xoves, 18 de marzo de 2021

Encontro virtual con María Solar

Boas noticias! O próximo martes, ás 16:30, celebraremos un encontro virtual coa escritora María Solar. É unha tarde na que non temos clases, mais era o único oco que a autora de Os nenos da varíola nos podía ofrecer. Seguro que pagará a pena. En Moodle, nunha tarefa creada para a ocasión, podes atopar a ligazon para a sesión de Zoom coa que celebraremos o encontro.

María Solar é actualmente presentadora do programa Zigzag Fin de Semana na TVG e coordina os programas de cultura da CRTVG. A súa formación abarca as ciencias e as letras. É diplomada en Maxisterio (Universidade de Santiago de Compostela), licenciada en Xornalismo (Universidade SEK de Segovia) e tamén licenciada en Bioloxía (Universidade de Santiago de Compostela).

Traballou como actriz de dobraxe e conta cunha ampla experiencia na nosa radio e televisión autonómicas, onde presentou todo tipo de programas: Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, As tardes da Galega ou Chamando á Terra.

Ademais de Os nenos dos varíola (Galaxia, 2017), publicou obras como: Vou ter un irmán!!! (Galaxia, 2011),  O meu pesadelo favorito (Galaxia, 2015) ou As horas roubadas (Xerais, 2016). As súas obras foron traducidas a diversos idiomas: castelán, portugués, catalán, polaco, filipino... 

Animámosvos a participar e, por suposto, intervir na charla que poidamos ter con María facéndolle preguntas: Seguro que hai moitas cousas sobre a súa faceta persoal ou profesional que vos gustaría saber:

• Por que fixo uns estudos tan amplos e variados? 

• De onde lle vén a súa vocación de escritora? 

• É fácil compaxinar tantas facetas profesionais? 

• Como xurdiu a novela Os nenos da varíola

• Tivo que investigar moito sobre os acontecementos históricos nos que se centra?

• Que relación atopa entre aquela gran pandemia da varíola de hai máis de 200 anos e a actual?

Poderiamos facerlle estas e outras moitas preguntas. Adiante, pénsao e prepara a túa!

martes, 2 de marzo de 2021

O galego despois do esplendor medieval

 

Despois do esplendor medieval, a nosa lingua entra nun longo período de decadencia. Son os chamados Séculos Escuros (sécs. XVI, XVII e XVIII), caracterizados por unha ausencia case total do galego nos usos formais e na escrita.

Nos seguintes gráficos, vemos ben como evolucionou ao longo dos séculos a funcionalidade das linguas en contacto en Galicia desde a época medieval ata o século XIX.

Séculos XII-XIV (esplendor medieval). O galego é a lingua normal e propia do territorio en todas as clases sociais e contextos. Para a función cultural e especialmente para a internacional (intercompresión con persoas con outros idiomas) empregábase o latín.

Séculos XVI-XVIII (período de decadencia). O reino de Galicia comeza a perder poder e supedítase á coroa de León e despois á de Castela. O galego (lingua minorizada) comeza a ser desprazado progresivamente en case todas as súas funcións polo castelán (lingua dominante).

Século XIX (Rexurdimento). Galicia segue a ser maioritariamente monolingüe en galego, mais continúa o retroceso da súa funcionalidade debido á diglosia. No ámbito cultural, por primeira vez desde a Idade Media, o galego comeza a recuperarse grazas ao labor dos pensadores e escritores do Rexurdimento.


O vídeo de hoxe é a segunda parte do capítulo «Lingua de reis, lingua do pobo», da serie documental Historias de Galicia, que xa comezamos a ver aló atrás. Nel fálasenos da situación do noso idioma nestes séculos e da figura do ilustrado Frei Martín Sarmiento.