luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía 2025

Un ano máis celebramos o nacemento da nosa autora literaria máis universal: Rosalía de Castro. Desta vez, o 23 de febreiro coincide en domingo, pero no Fogar xa puxemos en marcha as actividades. A principal será a «Busca dos versos de Rosalía». 

A xeito de busca do tesouro, debemos localizar polos espazos do colexio todos os poemas da nosa SuperRosalía. Ollo, son diferentes! Cantos atopades? Onde están? Tomade nota do primeiro verso e do lugar onde están e entregádelle o resultados das vosas pescudas ao voso titor ou titora. O venres é a data límite.

Ah! E o venres, como outros anos, repartiremos os manteis de «Caldo de Gloria». Seguro que é unha boa forma para achegármonos ao Día de Rosalía.


martes, 4 de febreiro de 2025

Club de Cómic

 

Esta mañá celebramos na biblioteca unha nova sesión do Club de Cómic, unha actividade xa comezou en setembro e que levamos desenvolvendo de forma continuada desde hai varios cursos. Nesta ocasión, a nosa profe e compañeira Nerea axudou os rapaces e as rapazas a traballar as proporcións da man.

Todos aqueles estudantes da ESO que desexedes participar, non tedes máis que pasar pola biblio e apuntarvos. As sesións celébranse durante o recreo da mañá cada quince días. Nelas poderedes gozar coas atractivas propostas de Nerea, recomendarvos lecturas, coñecer novos títulos e autores. Tamén poderedes dispoñer da selección de banda deseñada e manga dos nosos fondos e, ademais, dos lotes de cómics que cada mes nos deixan en préstamo desde a Biblioteca Municipal Durán Loriga, a cuxas traballadoras lles agradecemos enormemente o apoio que nos están a prestar.



luns, 9 de decembro de 2024

Encontro con Francisco Castro





Hoxe, 9 de decembro, tivemos a sorte de contar coa visita de Francisco Castro, un dos escritores máis lidos e valorados do actual panorama literario galego. Nado en Vigo en 1966, leva publicados máis de vinte libros, algúns traducidos a linguas como o castelán, éuscaro, catalán, inglés, serbio, italiano e portugués.

Foi, ademais, durante varios anos, director da Editorial Galaxia. Como el mesmo nos contou, hai pouco tempo decidiu deixar atrás o mundo da edición para centrarse profesionalmente nas súas dúas grandes paixóns: a literatura e a música

Despois de escoitalo, o alumnado de 3 ESO, que lera o seu libro O cemiterio de barcos, puido ter unha animada charla con el. Unha experiencia fantástica que intentaremos repetir con outros escritores e escritoras.

xoves, 24 de outubro de 2024

Premios da RAG


Tivemos a enorme sorte de ser un dos tres centros galegos gañadores do concurso «Contádenos o voso Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (2024)» convocado pola Real Academia Galega.

O pasado martes 22 de outubro acudimos ao acto de entrega destes premios no auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. Aproveitamos a saída para, á primeira hora da mañá, realizar unha visita didáctica á fábrica de Sargadelos que está na mesma localidade. 

Foron moitos os alumnos e alumnas do Fogar, de todas as etapas, que participaron activamente dalgún xeito nos proxectos presentados a este concurso. Non obstante, debido ao aforo limitado do auditorio, só puido acudir un grupo de compañeiros en representación de todos os demais. 

Unha xornada que chea de alegrías e bos momentos que non esqueceremos. Parabéns a todos os profesores e profesoras que colaboraron. E tamén a nenos, nenas e familias que se comprometeron na realización das actividades merecedoras deste recoñecemento. Porque... O GALEGO MOLA!

domingo, 29 de setembro de 2024

Os xéneros periodísticos


O xornalismo ou periodismo baséase na necesidade que ten o ser humano de obter información. Os xornalistas son os encargados de presentar os feitos e datos de forma clara e concisa, pero tamén poden incluír as súas propias opinións á hora de relatalos. Por iso, é fundamental coñecer e dominar os principais xéneros periodísticos.

Esta esquema ofréceche unha visión xeral dos trazos dos principais xéneros periodísticos e de como se clasifican.


Durante este curso, con seguridade terás que localizar, ler, analizar e comentar moitos textos destes xéneros. Para facelo, dispós tradicionais diarios e revistas en papel. Mais tamén pode serche cómodo coñecer e manexar diferentes publicacións el liña. Por exemplo:

XORNAIS

https://galego.lavozdegalicia.es/

https://praza.gal/

https://www.nosdiario.gal/

https://xornaldacoruna.gal/

REVISTAS

https://codigocero.com/

https://www.gciencia.com/

https://www.disquecool.com/

https://www.consumer.es/gl/

https://temposdixital.gal/

mércores, 18 de setembro de 2024

Análise do campo semántico

O significado das palabras pode descompoñerse en elementos mínimos chamados semas. Así temos que o significado de gato se compón destes semas: ‘animal’, ‘felino’, ‘doméstico’. 

Denomínase campo semántico o conxunto de palabras da mesma categoría gramatical que coinciden nun trazo significativo mínimo (ou sema) e se opoñen entre si pola presenza ou ausencia doutros trazos. Por exemplo, as palabras cadeira, butaca, banqueta ou sofá, entre outras, pertencen ao campo semántico dos asentos porque comparten o sema ‘asento’ e se opoñen entre si por posuíren ou non outros semas mínimos: ‘con patas’, ‘con respaldo’, ‘con brazos’...

Os estudosos da semántica desenvolveron unha técnica chamada análise de compoñentes. Con ela pódense establecer as oposicións entre todos estes semas de forma que se crea un inventario ordenado e exhaustivo dos campos semánticos.

Por exemplo:

ANÁLISE DE COMPOÑENTES DO CAMPO SEMÁNTICO: ‘OS ASENTOS’


martes, 21 de maio de 2024

«Castellanos de Castilla», de Rosalía de Castro

 

Como vimos na aula, Castela foi destino obrigado para Rosalía de Castro e a súa familia en varias ocasións. Alí, nosa poeta foi testemuña das duras condicións en que vivían os xornaleiros galegos que emigraban á meseta na época da sega. No seu poema «Castellanos de Castilla», describe o maltrato e a angustia que soportan estes segadores galegos. 

A voz poética é a da muller dun deles. Esta chora, con dor e desconsolo, a morte do seu home como consecuencia das duras condicións de traballo. Unha dor que a leva a amosar o seu desprezo por Castela e a pedir un bo trato aos galegos. 

O poema ten, daquela, unha clara temática social-patriótica e resulta hoxe plenamente vixente se pensamos na dureza da situación da poboación emigrante en moitas partes do mundo.