domingo, 30 de abril de 2017

[21 DEG: Día 13] Como che vai?


Hoxe chegamos ao día 13 dos 21 DEG! Deseguido, un novo vídeo. Este formou parte da campaña «Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego». O seu obxectivo: amosar o valor e a potencialidade da nosa lingua pola súa relación co portugués.


Comproba agora se che sucede como á protagonista do vídeo e podes entender sen dificultade a canción «Aquarela» do brasileiro Toquinho.


Sabías que falando galego, podes entenderte no ámbito da lusofonía, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas? Se ademais, falas castelán e inglés podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns!

Cóntanos agora «Como che vai?» nun vídeo de tres minutos polo menos. Podes dar resposta a estas cuestións:
—Como o levaches hoxe?
—Como ves a evolución da túa expresión oral?
—Algún momento ou anécdota que che gustaría comentar?
—Segues con gañas de continuar?
—Comprendiches sen dificultades a canción de Toquinho?
—Viaxaches algunha vez a Portugal ou a Brasil? Que tal?
Ánimo! 

sábado, 29 de abril de 2017

[21 DEG: Día 12] O reto: Toca adiviñas


Como as demais mostras da nosa cultura popular tradicional, as adiviñas tranmitíronse de xeración en xeración, de forma oral: aprendíanse de llelas escoitar a outros e de cavilar sobre elas para lles dar resposta. 


«O reto» hoxe é, en primeiro lugar, buscar unhas cantas adiviñas coa súa solución (as que che parezan máis orixinais, divertidas...). Nós propoñémosche algunhas. Espreme os miolos para dar coa solución! (Ollo! Se non dás atopado as repostas, podes pasar o rato sobre a parte en branco debaixo de cada adiviña)

Adiviña 1
Que cousa, cousiña é,
para adiviñar é,
que, se está aberta, garda
e, se está pechada,
non garda nada?
O paraugas

Adiviña 2
Que cousa, cousiña é
que se pon na mesa,
córtase, repártese
e non se come?
A baralla

Adiviña 3
Anda e non ten pés, 
come e non ten boca, 
canta comida lle dan 
toda lle parece pouca.
O muíño

Adiviña 4
Dúas irmanciñas van ao compás, 
cos pés para adiante 
e os ollos para atrás.
As tesoiras

Adiviña 5
Unha señorita moi aseñorada, 
sempre está na casa 
e sempre está mollada.
A lingua

Adiviña 6
Zoca e media en cada pé,
cantas zocas veñen ser?
Dúas zocas (e dúas medias)

Adiviña 7
De que hai que encher un caldeiro
para que pese menos que baleiro?
De buratos

Cando as teñas, grávate recitándollelas a outras persoas (familia, amigos, coñecidos...). Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). Xa sabes, cun mínimo de tres minutos.

venres, 28 de abril de 2017

[21 DEG: Día 11] Como che vai?


Xa pasamos o ecuador dos 21 DEG! E para celebralo, aí vai un vídeo que de seguro che vai gustar.


Se te pos a pensar, todas estas persoas que repiten con orgullo «É meu! É noso!», ademais de se referir ao Deportivo da Coruña, tamén poderían falar, co mesmo orgullo, do galego, a lingua en que se expresan, o idioma propio deste recuncho verde da península. Orgullo por algo «moi noso» que nos define e que está ligado a nós desde hai máis de mil anos! Xeración tras xeración!

Grava agora o teu vídeo, de polo menos tres minutos, e cóntanos «Como che vai?»:
—Como o levaches hoxe?
—Como ves a evolución da túa expresión oral?
—Algún momento ou anécdota que che gustaría comentar?
—Segues con gañas de continuar?
—Que opinión che merece o vídeo de hoxe?
—E a reflexión sobre o orgullo polo Dépor e polo galego?
Ánimo! 

xoves, 27 de abril de 2017

[21 DEG: Día 10] O reto: Discursos baleiros


Hoxe «O reto» consiste en facer unha parodia do discurso político. Sabido é que, ás veces, certas intervencións dos nosos representantes públicos vólvense embarulladas e incomprensibles.


Como brincadeira, propoñémosche usar a seguinte táboa para caricaturizar esa linguaxe artificiosa e baleira. É ben doado: 

— Comeza polo primeiro enunciado da primeira columna (Amigas e amigos...).
— Continúa con calquera frase da segunda columna, logo con calquera da terceira e despois con calquera da cuarta.
— O proceso repítese unindo de novo como se queira os enunciados das sucesivas columnas.
As miles de combinacións posibles permiten crear un discurso fluído, interminable e... totalmente baleiro!

Ánimo! Ensáiao primeiro, lembra que es «un político ante o seu auditorio». Despois grávao. Xa sabes, con tres minutos é suficiente.

mércores, 26 de abril de 2017

[21 DEG: Día 09] Como che vai?


Día 9 de 21 Días En Galego [21 DEG]! Cóntanos «Como che vai?». Mais, como antonte, antes de gravar o teu vídeo, escoita estoutra charla. Hoxe fala a xornalista gaditana Carmen Grimaldi: unha «alofalante». Que que demo é iso? O prefixo «alo-» significa ‘outro’ ‘distinto’, daquela «alofalante» é un tipo particular de «neofalante»: unha persoa procedente doutro lugar, doutro país, que comeza a expresarse na lingua do novo territorio onde vive. Carme naceu e viviu toda a vida en Cádiz e, desde que hai un ano veu vivir á Coruña, comezou a falar galego. 


Moito do que conta hoxe Carmen Grimaldi, e antonte Belén Regueira, axudarache a entender cousas que temos visto sobre bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico, prexuízos, substitución lingüística... 

Grava agora o teu vídeo, de polo menos tres minutos, comentando cuestións como estas:
—Como o levaches hoxe?
—Vas falando cada vez máis galego? Ou non?
—Algún momento ou anécdota que mereza comentarse?
—Segues con gañas de continuar?
—Que opinas da charla de Carmen Grimaldi?
—Descubriches algo útil ou interesante nas súas palabras?
Ánimo! 

martes, 25 de abril de 2017

[21 DEG: Día 08] O reto: Pronomes e Rocío Jurado


Andamos a voltas cos pronomes átonos e coa súa colocación (antes do verbo?, despois?). Un tema que, polo que contades nos vosos vídeos, créavos bastantes inseguridades.

Para vos axudar en tan delicada cuestión, aquí tedes un curso intensivo sobre o tema a cargo de Lucía Aldao e María Lado, dúas mestras da poesía ao vivo. O seu recurso básico: a versión galega de «Como yo te amo», de Rocío Jurado!


Como recordatorio, estas son as regras xerais de colocación do pronome átono.

DESPOIS DO VERBO
1. Por regra xeral, o pronome átono vai despois do verbo e pegado a el: Gustoume a película.
ANTES DO VERBO
2. Se a oración é negativa: Non me gustou a película.
3. En oracións subordinadas ou naquelas introducidas por un pronome interrogativo ou exclamativo: Dixen que me gustou a película. / Que película me gustou?
4. En oracións introducidas por certos adverbios: xa, , ben, mal, axiña, sempre, aínda, aquí, , alí, máis, menos, seica, disque...: Sempre me gustou a película.
5. En oracións introducidas por certos pronomes indefinidos: ninguén, alguén, calquera, mesmo, algo, algún, todo, nada, bastante...: Algo me gustou a película.

E deseguido, a transcrición da letra (os pronomes átonos en vermello e os verbos subliñados).
Como eu te amo, como eu te amo,
convéncete, convéncete,
ninguén te amará.
Como eu te amo, como eu te amo,
esquécete, esquécete,
ninguén te amará,
ninguén te amará.
Ninguén porque
eu, eu ámote coa forza das mareas,
eu, eu ámote co impeto do vento,
eu, que te amo na distancia e no tempo,
eu, eu ámote coa alma e coa carne,
eu, que te amo como o neno á súa alborada,
eu, que te amo como o home ao seu recordo,
eu, que te amo a puro berro e en silencio,
eu, que te amo dunha forma sobrehumana, 
eu, que te amo na alegría e no pranto,
eu, que te amo no perigo e na calma,
eu, que te amo cando berras, cando calas,
eu, que te amo tanto, eu ámote tanto, eu... 
O reto de hoxe consiste en xustificardes, oralmente, a posición de cada un deses pronomes antes ou despois do verbo; é dicir, indicardes que regra (1, 2, 3, 4 ou 5) se cumpre en cada caso. Despois, xa postos, ata completar o mínimo de tres minutos, debedes comentar a vosa opinión sobre a clase de galego.
—Que é o que máis vos gusta? E o que menos?
—Recordades algunha sesión, momento ou anécdota en especial? 
—Tedes algunha suxestión?

luns, 24 de abril de 2017

[21 DEG: Día 07] Como che vai?


Co día de hoxe xa van sete: unha semaniña de 21 Días En Galego [21 DEG]! De novo, tócache contarnos «Como che vai?». Antes de gravar o teu vídeo, escoita esta charla da xornalista coruñesa Belén Regueira. Ela é unha «neofalante»: xa sabes, unha persoa que comeza a expresarse nunha nova lingua. Como descubrirás na súa exposición, Belén ata a mocidade só falaba castelán e despois comezou a falar galego.


Grava o teu vídeo, de polo menos tres minutos, comentando cuestións como estas:
—Que tal levaches a semana?
—Vas falando cada vez máis galego? Ou non?
—Sénteste máis cómodo agora que ao principio?
—Segues con gañas de continuar?
—Que opinas da charla de Belén Regueira?
—Percibes algún paralelismo co que ela conta?
Ánimo! 

domingo, 23 de abril de 2017

[21 DEG: Día 06] O reto: Recitamos a Rosalía


O pasado 27 de febreiro cumpríronse 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Unha escritora valente que no século XIX venceu importantes obstáculos: os prexuízos contra a muller e tamén contra unha lingua minorizada coma o galego. A pesar disto, acabou por se converter en símbolo da nosa cultura e alcanzou recoñecemento universal, coa súa obra traducida ao inglés, ao ruso, ao xaponés


Rosalía é ademais unha poeta amplamente musicada, cos estilos máis variados: desde a canción lírica ao rap, desde o folk ao merengue, desde o jazz ao heavy.


«O reto» de hoxe consiste en homenaxear a Rosalía de Castro recitando dous dos seus poemas máis coñecidos: «Adios ríos, adiós fontes» e «Negra sombra».
—Lede varias veces os textos previamente.
—Procurade comprender todo, consultade o vocabulario que non coñezades.
—Gravade a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
—Finalmente, engadide a vosa valoración sobre os poemas.

sábado, 22 de abril de 2017

[21 DEG: Día 05] Como che vai?


Día 5 de 21 Días En Galego [21 DEG]. De novo, correspóndeche contarnos «Como che vai?». Grava un vídeo de polo menos tres minutos explicándoo:
—Cambiou moito a túa rutina ao ser fin de semana?
—Falaches en galego máis que outros días? Ou menos?
—Algunha anécdota interesante?
—Sentes o apoio dos que te rodean? E ti, como te sentes?
—Atopaches dificultades? Cales?
—Segues con gañas de continuar?
E máis mensaxes que animan a usar a lingua de noso. A campaña de hai uns anos «Gústame... o galego!», con xente de a pé, anónima, e tamén xente máis coñecida: o actor Luís Tosar, o xornalista Lois Pereiro, o músico Toñito de Poi, a poeta Yolanda Castaño ou os novelistas Manuel Rivas e Agustín Fernández Paz. E por alí andaba tamén... Mero! 

venres, 21 de abril de 2017

[21 DEG: Día 04] O reto: Que música che gusta?


Seguro que no teu tempo de lecer aproveitas ás veces para escoitar algo de música. Hoxe, día 4 de 21, o reto é, sinxelamente, falarmos sobre o tema (xa sabes, durante 3 minutos como mínimo). Sóltate e grava unha breve charla túa sobre a cuestión. Se o prefires, podes facelo dando resposta a estas preguntas:
Adoitas escoitar música?
En que momentos? 
Gústache ir a concertos? Por que?
Cales son os teus gustos musicais?
Escoitas algo de música en galego?
Coñeces estes grupos? Cal che gusta máis? Cal menos? Por que?
Monoulious DOP (Noia)

Bolboreta (A Coruña)

Esposa (Santiago de Compostela)

Aid (Vigo)


Ataque Escampe (Santiago de Compostela)

Telephones Rouges (O Grove)

Ses (A Coruña)

xoves, 20 de abril de 2017

[21 DEG: Día 03] Como che vai?


Día 3 de 21 Días En Galego [21 DEG]. De novo, correspóndeche contarnos «Como che vai?». Grava un vídeo de polo menos tres minutos explicándoo:
—Que fixeches durante a xornada?
—Conseguiches falar todo o tempo en galego?
—Como te sentiches? Algo de medo ou vergonza?
—Algún momento ou anécdota de interese?
—Como vai reaccionando a xente ao teu arredor?
—Atopaches dificultades? Cales?
—Segues con gañas de continuar?
Ah!, e se cadra xa coñeces este amigo que tamén nos quixo animar. «Ai lalelo, ai lalalo, o galego hai que falalo!»


Ánimo!

mércores, 19 de abril de 2017

[21 DEG: Día 02] O reto: Comezamos con trabalinguas


Segundo día. «O reto» inicial, para ir quecendo, é... enredar con trabalinguas. Todas as culturas do mundo desenvolveron e conservaron, transmitidas de xeración en xeración, estas mostras da tradición oral. Así o podemos comprobar neste vídeo, un traballo de compañeiros vosos do Fogar sobre a diversidade lingüística (a partir da realidade do noso centro). 


Deseguido deixámosvos cinco trabalinguas de noso, ordenados segundo a súa dificultade (dos máis doados aos máis difíciles). Seriades quen de recitalos todos correctamente? Intentádeo e gravádeo en vídeo (xa sabedes: tedes arredor de 3 minutos).
Trabalinguas 1
– ¿Ten tinta, Antón?
– Tinta Antón ten.
Trabalinguas 2
Se vou a Bueu nun bou vou.
Se non vou a Bueu nun bou non vou.
Trabalinguas 3
Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Trabalinguas 4
Cinco figafarzos novos
afigafarzaron a figafarza vella;
veu o figafarzo vello
e afigafarzou os cinco figafarzos novos
e mais a figafarza vella.
Trabalinguas 5
Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.


martes, 18 de abril de 2017

[21 DEG: Día 01] Como che vai?


Chegou o día! Comeza a experiencia dos 21 Días En Galego [21 DEG]. Hoxe, día 1, correspóndeche contarnos «Como che vai?». Ao rematares a xornada, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicándoo:
—Que fixeches durante o día?
—Conseguiches falar todo o tempo en galego?
—Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor?
—Atopaches dificultades? Cales?
—Segues con gañas de continuar? Por que?
E para vos sentirdes máis acompañados, unha sorpresa! Aquí van unhas palabras de ánimo de Baldomero Iglesias, que accedeu a ser o noso padriño nesta experiencia de 21 Días En Galego. Como lembraredes, con Mero vivimos unha inesquecible xornada compartindo cantos de Nadal. Desta volta, quixo enviarvos esta mensaxe de alento. Graciñas, Mero! E ánimo a todos e todas!

luns, 17 de abril de 2017

21 Días En Galego: Mañá comezamos!


Como sabedes, un dos traballos voluntarios en 3ESO para este terceiro trimestre é «21 Días En Galego». Os pioneiros neste proxecto foron rapaces e rapazas do IES da Pobra do Caramiñal, que xa levan catro anos participando. Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel do alumnado do instituto da Pobra, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Lembrade que perseguimos dous obxectivos principais
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
Como seguimento diario, propoñémosvos actividades orais de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
«Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
«O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas...
Día a día iremos dando as instrucións necesarias sobre estas actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente.

Moitos de vós xa anunciastes que iades participar... e mañá comezamos! Unha última axuda: a curtametraxe que María e Antía (dúas alumnas do Fogar) fixeron no 2014 a partir do relato «Instrucciones para aprender a hablar gallego», de Made in Galiza de Séchu Sende.


Seguro que algún consello pode servos útil! Ánimo!

luns, 10 de abril de 2017

Encontro con Manuel Rivas


O pasado 6 de abril celebrouse no salón de actos do centro un encontro do alumnado de Bacharelato con Manuel Rivas, sobranceiro escritor coruñés.

De inicio, a alumna Cristina Mouriño lembrou a traxectoria profesional do autor desde os seus inicios como xornalista ata a súa faceta como poeta, ensaísta, académico e narrador.

Pola súa parte, Rivas realizou unha alocución sobre a importancia da palabra e da literatura desde o seu nacemento e conservación na tradición oral ata as súas distintas manifestacións escritas. Asemade, comentou aspectos como o motivo e a inspiración do libro As voces baixas que, nesta ocasión, viña de ler o alumnado; momento en que se produciu un pequeno coloquio entre escritor e discentes.

No remate, o escritor asinou e dedicou algúns exemplares de distintas obras súas.