mércores, 6 de xaneiro de 2016

O ano de Manuel María


Comeza o 2016 e, con todos vós, Manuel María Fernández Teixeiro (1929-2004), o homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Trátase dun dos escritores máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Non houbo xénero literario que non cultivase: narrativa, teatro, ensaio, xornalismo e, sobre todo, poesía.

Como poeta, Manuel María considerou todos os temas humanos apropiados para a arte poética: a reivinciación social, a defensa da nosa cultura, o canto á súa paisaxe natal da Terra Chá, o paso do tempo e da vida ou, como vemos no poema, os sentimentos máis íntimos (como amor).
Rosas
SEMPRE a rosa. Sempre:
a forma,
a cor,
o recendo,
a luz,
a perfección da rosa.
Prefiro a rosa vermella.
E amo a rosa branca
porque, cando lle digo
simplesmentes: ROSA,
entrecerra os ollos,
treme
e ruborece.
Manuel María, A luz resuscitada (1984)
Aínda que xa o fixemos nunha entrada anterior, aquí vos quedan varias ligazóns de interese para achegarvos á vida e á obra de Manuel María.
Casa Museo Manuel María
Manuel María no Centro de Documentación da AELG
Manuel María na Wikipedia en galego
Aproveitamos para vos presentar o vídeo de promoción de Canta o cuco, un novo libro-disco de Magin Blanco e Uxía Senlle no que poñen todo tipo de ritmos musicais a versos do poeta da Terra Chá. Unha fermosa forma de achegar a súa obra aos máis pequenos.


E non esquezas, como explicamos na primeira entrada, que son tamén seus os versos que lle deron nome ao noso blog: «A lingua é a chave coa que abrimos o mundo».

domingo, 13 de decembro de 2015

Proposta de traballos para 3º ESO


Chega o tempo de propoñer traballos. Xa sabedes, son voluntarios e podedes optar por calquera destas opcións. E axudarán a subir algo as notas!
A. Gravardes recitacións de poemas de Manuel María. Chega o ano 2016, cuxo Día das Letras Galegas estará dedicado a Manuel María Fernández Teixeiro, un dos poetas máis profíficos da nosa literatura. Suxerímosvos que seleccionedes os poemas del que máis vos gusten e que fagades recitacións. Podedes gravalas simplemente en audio (en Ivoox, por exemplo). Como esta.
Ou facerdes unha videomontaxe (Windows Movie Maker, iMovie...) con planos de detalle das vosas bocas mentres recitades. Como aquí.
B: Preparardes unha presentación en Prezi, programa en liña gratuíto. Ben lucida, por suposto: non só con texto, senón tamén con imaxes, audio, vídeo... O contido, escollédeo vós. Por exemplo: algo sobre o devandito Manuel María ou sobre algún tema que vós interesase do estudado no primeiro trimestre (as cantigas de amigo e de amor, a orixe e formación da lingua galega, a tipoloxía textual...). Reparade nestes exemplos, feitos por outros compañeiros vosos.
C: Facerdes recensións ou críticas literarias d’O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Como xa lemos esa comedia, agora podedes, de acordo co suxerido na entrada anterior, facer un comentario persoal sobre a obra. Debe axustarse ás pautas indicadas e redactarse en Word (mínimo 25 liñas).
D: Escribirdes descricións de persoas. Preferiblemente retratos (descricións que combinan trazos físicos e estéticos con trazos psicolóxicos e de personalidade). Para lle dar un toque orixinal, debedes escoller un dos persoeiros ficticios desta ligazón. Cun chisco de imaxinación, cada figura pode suxerir unha chea de ideas para creardes un bo retrato. Tamén cómpre presentalo en Word (mínimo 25 liñas).
Calquera das catro posibilidades é válida. Os traballos das opcións A e B poden elaborarse de forma individual ou en grupo. Como vedes, son traballos acordes cos tempos, en formato dixital e/ou audiovisual, que poderán despois expoñerse neste blog. De terdes outras ideas, comentádeo.

venres, 4 de decembro de 2015

E despois de lermos «O achado do castro»...

Acabamos de ler en 3ª da ESO O achado do castro, de Manuel Núñez Singala, unha breve peza teatral, ambientada na Roma imperial, que reborda humor polos catro costados. Hai uns anos, o alumnado do IES da Sánchez Cantón (de Pontevedra) levou a adiante a posta en escena desta comedia. Un gran traballo que agora podedes ver neste vídeo.


Como aínda tedes fresco o texto de Núñez Singala, propoñémosvos facerdes unha recensión sobre el. Aquí tedes uns consellos sobre como preparala.
COMO FACER UNHA RECENSIÓN OU CRÍTICA DUNHA OBRA LITERARIA?
Ao longo do curso teredes que ler distintas obras literarias. Facer unha recensión expoñendo a vosa opinión sobre elas parece fácil, mais facelo ben non o é. Aquí tedes unhas pautas que debedes aplicar.
1.- O primeiro que cómpre facer é, nunha INTRODUCIÓN, presentar a obra que ides comentar e para iso debedes indicar o seu título, o autor ou autora e a época na que se escribiu. Se non coñecedes algún destes datos, debedes investigar. Un bo xeito de comezar podería ser, por exemplo, algo así:
Arredor de si é unha novela escrita por Ramón Otero Pedrayo a comezos do século XX.
2.- Despois vén o DESENVOLVEMENTO da recensión, onde tedes que dar a vosa opinión. De que xeito? Aquí debedes comentar, baixo o voso punto de vista, algún aspecto da obra que vos chamase a atención. Podedes usar fórmulas como:
Chama a atención na obra...
É interesante ver, observar, comprobar...
O traballo é un bo exemplo de ...
Ao ler a obra, o lector/lector sente...
O autor/autora convídanos a reflexionar sobre...
A obra resulta orixinal, decepcionante, emocionante, hilarante...

A linguaxe é...
Non esquezades terminar calquera recensión cun parágrafo de CONCLUSIÓN que comece con algunha fórmula do tipo:
Para terminar…
En conclusión…
En fin…
Por todo isto…
3.- Este texto debe ocupar tres parágrafos, unhas 15 liñas aproximadamente.
 Animo! As mellores recensións colgarémolas no blog!

domingo, 22 de novembro de 2015

Cantiga de Amigo vs. Cantiga de Amor

Andamos estes días a voltas coas cantigas de amigo e coas cantigas de amor dos nosos trobadores. Aquí vos quedan un par de esquemas que sintetizan os aspectos básicos destes dous xéneros da nosa lírica profana medieval. Ah!, e con cadanseu exemplo acompañado de versión musical en vídeo.


Exemplo: Quantas sabedes amar amigo, de Martín Codax. Interpretada por Owain Phyfe na Twig Renaissance Faire de Minnesota (EUA).
Quantas sabedes amar amigo
treydes comig’ a lo mar de Vigo:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Quantas sabedes amar amado
treydes comig’ a lo mar levado:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Treydes comig’ a lo mar de Vigo
e veeremo' lo meu amigo:
E banhar-nos-emos nas ondas!
Treydes comig’ a lo mar levado
e veeremo' lo meu amado:
E banhar-nos-emos nas ondas!




Exemplo: Pois naci nunca vi Amor, de Nuno Fernandes Torneol. Interpretada por Marcelino Ferrer, seguindo a versión de Legião Urbana (mítico grupo de rock brasileiro).
Pois naci nunca vi Amor
e ouço del sempre falar;
pero sei que me quer matar,
mais rogarei a mia senhor:
que me mostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor.
Pero nunca lh'eu fige rem
por que m'el haja de matar,
mais quer'eu mia senhor rogar,
polo gram med'em que me tem:
que me mostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor!
Nunca me lh'eu ampararei,
se m'ela del nom amparar;
mais quer'eu mia senhor rogar,
polo gram medo que del hei:
que mi amostr’ aquel matador,
ou que mi ampare del melhor.
E pois Amor há sobre mi
de me matar tam gram poder
e eu non'o posso veer,
rogarei mia senhor assi:
que mi amostr’ aquel matador,
ou que m
’ ampare del melhor.


venres, 30 de outubro de 2015

Lecturas de ESO e BACH para o curso 2015-16

Despois de tantos meses, xa estamos de volta. Nesta primeira entrada do curso 2015-16, podedes botarlle unha ollada ás vosas lecturas para os próximos trimestres. Títulos ben variados para todos os gustos.

1º ESO

Eu e nós durmindo nun garaxe, de Xoán Babarro. Ed. Embora.
A historia dun garaxe e dunha avoa que lle ensina ao seu neto as cousas que poden atopar del, anacos de historia galega. Nomes de obxectos que lles soan tan próximos aos nenos da aldea e que custa recuperar e adquirir cando o asfalto nos rodea. Microxoias narrativas que definen a pexa, o angazo, as alforxas, a peneira, o pote, a grade, as carrancas... Un libro que transmite memoria léxica de xeito natural e fluído.





O misterio das badaladas, Xabier P. DoCampo. Ed. Xerais.
No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un reloxo. Comezan a soar por primeira vez as badaladas que anunciarán a todos os habitantes que son as doce da noite. Unha, dúas, tres..., dez, once... Entón sucede algo que haberá dar nun acontecemento que só cinco rapaces resoltos e afoutados quererán pescudar ata encontrar explicación para un fenómeno que a todos confunde. Unha por unha irán resolvendo as pistas que lles van aparecendo e que os levarán a encontrar ao responsables.




Trece anos de Branca, Agustín Fernández Paz. Ed. Rodeira.
Branca está enferma de hepatite. Desde hai nove días está na cama e ten que gardar repouso absoluto durante cinco ou seis semanas. Unha eternidade! Encima ten que pasar o seu aniversario así, e é un aniversario importante: trece anos. Ese día regálanlle un álbum de fotos e súa nai proponlle que o complete para non se aburrir. E así, pouquiño a pouco, Branca vai lembrando distintos episodios da súa vida que nos permiten ir coñecendo como é e como foi esta rapariga de trece anos.




2º ESO

Mentira, Care Santos. Ed. Rodeira.
Xenia loita por sacar as mellores notas, estimulada pola ilusión de entrar en Medicina, pero ultimamente o seu rendemento académico está baixando. O que ocorre é que Xenia se namorou, pero non dun rapaz do seu redor, senón dunha pantasma, dunha voz que xorde da Internet e coa que comparte a súa paixón pola lectura. Xenia pretende coñecer o seu amor virtual, pero el non quere concertar unha cita. Entón decide localizalo e presentarse ante el por sorpresa. Cos poucos datos de que dispón, inicia unha investigación e descobre que todo é mentira.



As fronteiras do medo, Agustín Fernández Paz. Ed. Rodeira.
As historias de terror teñen o efecto de remover nos seres humanos os medos atávicos que a civilización tenta ocultar baixo a aparencia da razón, a ciencia e o control. Mais todos sabemos da existencia de feitos que contradín toda lóxica, de realidades que fan abanear as nosas crenzas, por moito que pechemos os ollos e nos neguemos a admitilas. Nas páxinas deste libro, Agustín Fernández Paz mergúllanos en seis historias que traspasan «as fronteiras do medo».





As lágrimas de Shiva, César Mallorquí. Ed. Rodeira.
En certa ocasión, hai moito tempo, vin unha pantasma. Si, unha pantasma, unha aparición, un espírito; podemos chamalo como queiras, o caso é que eu a vin. Foi o que pasou o mesmo ano que o home chegou á lúa, e aínda que houbo momentos nos que eu pasei medo, esta historia non é unha novela de terror. Todo comezou co misterio dun obxecto valioso que foi perdido durante sete décadas: As lágrimas de Shiva.





3º ESO

O achado do castro, Manuel Núñez Singala. Ed. do Castro / Ed. Galaxia.
O autor lévanos á Roma antiga, mais faino xogando coa lingua obrigando a que os personaxes falen coma nós, con termos de hoxe en día, o que nos leva a situacións moi cómicas desde un "Latín" un chisco especial. Como boa historia romana, hai un emperador, que é de todo agás espelido, soldados, filósofos barbudos e sabios, e... unha historia de amor. Humor, situacións inauditas e, sobre todo, unha lectura engaiolante.




O curioso caso do can á media noite, Mark Haddon. Sushi Books / Ed. Rinoceronte.
Christopher Boone ten quince anos, é un experto en ciencias e matemáticas, sabe as capitais de todos os países do mundo e os números primos ata o 7.507, pero ten dificultades para relacionarse con outras persoas. Unha noite atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por unha forca de xardín, e decide comezar unha investigación para descubrir o asasino.





A neve interminable, Agustín Fernández Paz. Ed. Xerais.
Un equipo de guionistas –tres mulleres e dous homes– recibe a encarga de escribir os guións dunha futura serie de televisión que se titulará As fronteiras do medo. Para concentrarse no traballo, acordan recluírse nun hostal solitario, nas terras da Fonsagrada. Ao terceiro día, comeza a nevar. Unha tormenta que semella non rematar nunca, que interrompe as comunicacións e o fluído eléctrico, e que os deixa illados do mundo. Mentres traballan nas historias da serie irán descubrindo que naquel hostal ninguén é quen aparenta ser e que un medo irrefreable comeza a filtrarse nas súas vidas. 



4º ESO

Novas prácticas de lingua, Antonio Colmenero. Ed. Do Cumio.
Cantidade e variedade de exercicios de fonética, ortografía, léxico e semántica; prácticas do substantivo, adxectivo, artigo, pronome, verbo... Serve ademais para traballar asuntos de sociolingüística, interferencias, dialectalismos... 








A esmorga, Eduardo Blanco Amor. Ed. Galaxia.
A fuxida do Bocas pola Auria máis marxinal na novela que cambiou a narrativa galega. A esmorga é a obra máis popular e lida de Eduardo Blanco Amor. Tivo que publicarse por vez primeira en Bos Aires ante a negativa da censura franquista a permitir que circulasen libremente as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria, a cidade literaria ideada por Blanco Amor
[Repetidores: Os outros feirantes, Álvaro Cunqueiro. Ed. Galaxia]




Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz. Ed. Xerais.
Desde hai trinta e cinco anos, Damián traballa como operador de cabina no mellor cine da cidade. Cando recibe a noticia de que a sala vai desaparecer e que todos os empregados serán despedidos, a súa vida experimenta un cambio extraordinario que tamén afecta a Marga, a súa dona. Dun xeito progresivo, os seus corpos comezan a se volver transparentes, invisibles. Con recursos da novela fantástica e da de suspense, Fantasmas de luz fálanos dun dos grandes dramas contemporáneos: o da exclusión e a invisibilidade a que se ve sometida unha parte da sociedade. 
[Repetidores: O pintor do sombreiro de malvas, Marcos Calveiro]


1º BACH

Resistencia, Rosa Aneiros. Ed Xerais.
Un percorrido centrado pola represión exercida en Portugal durante as dictaduras de Salazar e Marcelo Caetano e pola actividade da resistencia clandestina antifascista; un pano de fondo fundamental entretecido co relato dun bo número de historias de amor. Unha novela memorable que se move entre a exaltación da resistencia política exercida por algúns personaxes e o amor entendido como algo cruel que converte as persoas en escravas. Novela apaixonante, escrita co ímpeto da vida, difícil de esquecer.




A fraternidade de Eihwaz, César Mallorquí. Ed. Rodeira.
Intriga, misterio, terror…, unhas pingas de sedución e unha forte dose de aventura. Personaxes do pasado e do presente conflúen e discorren polas páxinas desta novela. Todo comeza coa chegada de Óscar a Orballo de San Boaventura, unha tranquila vila da costa galega, berce da súa familia. Mais poida que todo empezase moito antes, moitos séculos atrás...






A viaxe de Gagarin, Agustín Fernández Paz. Ed. Xerais.
Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial e tamén unha década de grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Emocionante historia de amor, engaiolante novela de formación e da memoria que confirma a Agustín Fernández Paz como mestre da narrativa do noso tempo.




2º BACH

Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, Carlos Callón. Ed. Xerais.
De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.



A vitoria do perdedor, Carlos G. Reigosa. Ed. Xerais.
Arcadio Macías, perdedor dunha guerra e dunha posguerra, prepara a súa saída de España. Está seguro de que a loita terminou. Mais a realidade –en forma dunha represión que non cesa– axiña lle vai demostrar o contrario. Isto desatará a súa rebeldía e impediralle fuxir. Converterase así nun combatente solitario e vingador que cambiará a realidade dunha bisbarra. Un home atrapado nun recuncho da Historia que axusta contas co mundo fratricida en que lle tocou vivir.




A praia dos afogados, Domingo Villar. Ed. Galaxia.
Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime.

domingo, 14 de xuño de 2015

Roteiros pola cidade da Coruña


Os ordenadores botaron fume! Velaí van máis traballos de fin de curso. Desta volta un proxecto audiovisual dos compañeiros e compañeiras de 3º da ESO. A tarefa consistía elaborar, en formato vídeo, un roteiro lingüístico-literario pola cidade da Coruña. Estes son os resultados finais.

Lara Naya e Nerea Castiñeira

Ramón Mato Pan 

Cristina Mouriño Domínguez e Luís Mouriño Domínguez

domingo, 7 de xuño de 2015

Traballos en Prezi 2014-2015 [2]


A fin de curso foi dura, mais, a pesar de todo, aí estivo o alumnado de Bacharelato a traballar arreo para entregar os seus traballos. Desta volta, dous novos «Prezis» que nos ilustran sobre contidos estudados durante o curso. «A formación do galego» e «A diversidade lingüística no mundo», dos compañeiros Helena Mayobre e Víctor Rioja, respectivamente. 

Helena Mayobre Hermo

Víctor Rioja García 

Parabéns polo esforzo. Con seguridade outros compañeiros, do noso centro e doutros, poderán aproveitar o voso magnífico traballo para poñerse ao día sobre estes temas.