Xa estamos xusto na metade do camiño. Hoxe é o día 11 dos 21DEG e toca un «Como che vai?» Mais antes, bota unha ollada a este vídeo.
Un dos prexuízos máis difundidos arredor do galego é que nos «illa do exterior», que só serve como «lingua doméstica», para «andar pola casa».
Obviamente esta idea é falsa. Desde a Idade media, como vimos por exemplo aquí, a nosa lingua e a nosa cultura xa traspasaba fronteiras. Coa serie O sabor das margaridas, escrita e rodada en galego, temos outra boa proba disto. É a primeira serie escrita orixinalmente en galego que se publica en Netflix e pode verse en 180 países! De feito, foi unha das series máis vistas nesta plataforma en países como Reino Unido ou Irlanda.
Por certo, xa se estreou a segunda tempada, por se che interesa!
E agora a falar:
— Estamos na metade de 21DEG. Como o levaches hoxe?— Conseguiches falar todo o día en galego?
— Como ves a túa evolución despois destes 11 días de actividades?
— Que pensas do comentado arriba sobre se o galego nos illa ou non do exterior? Foi un obstáculo o galego para o éxito de O sabor das margaridas?
— Gústache ver series de televisión? Coñecías O sabor das margaridas?
— Que tipo de series adoitas ver? Cales son as túas favoritas? Por que?
— Adoitas ver series no seu idioma orixinal e con subtítulos? Por que?
Ningún comentario:
Publicar un comentario