante a expansión do Imperio. Sendo esta base latina o compoñente fundamental da nosa lingua, o galego tamén conserva trazos das linguas anteriores e posteriores á romanización.

Substrato. Trátase das linguas dos pobos que habitaron no territorio galego antes da chegada dos romanos. Hai que distinguir unha compoñente preindoeuropea, máis antiga, e outra indoeuropea, de orixe celta e precelta. Destas linguas quedan restos no noso léxico (carqueixa, cabana, amorodo, berce, con, sobacosapo, veiga, carballo, gándara, rodaballo...) e na nosa toponimia (Coruña, Laxe, Carballo, CarnotaLestrove, Montrove, Barallobre...). 

Romanización. Chámase asi ao proceso de asimilación cultural por parte do Imperio Romano dos territorios que ía conquistando na súa expansión. Noutras palabras, é da expansión da cultura romana e da súa lingua. De feito, o latín é a base fundamental do galego: regras gramaticais, fondo léxico...

Superestrato. Trátase das linguas que falaban os pobos que chegaron a Galicia despois da romanización e que deixaron pegadas no galego: as linguas xermánicas e o árabe. No século V prodúcese as invasións xermánicas. Na Gallaecia asentanse os suevos, onde fundaron o Regnum Suevorum, o primeiro reino xermánico de Europa. Deles conservamos algunhas voces da vida doméstica (ganso, espeto, luva, esmagar, sopa...), antropónimos (Carlos, Alberte, Guillerme, Elvira...) e topónimos (Zas, Gondomar, Allariz, Mondariz, Guitiriz...). Os árabes penetraron na Península no ano 711, mais practicamente non chegaron a asentarse no noso territorio. Conservamos uns poucos topónimos (Alfoz, A Mezquita ou Rábade) e outras voces adquiridas como préstamos a través do castelán ou do portugués (alcalde, almofada, albanel, algodón, azucre, laranxa, xadrez...).


Cara ao século IX, esta evolución deu lugar á aparición das diferentes linguas romances, entre elas o galego. No seguinte mapa animado vemos de forma gráfica a evolución da nosa lingua (e das outras linguas peninsulares) desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade.

 
E para rematar, unha magnífica presentación en Prezi sobre «A formación do galego» elaborada pola nosa antiga alumna de bacharelato Helena Mayobre. 

Helena Mayobre Hermo