Amosando publicacións coa etiqueta youtubeiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta youtubeiros. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de novembro de 2021

As vangardas


Nas primeiras décadas do século XX xorden en Europa as vangardas, movementos artísticos que realizan unha renovación radical da estética: rompen co tradicional e crean novas formas e linguaxes. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. 

Algúns dos movementos de vangarda internacionais foron: o futurismo (que exalta o mundo moderno e industrial), o surrealismo (manifestacións do subconsciente, soños ou delirios), o cubismo (descompón xeométricamente a realidade) ou o creacionismo (non imita a realidade, crea unha realidade nova).

Para coñecerdes mellor como se desenvolveron as vangardas galegas deixámosche aquí dous recursos ben útiles. 

O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.

O segundo, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.



domingo, 18 de abril de 2021

[21DEG: Día 13] Como che vai?

Hoxe toca falar de Youtube e de «youtubeiros/as»; si, os youtubers de noso. Deseguido, dous vídeos para presentarvos un par de canles imprescindibles: PradoRúa (de María Prado) e O son das ideas (de Darío Lago). Se ademais vos gustan As bólas do dragón ou Shin Chan, non podedes perdelos.


A listaxe de Vlogs de Youtube en galego que, se cadra, vos poderían interesar, é moi ampla. Aquí vos queda unha pequena selección.

PradoRúa (educación, literatura, moda, maquillaxe, tendencias...)
O Son das Ideas (física, divulgación científica...)
O jato kósmiko (cultura, lingua, fútbol, videoxogos...)
Nubes baixo ti (libros, música, series de TV, fotografía...)
Un rapá transquilo FTM (lingua, cultura, transfeminismo...)
Naturiza (natureza, ecoloxía...)
Non vale furar (fútbol galego)
CousasRarismASMR (ASMR e outras cousas raras)

Vale, agora imos xa co «Como che vai». A falar, con sinceridade, cando menos 3 minutos.

— Como o levas? Algunha anécdota que contar?
— Imaxinabas antes de comezar 21DEG que sería así? Que expectativas tiñas? Estás contento/a de participar? Por que?
— Que che parecen os vídeos de arriba?
— Consomes moito Youtube? Que tipo de contidos visualizas? Por que?
— Coñecías algún dos «youtubeiros/as» que se mencionan arriba? Se botaches unha ollada, cal cres que che interesa máis? Por que?
— Imaxínaste como «youtubeiro/a»? Por que? Que tipo de contidos abordarías?

mércores, 20 de maio de 2020

Rexurdimento: unha cuestión de actitude


O Rexurdimento é, como podes ver nas páxs. 212-213 do libro, o movemento cultural que nace coa publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro o 17 de maio de 1863 e que se estende ata a segunda década o século XX. Este movemento xorde da vontade dun importante grupo de intelectuais e escritores de que o galego renacese como lingua literaria e de cultura, despois de varios séculos de desprezo e marxinación.

Rosalía, aquela rapaza de escasos 20 anos, amosou unha actitude sen precedentes na época: superou os prexuízos sobre o galego e tamén os prexuízos sobre o papel das mulleres no século XIX, para publicar por primeira vez unha obra literaria na súa lingua. Unha actitude de orgullo, de dignidade e de defensa da propia identidade que compartiron despois persoeiros literarios como Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. Unha actitude que, de cando en vez, seguimos a ver, por sorte! 

Explicouno de marabilla o youtubeiro Aquel-e, aló por 2018, con motivo da participación de Sabela en Operación Triúnfo.


A tarefa hoxe, simplemente dedicar uns minutos a ver con atención o seguinte vídeo que che presenta como xurdiu e que trazos tivo o Rexurdimento. Un movemento crucial para a nosa literatura e para a nosa historia.

mércores, 13 de maio de 2020

Interferencias lingüísticas [1]

Na páxina 280 do teu libro, abórdase un dos fenómenos máis comúns en situacións de contacto entre linguas: as interferencias lingüísticas.

De sempre, a lingua de calquera comunidade vive en contacto coas linguas de comunidades máis ou menos próximas. Isto fai que con frecuencia uns idiomas inflúan noutros e acaben «prestándose» palabras, especialmente para designar realidades para as que a lingua propia non ten un nome. Isto son os préstamos lingüísticos. Por exemplo: 
• Préstamos do castelán no galego: tortilla, azulexo ou guerrilla.
• Préstamos do inglés no galego: fútbol, chip ou surf.
• Préstamos do francés no galego: blusa, debut ou cabaré.  
Á súa vez o galego deixou préstamos noutras linguas.
• Préstamos do galego no castelán: chubasco, morriña ou vieira
Todos estes préstamos son voces correctas e necesarias na lingua.

Outra cousa ben distinta é cando se dá unha convivencia no mesmo territorio de dúas linguas en situación de desigualdade. Neste caso os falantes da lingua minorizada, tendo termos xenuínos de seu para designar certas realidades, incorporan voces innecesarias da lingua hexemónica (*desayuno por almorzo, *mezclar por mesturar, *pulpo por polbo). Fálase entón de interferencias lingüísticas.


Este fenómeno, ademais de constituír unha incorrección, é moi negativo para a integridade dunha lingua e mesmo pon en perigo súa viabilidade no futuro.

Dálle unha atenta lectura ao apartado de Lingua e Sociedade da páxina 280 e fai estas actividades en liña que che axudarán a recoñecer e evitar algúns castelanismos: aquí, aquí e aquí

sábado, 6 de abril de 2019

[21DEG: Día 16] O reto: O videoclip


Estamos xa no día 16 de 21DEG. Chega a fin de semana e propoñémosche un reto en grupo: gravardes un videoclip! A canción será «Non me digas "te quero"», do «youtubeiro» Aquel-e. Un trap que, ademais, nos servirá para perfeccionar o uso dos pronomes átonos. Todo son vantaxes!

Se me dis que me queres,
non me digas «
te quero».
Recorda que o pronome
vai despois do verbo...
Se xa non 
me desexas,
dime «non 
te desexo»,
que vai diante un pronome
porque hai un adverbio
de negación,
hai un adverbio.
Se tes problemas de colocación
cos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Ninguén me dixo que hoxe
ía haber rebolo.
Cando 
me vas chamar?
Vou volver
me tolo.
Tamén se
 adianta o pronome
se hai interrogativos
e o mesmo acontece
con algún indefinido,
indefinido,
indefinido...
Se tes problemas na colocación
dos pronomes cando falas,
escoita atenta esta canción...
Recorda que o pronome
sempre vai despois do verbo,
excepto se aparece
antecedendo un adverbio. (x4)
Para axudarche, propoñemos estas pautas.
—Ponte de acordo con outros campañeiros/as de 21DEG para colaborar na gravación (todos debedes participar, ben en parellas, ben en grupos).
—Buscade o mellor momento (calquera día da fin de semana) e lugar (ao aire libre, nalgún espazo cuberto...).
—Intendade aprender a canción ensaiándoa varias veces.
—Debedes preparar unha coreografía que acompañe a vosa interpretación.
—Se non sabedes editar vídeo, podedes gravar todo nunha soa toma. Basta con que a canción soe de fondo (ben alta) e vós cantedes a letra.
—Poñédelle toda a imaxinación que queirades: usar disfraces, amosar algúns letreiros con fragmentos da canción...
 

A divertirse!

sábado, 30 de marzo de 2019

[21DEG: Día 09] Como che vai?


Hoxe, día 9 de 21DEG, presentámosche a «youtubeira» Eira Losada. Desde hai un tempo esta estudante achega as súas recomendacións literarias na canle en Youtube da Editorial Galaxia. No pasado 2018, convidárona a dar unha charla nos LGx15, ciclos anuais de conferencias arredor da nosa lingua. 

Eira conta como, sendo galegofalante desde cativa, conseguiu vencer a inercia do ambiente castelanizado dos institutos urbanos e acabou por se converter nun «motor da lingua».


Agora toca un novo «Como che vai?». Xa sabes, polo menos 3 minutos de comentarios teus, por exemplo, sobre estas cuestións.
—Vai resultándoche máis doado falar en galego? E facelo durante máis tempo?
—Eira Losada conta a súa historia persoal co galego. Podes ti contar a túa? A túa familia é galega? Se é así, son da Coruña ou proceden doutro lugar? Falan os teus avós galego? E os teus pais?
—Que opinas do que conta Eira Losada? Identifícaste ti en algo con ela?
—Como verías houbese un «motor da lingua» entre os teus compañeiros/as? Veste a ti mesmo/a nese papel? Por que?