xoves, 22 de decembro de 2016

Concerto de Cantos de Nadal



Que gran concerto para este tempo de Nadal! Unha mañá musical memorable!

No marco do Plan Lector, fervedoiro de proxectos, o alumnado de 2º e 3º de ESO desenvolveu a actividade pedagóxica «Concerto de Cantos de Nadal». Dentro dela, traballaron durante varias sesións das áreas de Música e de Lingua Galega aspectos musicais, lingüísticos e literarios de tres panxoliñas recollidas por Mero Iglesias, fundador do grupo Fuxan os Ventos: «Unha pouca roupiña», «Con un sombreiro de palla» e «O pendello». 

Durante a mañá do día 20, aproveitouse a presenza no noso centro de Mero Iglesias e do gaiteiro Raúl Galego para establecer un coloquio sobre a importancia dos cantos de Nadal na cultura galega. Na compaña destes dous músicos, os 174 discentes partipantes puideron cantar, ademais das panxoliñas, temas como «O carro» ou «A rumboia».

Aquí quedan algúns dos grandes momentos do concerto:

«O pendello»

«Canto de Reis»

«O carro»

«A rumboia»

martes, 20 de decembro de 2016

Encontro con Andrea Maceiras


O pasado martes, 13 de decembro, o alumnado de 4 ESO e FPB2, logo da lectura do libro Europa Expressmantivo un encontro coa súa autora Andrea Maceiras. Durante o acto, a novelista coruñesa fixo unha presentación de audio e vídeo sobre os motivos da escrita da obra. Deseguido, estableceuse un coloquio co alumnado que lle formulou preguntas sobre a inspiración do libro, sobre algúns dos personaxes e sobre a súa profesión de escritora, entre outras. Finalmente, asinou e dedicou a obra aos alumnos e alumnas que se achegaron con cadanseu exemplar. 







domingo, 11 de decembro de 2016

O reto lúdico [2]: foto-haikus


Despois do reto dos pangramas, xa estamos de volta cun novo desafío lúdico-literario. Para quen lle guste facer fotos e enredar coa lingua, será perfecto: os foto-haikus. Imos por partes:

Un haiku é unha forma poética tradicional xaponesa. Trátase dun poema breve de tres versos cunha estrutura silábica fixa de 5, 7 e 5 sílabas. Nun exercicio máximo de síntese, o seu obxectivo é captar un instante cotián que nos conmova.

O haiku ten certa tradición na nosa literatura: Helena Villar Janeiro, Miro VillarXoán Abeleira...

O reto consiste en creardes haikus orixinais acompañados dunha fotografía que capte a esencia da súa mensaxe. Os temas son completamente libres. E tanto ten que partades do texto para despois buscardes a imaxe que o ilustre, como que deades primeiro coa imaxe que vos guste para despois compoñerdes o haiku a partir dela. O importante é que respectedes a esencia do haiku: capturar a esencia do momento en tres versos de 5, 7 e 5 sílabas. 

Para inspirarvos podedes fedellar nestas ligazóns: foto-haikus de Helena Villar Janeiro, foto-haikus de Xoán Abeleira ou concurso de foto-haikus da Asociación Cultural Gentalha do Pichel.

Imaxes acompañadas de textos enviaranse directamente ao enderezo electrónico de «A chave e o mundo» que atopades na barra lateral esquerda.

En xaneiro recompilaremos as vosas pezas e escolleremos gañador/a. Ánimo!

xoves, 1 de decembro de 2016

Visitounos Núñez Singala







De novo un evento ligado á literatura. Isto é un non parar! Desta vez, a visita de Manuel Núñez Singala, por xentileza da editorial Galaxia. O autor d’O achado do castro compartiu unha sesión interesante e amena co alumnado 3ESO, que gozou este trimestre coa lectura da súa comedia.

O xeito en que se inspirou para escribir esta obra de teatro. A dificultades para publicala. O seu éxito tando nas vendas como nas numerosas representacións que se fixeron dela. A análise dos seus personaxes. Estas e outras cuestións foron tratadas neses 50 minutos que pasaron voando. 

E como remate, un pequeno xogo de lectura dramatizada para algúns dos nosos compañeiros, que se ofreceron voluntarios. Grazas Isabela, Ian, Elizabelle e Judith. 

Por sorte, posiblemente teñamos axiña a Manuel Núñez Singala de novo polo Fogar. Se queredes saber máis sobre el, esta é a súa web.

luns, 21 de novembro de 2016

Unha homenaxe emocionante



Como recolle a prensa, a do pasado venres foi unha emocionante homenaxe a Agustín Fernández Paz co gallo da presentación d’A casa do medo (Ed. Rodeira), o seu derradeiro libro, que por desgraza non chegou a ver publicado.

Os actos comezaron na biblioteca do Fogar, que desde esa mañá pasou a denominarse «Biblioteca Agustín Fernández Paz». Máis tarde, a lembranza a Agustín trasladouse ao salón de actos. Alí, xunto coa súa dona Inma e a súa filla Mariña, reuníronse admiradores, ex-compañeiros, ex-alumnos e tamén escritores amigos. Entre estes últimos, Fina Casalderrey, Xabier P. DoCampo e Paco Martín, tres Premios Nacionais de Literatura, como o propio Agustín.

Desde a esquerda: Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Alfonso García Sanmartín,
Andrés García Vilariño e Fina Casalderrey 

O alumnado do Fogar, de Primaria, de Secundaria e de Bacharelato, tamén participou activamente na homenaxe. Pequenos e maiores traballaron arreo durante as últimas semanas para poñer o seu granciño de area: lectura de máis de 20 libros de Agustín, ilustracións inspiradas neses libros, «titultextos» ou pequenos relatos creados a partir da combinación deses títulos, emotivas cartas, videomontaxes, pezas musicais seleccionadas entre as preferidas de Agustín. Parabéns rapazada! Como se dixo durante o acto, vós sodes o relevo desta xeración de galegos ilustres, defensores da nosa cultura e da nosa lingua. 

Velaquí unha pequena selección do voso magnífico traballo. 

«Titultexto» (Sara Sierra e Nicole Rodríguez, 6EP-B)
As rapazas da panda, Branca, Raquel, Sara e Nicole, foron celebrar os trece anos de Branca. O seu pastel era da pastelaría de dona Remedios. Os seus regalos foron uns libros do escritor Agustín Fernández Paz titulados «O libro de Merlín», «O raio veloz» e «O segredo da illa Negra». Vimos a película «As fronteiras do medo».
Upa! —dixo Raquel moi asustada.
Raquel ten medo —comentou Branca rindo.
—Que vos parece se imos á Praia da Esperanza? —dixo Nicole.
—E onde está iso? —preguntou Raquel.
—Na cidade dos desexos —comentou Nicole.
—E como imos chegar ata alí?
—No tren —respondeu Sara.
Mentres estaban no tren, soaron as cancións preferidas de toda a panda: «Cos pés no aire», «Amizades secretas» e «Cartas de inverno», e atopamos o noso grupo de música favorito.
—Este é un tren cargado de misterios! —Exclamou Sara.
Cando chegaron á Praia da Esperanza, atoparon un tesouro: o tesouro do dragón Smaug!
Todas quedaron mirando o mar e Branca comezou a cantar a canción «A fuxida do mar». Xogaron na area, bañáronse no mar, riron... Todas quedaron moi cansas e adormeceron na area. Ese día fora moi especial para Branca e soñou coas fadas verdes. Chegou descansada á casa e a súa nai preguntoulle: 
—E logo, tiveches o soño do merlo branco?
—Non, tiven un soño estraño... Soñei coas fadas verdes! 
Carta a Agustín (Lía Lema Pombo, 3ESO-C)
Querido Agustín:
Estamos moi tristes pola túa perda, porque ti, ti eras único.
Non só perdemos a un dos mellores escritores de Galicia e de mundo; senón que perdemos un amigo.
Para nós iso eras, un amigo.
Un amigo que nos comprendía a través dos seus libros.
Un amigo que nos entendeu ás nenas con Trece anos de Branca, que nos fixo tremer con As fronteiras do medo, que nos divertiu con Contos por palabras, e que, sobre todo, nos fixo soñar.
Un amigo que, cada vez que nos viña visitar ao colexio, recibiamos cos brazos abertos, porque eras dos poucos con ese «superpoder» de converter un día aburrido de clases nun día máxico.
Hoxe facémosche esta homenaxe porque queremos devolverche un pouquiño do que fixestes por nós. Porque non eras un máis, non para nós.
Marchaches, pero deixáchesnos o máis fermoso que nos puideches deixar, algo polo que nunca pasará o tempo, polo que sempre estarás connosco: as túas obras, que con tanto agarimo escribiches. Con elas, moitos máis nenos crecerán e soñarán, aínda que non tivesen a sorte de coñecerte, como nós tivemos.
Un abrazo moi forte de parte de todos; esperamos que chegue ata o ceo.
Videomontaxe (Laura Ponte, Iria Otero, Gabriela Taboada e Laura Mella, 3ESO-A)


Canción «California Dreamin’» (Icia Varela e Nerea Lago, 1BACH-A), mais tamén «Stand by me» e «O maio».


Un agradecemento especial tamén para o profesorado que fixo posible que todo saíse tan ben: Román Suárez, Miguel González, María Pereira, Miguel Mosquera, Carola Pintor, Xosé Manuel Varela, Pablo Quintá, Xulián Barros, Rafael Casás, Marcos Díaz e moitos outros.

xoves, 3 de novembro de 2016

Os nosos pangramas


E xa temos gañadora do reto de pangramas que convocamos hai unhas semanas: Eva Castro Vilaboy. Parabéns! 

Un desafío ben doado que só pedía crear un microrrelato que incluíse as 23 letras do noso alfabeto. Canto máis breve, mellor; isto é, cantas menos letras contivese ese pangrama, máis mérito tería. Aquí quedan os recollidos (e completos), por orde decrecente:


12. Ánder Renedo Estévez, 3ESO-A
O animal comeu figos e o humano Rodrigo comía cenorias e dicía que Paulo tiña un balón e comía queixo pero volvía á casa comendo zamburiñas cun xersei. (135 letras)

11. Marta Obarrio Cedeira, 3ESO-C
Onte fun xantar zorza e beber viño ao mesón do meu irmán Carlos porque era o aniversario de Helena e Guillerme. (90 letras)

10. Analía Lazarraga Lori, 3ESO-B
Exhausto da súa queixosa compañía, rebañou a última gota do seu infiel vaso de viño e marchou. Deixou alí os zapatos. (94 letras)

9. Iago Rodríguez Lodeiro, 3ESO-A
Sempre que o vexo come zamburiñas da facenda con galiña, despois anda uns quilómetros chans. (76 letras)

8. Carlota Vázquez Pereira, 3ESO-A
O vacante Gabriel comía unha pizza de catro queixos e un prato cheo de zamburiñas no faiado. (75 letras)

7. Miguel Rodríguez Rial, 3 ESO-A
As veces o sol fai que a xente moi preguiceira se zafe do que hai que facer e baixe coa lasaña. (74 letras)

6. Jorge Nolasco Cortiñas, 3ESO-B
O queixo que estaba agochado xunto as miñas zapatillas favoritas era vello e barato. (70 letras)

5. Julia Regueira Vázquez, 3 ESO-B
O xoves facemos boa limonada porque a túa caeu na herbiña ao golpeala co zapato. (65 letras)

4. Nerea Rodríguez García, 3 ESO-B
O ñu da praza de Santiago viu xogar a Marlo, que chocou co farol e coa árbore. (60 letras)

3. Iván Serrano Vázquez, 3ESO-C
Hoxe tiña para comer patacas con ovos, chourizo, figado e bloque de xeado. (59 letras)

2. Antía García Souto, 3ESO-B
Mañá xogaremos ao fútbol con Hugo porque vai vir durmir con Zaira. (54 letras)

1. Eva Castro Vilaboy, 3 ESO-B
O bolígrafo xa caeu e, estrañado, Sánchez esquivouno a tempo. (49 letras)

 

sábado, 29 de outubro de 2016

Fabulosa xornada de Samaín e Magosto!


Vaia día este venres 28! 

Pola mañá, o Festival de Samaín, cos rapaces de 2º e de 5º de Primaria a actuar ante o resto dos compañeiros do cole. Unha marabilla velos celebrar esta tradición milenaria de orixe celta con tanta variedade de disciplinas: teatro, danza, música, sombras chinesas, adiviñas... Un espectáculo ademais en galego, en castelán e en inglés. Parabéns rapaces e rapazas polo voso esforzo e tamén, como non, para Iria, Roberto e Olga, os profesores dos que xurdiu a iniciativa e que levaron o peso da organización. 

Pola tarde, tocaron xogos populares: a rá, o aro, os zancos, os birlos, as carreiras de sacos... Ata 30 diferentes! Pequenos e maiores gozaron, por quendas, de todas esas actividades lúdicas ligadas á nosa cultura. E rematamos co Magosto! Outra tradición do outono que se remonta ao noso pasado máis remoto. Castañas asadas para todos! 

luns, 17 de outubro de 2016

O reto lúdico [1]: pangramas


Velaí vai unha proposta lúdica e creativa para nos achegar á lingua. Non todo vai ser gramática, sociolingüística, ortografía... Convidámosvos a crear pangramas. E que demo é un pangrama?

Un pangrama (do grego pan- ‘totalidade’ e -gramma ‘letra’) é un texto que emprega todas as letras do alfabeto dun idioma. A súa finalidade é inicialmente práctica: ensaiar nun enunciado breve a escrita de todas as letras. Os pangramas máis chamativos son polo xeral os que usan o menor número de letras. Daquela, construír un pangrama que repita letras o menos posible resulta unha tarefa desafiante. 

Aquí tedes un exemplo tirado da lingua inglesa, que conta cun abecedario de 26 letras: 

The quick brown fox jumps over the lazy dog. («O rápido raposo marrón salta sobre o can preguiceiro») (35 letras)

O alfabeto galego consta de 23 letras: 
A, B, C, D, E, F, G, H, I, L, M, N, O, P, Q, R, S, T, U, V, X, Z
Animádevos a crear pangramas orixinais co menor número de letras posible. Podedes empregar como axuda este xerador automático. Tanto ten que estea en inglés, só tedes que ir eliminando as 23 letras do noso abecedario. 

mércores, 5 de outubro de 2016

Homenaxe a Agustín Fernández Paz


Xa estamos de volta un novo curso. Preparados para seguir abrindo o mundo coa nosa máxica chave.

O pasado 12 de xullo finou en Vigo o escritor Agustín Fernández Paz. En poucas semanas, con motivo, da presentación do seu título póstumo A casa do medo (Ed. Rodeira), renderémoslle no Fogar unha merecida homenaxe. Merecida non só por se tratar dunha das figuras máis queridas e recoñecidas das nosas letras, dentro e fóra de Galicia, senón tamén pola súa estreita vinculación co noso colexio.  

Para quen non o saiba, Agustín comezou a exercer como mestre no Fogar, aló por 1973. Foron dous intensos cursos nos que toda a comunidade educativa do centro se implicou nun innovador proxecto pedagóxico: o Plan Dalton. Así deu os seus primeiros pasos como docente e así foi descubrindo tamén a súa vocación como escritor para os máis novos.

Desde entón, Agustín sempre mantivo, dunha forma ou doutra, o contacto co noso colexio.

Agustín no Fogar de Santa Margarida no ano 2013

Todos vós podedes formar parte desta homenaxe simplemente animándovos a ler calquera das obras de Agustín (temos unha chea delas na nosa biblioteca). Ademais, tamén vos convidamos a participar con estas actividades.
DEBUXAMOS A AGUSTÍN
Primaria (de 1EP a 6 EP)

Despois de que en cada grupo traballedes na aula unha obra diferente de Agustín Fernández Paz, podedes elaborar unha ilustración (con ceras, con rotuladores, cunha colaxe, con ordenador...) inspirada no título ou no tema da obra que vos correspondeu. Todos os vosos debuxos decorarán os corredores e escaleiras do colexio o día da Homenaxe a Agustín.
TITULTEXTOS DE AGUSTÍN
Primaria (5EP e 6EP)

Un xogo de creación literaria que consiste en elaborar un poema ou un relato breve introducindo nel títulos de libros de Agustín Fernández Paz, cantos máis mellor. Deixádevos levar pola vosa inspiración e pola vosa creatividade. Mesmo podedes traballar en parellas ou en grupos. Seguro que os títulos da súa abundante obra, habilmente combinados e con algún engadido da vosa colleita, poden dar orixe a pezas fantásticas.
CARTA A AGUSTÍN
Secundaria e Bacharelato

Todos os alumnos e alumnas destas etapas estades convidados a escribir unha carta dirixida a Agustín Fernández Paz. Nela podedes expresar todas as vosas ideas e impresións sobre o autor e/ou sobre as lecturas que teñades feito das súas obras. Se cadra, algunha xa pasou polas vosas mans: Trece anos de branca, A escola dos piratas, A neve interminable, As fronteiras do medoContos por palabras... Adiante! Que lle diríades a Agustín?
Se queredes saber máis sobre este vello amigo do Fogar, recomendámosvos visitar estas ligazóns:
Web persoal 
Entrada da Wikipedia en Galego
Agustín da Biblioteca Virtual Galega 
Agustín na web da AELG
Entrevista en vídeo
Reaccións tras o seu falecemento

xoves, 9 de xuño de 2016

Textos argumentativos fresquiños

E os traballos de fin de curso van chegando. Desta volta, dúas compañeiras de 3º ESO, Alicia Vecillas Valle e Natalia Mouriño Domínguez entregaron cadanseu texto argumentativo, segundo as pautas propostas hai unhas semanas. Con teses claras, ben argumentados e con procedementos discursivos eficaces. Alicia, Natalia, bo traballo!

 
O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
O fútbol é o deporte máis popular no mundo, o que máis se practica e o que máis afeccionados atrae aos numerosos campos de xogo que existen repartidos por todo o globo. A min encántame ver e xogar ao fútbol, é o meu deporte favorito, pero cando leo ou escoito todo o que se move ao redor do fútbol das grandes ligas xa non falamos de deporte, senón dun espectáculo e un negocio de moitos millóns de euros.
A Real Academia da Lingua Galega define deporte como «a actividade que ten como fin o desenvolvemento das facultades físicas da persoa, practicada individualmente ou en equipo e suxeita ou non a unhas regras establecidas».
Na miña opinión, o fútbol profesional actual ten pouco que ver con esta definición. Creo que non hai dúbida que a maioría dos equipos actuais xurdiron de agrupacións de persoas que lles apaixonaba o fútbol como deporte. Pero estas agrupacións pasaron a ser controladas por profesionais con máis interese nos negocios que no deporte. Os clubs de primeira división convertéronse en sociedades anónimas e son xestionados coma se fosen empresas. Ao consello ou equipo de dirección esíxeselles beneficios económicos para continuar á fronte dun proxecto que debería ser puramente deportivo e non é de estrañar posto que as cifras que se manexan no fútbol profesional son enormes: segundo datos oficiais, o fútbol profesional representa o 1,7% do Produto Interior Bruto (PIB) español e dá emprego directo e indirecto a máis de 189.000 persoas.
Achega máis 9.000 millóns de euros á economía e o espectáculo é ademais unha fonte de ingresos xerada polos dereitos de televisión e publicidade, polas entradas aos estadios e pola venda de todo tipo de produtos relacionados co equipo, como camisetas das grandes estrelas, bandeiras, bufandas, etc, o que supón moitos ingresos para os grandes clubs.
Os xogadores son profesionais, xogan por diñeiro, e os mellores fichan por diferentes clubs segundo a mellor oferta que adoita ser astronómica. Ningún outro deporte move estas cifras.
Pero tamén este deporte ten lados escuros: corrupción dos directivos, apostas que non sabemos como se controlan e débedas millonarias dalgúns clubs que os políticos non se atreven a denunciar polo custo en popularidade que supón. Cando a liga chega ao final e o gañador se decide nos últimos partidos, sempre xorde a sospeita sobre posibles pagas extras que se dá para motivar aos xogadores dos equipos favoritos e tamén para os xogadores que xogan contra os favoritos.
Os valores tradicionais do deporte como o sacrificio, o esforzo, a superación persoal ou a competición de equipo pasaron a un segundo plano en favor do espectáculo e aa popularidade. Isto motiva a moitos mozos que soñan con ser estrelas como Messi ou Ronaldo.
Os datos falan sós, cando hai tanto diñeiro e intereses en “xogo”, o deporte é o de menos.
Alicia Vecillas Valle, 3º ESO-B

 
As corridas de touros: cruentas e anacrónicas
Penso que as corridas de touros son unha práctica inhumana e cruel, que non se debería permitir a estas alturas na nosa sociedade.
Aquí rebaterei os argumentos “típicos” dos partidarios das corridas de touros:
•  «A corrida de touros é un deporte».  Efectivamente é unha actividade que require adestramento e está suxeita a normas pero non compiten ambas as partes en condicións de igualdade. Os matadores enfróntanse a un animal disminuído/minorado/danado nas súas facultades físicas polo cansazo e a dor.
• «Os touros son unha tradición, e as tradicións hai que mantelas». Que algo sexa unha tradición non xustifica en si mesmo que sexa algo bo. Neste caso non merece que se conserve algo que supón un acto violento.
• «As corridas de touros son unha arte». A arte é un proceso de creación e construción tremendamente sensible que nos enaltece. No enfrontamento de touro con toureiro non se dá ningunha destas circunstancias.
• «O touro morre dignamente». A dignidade é un valor humano pero para un animal, como é o touro, a dor é a dor e a morte é a morte, non son dignas nin indignas. Ademais o que non é digno é maltratar e torturar un animal ata a morte.
• «Os touros son cultura». En 1980, a UNESCO, máxima autoridade mundial en materia de cultura, emitiu a súa opinión respecto diso: “A tauromaquia é a arte venal de torturar e matar animais en público e segundo unhas regras. Traumatiza os nenos e os adultos sensibles. Agrava o estado dos neurópatas atraídos por estes espectáculos. Desnaturaliza a relación entre o home e o animal. Niso, constitúe un desafío maior á moral, á educación, á ciencia e á cultura”. En resumo, só se trata de violencia,  crueldade e  barbarie.
• «Sen corridas non habería touro bravo, desaparecería». A casta brava dos touros foi xenéticamente manipulada polo home para que os seus exemplares sexan agresivos, a fin dos touros traería, en todo caso, non a fin dos touros, senón desa subespecie creada artificialmente.
• «O touro non sofre». Esta afirmación non ten base científica. Como calquera animal cun sistema nervioso central, sente, sofre e estrésase.
• «É unha fonte de ingresos». Tamén as drogas e a prostitución pero non todo se reduce a termos de rendibilidade.
• «Quen queira ver os touros que os vexa, e o que non, que se vaia». Podería dicirse o mesmo da pederastia, non se pode mirar para outro lado, non se pode permitir, e menos subvencionar, algo tan cruel, bárbaro e decadente.
Finalmente, a crueldade é crueldade, nada a xustifica e menos nun acto que quere ser lúdico. Unha sociedade avanzada e civilizada ten que deixar atrás actividades cruentas e anacrónicas como as corridas de touros.
Natalia Mouriño Domínguez, 3º ESO-B

Que din os rumorosos?


Emocionante interpretación do himno galego no estadio de Riazor o novembro pasado no último encontro Depor - Celta.

Estamos estes días con Eduardo Pondal, o autor do poema «Os pinos» que lle serviu de letra. Cunha composición musical de Pascual Veiga, o noso himno foi interpretado por primeira vez fóra de Galicia, na Habana (Cuba), en 1907. 
Os pinos
Que din os rumorosos(1)
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume(2) arpado(3) 
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido(4)
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria(5) o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con
arroubo(6) atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e
férridos(7) e duros,
imbéciles e escuros,
non nos entenden, non. 
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades(8)
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.
(1) rumorosos: que causan rumor, refírese aos piñeiros.
(2) arume: folla do piñeiro.
(3) arpado: de son agradable, como o son da arpa.
(4) cinguido: rodeado, axustado.
(5) inxuria: ofensa grave de palabra ou obra.
(6) arroubo: estado de quen sente gran pracer e admiración.
(7) férridos: férreos, duros, crueis.
(8) vaguedades: aspiracións, desexos. 
Un himno que conta con ducias de versións musicadas (como podes comprobar aquí). Unha das máis especiais é esta creada polo beatboxer galego Carlinhos Gende. Que vos parece?



domingo, 22 de maio de 2016

O ano de Manuel María [4]

 

Gran traballo de Paula Ramos Pan, alumna de 3º da ESO. Velaquí tedes o seu Prezi dedicado a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, como subliña a propia Paula, polo seu «compromiso inquebrantable» coa lingua galega. 


Un completo resumo da súa biografía e tres poemas: «Terra Chá», «O pobo que deixa perder a súa palabra» e «O arado». Os dous primeiros recitados polo propio Manuel María e o terceiro coa versión musicada de Fuxan os Ventos

Parabéns, Paula!

martes, 17 de maio de 2016

Feliz Día das Letras


Unha vez máis, unha peza xenial de Luís Davila. Non deixes de visitar O Bichero. No Días das Letras, unha ollada positiva e cun sorriso sobre a nosa lingua: falta fai!

martes, 10 de maio de 2016

Parabéns ao noso equipo de debate!

 


 

 

 

 

 

PARABÉNS unha vez máis aos nosos alumnos e alumnas do equipo de competición do Debate escolar en galego polo seu entusiasmo, a súa constancia, o seu gran traballo en equipo, o seu saber estar e por ese gran 4º posto na FINAL GALEGA, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra o pasado 30 de abril.  

Ánimo para o próximo evento!

O ano de Manuel María [3]


O anterior é un sinxelo videopoema elaborado pola moza María Cal García. O texto orixinal é o poema «A estrela sen nome» de Manuel María, publicado no seu libro Os soños na gaiola (1972).

Un videopoema é unha técnica expresiva que permite enriquecer un texto poético a través de medios audiovisuais. O habitual é gravar un audio coa recitación do poema en cuestión. Logo incorpórase ese audio a un vídeo no que se van sucedendo imaxes alusivas ao contido dos versos, que aparecen a xeito de subtítulos. Ademais acostuma engadirse algún fondo musical, acaído ao ton do poema. É habitual, encabezar o vídeo co nome do poema, do autor/a e da obra en que foi publicado; e tamén pechalo cos datos do autor/a do videopoema.

Manuel María, o homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, é un dos poetas máis recitados e musicados da nosa literatura contemporánea. Pola rede circulan unha chea de poemas seus que foron transformados en cancións (podes comprobalo aquí ou aquí) ou convertidos noutros videopoemas.

Gozade, por exemplo, deste fermoso videoclip da canción «A rebelión das ovellas», que o músico Manuel R. Crespo creou a partir do poema «Conto de medo» de Manuel María.


Proposta de traballo (3º ESO):
Quen se anima a crear videopoemas a partir de textos de Manuel María? Debedes seguir as indicacións anteriores. Podedes seleccionar o poema que máis vos guste, por exemplo, neste blog. É posible facelo en grupos e utilizar calquera programa acaído para a edición de vídeo (Powerpoint, Windows Movie Maker...)

Texto argumentativo

 

A intención dun texto argumentativo é defender unha idea (tese) e convencer dela o lector. Os textos argumentativos danse con frecuencia na vida cotiá: ensaios científicos ou filosóficos, discursos políticos, artigos de opinión xornalísticos, sentenzas xudiciais, textos publicitarios, intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén discusións espontáneas do noso día a día.

Moitos textos argumentativos adoitan ter unha estrutura indutiva ou sintética, que consta destas partes: 
Introdución: presentación do tema (asunto sobre o que se vai falar).
Desenvolvemento: conxunto de argumentos que conducen á tese, reforzados por probas, exemplos, citas...
Conclusión: tese (síntese coa opinión persoal).
Entre os procedementos discursivos que contribúen a apoiar os argumentos están os seguintes:
Definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
Comparación ou analoxía: serve para poñer en relación ideas, con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos e argumentos.
Exemplificación: achega un exemplo concreto e contrastable que facilita a comprensión dunha idea ou demostra argumentos.
Enumeración: exemplos en serie que proporcionan máis forza a un argumento.
Cita: reprodución das palabras de expertos ou persoas que coñecen o tema, así serven como argumentos de autoridade.
Interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario, para provocar unha reacción no interlocutor ou mesmo poden ser retóricas para convidar á reflexión.
Podes ampliar a información sobre o texto argumentativo consultando esta ou estroutra ligazón.
Proposta de traballo (3º ESO)
De acordo co anterior, crea un texto argumentativo, dun mínimo de 25 liñas, sobre un tema que che interese. Podes escoller, se o prefires, unha destas ideas (debes definir a túa opinión entre as posturas que se ofrecen).
• O toureo (ou tauromaquia): debe prohibirse ou non?
As centrais nucleares: necesarias ou demasiado perigosas?
Os programas de telerrealidade: entretemento ou «telelixo»?
As redes sociais: axúdannos a socializar ou íllannos?
O fútbol profesional: deporte ou simple negocio?
A lingua única e universal: a favor ou en contra?

mércores, 6 de abril de 2016

A historia de «Feliz feroz»


O pasado martes 5 tivemos a sorte de contar, por xentileza da editorial Anaya, co contacontos Iago López, que xa nos visitou o ano pasado. Dá gusto velo e escoitalo! Que marabilla o xeito en que achega as historias máis diversas aos pequenos!

Desta volta, o libro que presentou foi Feliz Feroz, o lobiño riquiño, de El Hematocrítico, traducido recentemente ao galego en Xerais. A divertida historia dun lobiño que non sabía ser feroz: non sabía ouvear feramente, nin cazar coelliños, nin asustar a Carapuchiña... Os alumnos e alumnas de Infantil e de 1º e 2º de Primaria pasárono en grande!





martes, 8 de marzo de 2016

O Fogar campión!

 

Parabéns aos nosos alumnos e alumnas de 4 ESO, campións do Club de Debate local 2016, celebrado no centro Ágora da Coruña o pasado domingo, 6 de marzo. O Fogar impúxose ao segundo clasificado por 50 puntos de diferenza!

Amosastes un gran traballo de investigación, un gran traballo en equipo, un gran poder de convicción  e unha asombrosa fluidez verbal e corrección gramatical. 

Parabéns para todos vós e tamén para os profesores que vos axudaron! E agora, a demostrar a vosa valía na fase final autonómica o próximo 30 de abril en Pontevedra!

sábado, 5 de marzo de 2016

Retratos de xente moi especial

Deseguido máis dos vosos traballos. Desta vez, algunhas das mellores descricións de persoas feitas este trimestre polo alumnado de 3 ESO. Claro que os protagonistas son algo particulares: Frankensteinstein, Putintín, Barack Obambi... Unha idea «diferente», inspirada nun post de Xogosdelingua, para practicarmos a elaboración de retratos (esas descricións que combinan trazos físicos e de personalidade).

 
Frankensteinstein
Frankensteinstein é un ser de cor verde, cos ollos marróns, unha gran melena despeluxada e un par de parafusos nos lados da cabeza.
El é amable, pero ás veces ponse un pouco pesado, xa que, cando ten fame, non para de buscar sesos polo mundo adiante. Tamén é moi listo, tanto que ás veces a xente non o entende, e parece coma se fose parvo.
Non é unha persoa que teña moitos medos, pero aínda ten un par deles. Danlle medo algúns humanos, sobre todo se van con antorcha e coitelos. E tamén lle ten medo aos lóstregos e ás treboadas.
De pequeno, as súas notas eran moi malas debido a que el era superior aos demais no ámbito das matemáticas e considerábase un incomprendido, polo que non lles facía caso aos profesores e suspendia moitas asignaturas. Tampouco tiña moitos amigos, xa que era diferente aos demais, pero a el dáballe igual porque tiña un can moi amigable que lle facía compañía. Cando xa era un adulto, debido aos seus éxitos, foi adquirindo amizades. Ao mesmo tempo, tamén gañou
un premio Nóbel, o que o levou a gañar moita fama.
O seu pai tamén é o seu creador e, curiosamente, tamén é o creador da súa muller. A ela gústalle axudar ao seu home nos seus estudos.
Adrián Sierra Teijeiro, 3ESO-B
 
Putintín
Putintín é un xornalista insaciable e á vez un político poderoso. Ten o pelo curto, é louro e ten un característico topete. Ten a cara redonda e as orellas e os ollos pequenos e de cor escura. Ten a boca e o nariz grande e o pescozo curto. Putintín é alto e delgado pero está sempre en forma, gústalle o deporte e practícao a miúdo.
A súa idade é difícil de determinar: parece un adolescente pero o seu queixo dinos que xa é unha persoa adulta. Fala francés e ruso perfectamente e ten facilidade para aprender idiomas. É moi intelixente e enxeñoso, prudente e paciente e ten moita forza física. Putintín non fuma pero ás veces bebe vodka. É moi sensible ante a inxustiza e é capaz de sacrificarse por socorrer aos débiles.
Ten dúas profesións. A máis importante é a de ser presidente de Belrrusia. Belrrusia é unha das nacións máis poderosas do mundo. Adoita vivir en Belrrusia pero ten moitos asuntos que tratar a diario e viaxa bastante ao estranxeiro para reunirse con outros presidentes. Nestas reunións hai persoas que son os seus amigos e outras son inimigos. Antes de ser presidente, Putintín foi espía e despois xefe dos espías de Belrrusia. Putintín sabe conducir todo tipo de vehículos incluídos avións e carros de combate e fai moito deporte. Tamén lle gustan os paseos polo campo co seu inseparable amigo Milú. Milú é un can de cor branca que o acompaña a todas partes.
Nos seus intres libres Putintín dedícase ao que realmente lle gusta, que é traballar de investigador e xornalista. É moi famoso polas súas investigacións e resolveu moitos casos complicados. É un heroe humano, é dicir, non ten superpoderes coma os heroes do cómic. Cando traballa de xornalista sempre vai vestido cun abrigo de cor beige e pantalóns «bombachos». Ten boa puntería e necesita practicar a diario porque o seu posto de presidente e de investigador son profesións moi perigosas. Cando traballa como investigador, non ten secretarios nin gardacostas para defendelo nas súas perigosas misións. El mesmo toma todas as medidas e decisións, investiga situacións sospeitosas, interroga as persoas, examina documentos e descobre viláns e crimes.
Putintín ten moitos amigos como o capitán Haddock e o seu can Milú. Só o capitán Haddock (capitán da mariña mercante) lle chama polo seu nome: Vladimir. Tamén ten amigos na policía: Hernández e Fernández. Son dous policías secretos idénticos, que só se diferencian nos seus nomes e apelidos e nos seus bigotes. Visten case sempre de negro, con bastón e chapeu fungo.
Non se sabe nada da súa familia e el non quere contar nada porque non lle gustan as entrevistas a pesar de ser xornalista.
Alicia Vecillas Valle, 3ESO-B
 
Barack Obambi
Barack Obambi é moi simpático e divertido porque une a figura dun político de hoxe cun personaxe de ficción ou debuxo animado do século pasado. É a mestura da cara do home e do cervato. A parte de arriba da cabeza é a de Bambi e a de abaixo, a de Obama, o presidente dos Estados Unidos de América.
Ten unhas orellas grandes, picudas e peludas. Son de dúas cores: a parte dianteira é branca e a parte traseira é marrón. O seu pelo é curto e marrón, como a parte traseira das súas orellas. A súa fronte é grande e despexada. Os seus ollos son moi grandes e, ao redor deles, ten uns círculos brancos que fan destacar os seus ollos castaños e ovalados. Debaixo do nariz, que é recto, ten unha mandíbula grande, puntiaguda e afiada e con liñas de expresión na pel ao redor da boca. Os seus beizos, grosos e ben definidos, deixan ver uns dentes perfectos e moi brancos, que contrastan coa súa pel, de cor escura.
Leva traxe escuro e camisa branca con gravata de cor prateada. Debido ao seu traballo, ten que ir vestido formal e acorde á ocasión. A fotografía dá sensación de simpatía e alegría. A súa mirada transmite tenrura, sensibilidade e inocencia e o sorriso, decisión, poder e forza. O conxunto da fotografía é agradable, aínda que aumentaría esa sensación se fose de cor natural e non en branco e negro.
Marcos Camoira Fernández, 3ESO-A

 
Spockahontas
Spockahontas, é unha moza metade humana, metade vulcana, que ten que loitar entre manter o seu espírito libre seguindo os ditados do seu corazón (pola súa parte humana) ou facer caso ao que lle indica a lóxica e a razón (pola súa parte vulcana).
Chegou á Terra na nave Enterprice, na compaña dos seus pais. Aínda hoxe conserva a nave, e as veces viaxa ata Vulcano onde lles conta como é a súa vida na Terra e o que está a acontecer nela, pero non ten pensado voltar para vivir con eles xa que se atopa moito mellor vivindo entre os humanos. Actualmente vive nun pobo indio, en Virxinia.
Fisicamente ten un rostro alongado, e nel podemos diferenciar a simple vista a súa doble orixe, con rasgos máis vulcanos na parte superior do rostro. Ten unhas cellas levantadas e picudas que lle dan aspecto serio, e cun cello apertado que a fai parecer moito maior. O seu nariz é grande ao igual ca as orellas, mentres ca os ollos son escuros e pequenos, cunha mirada entre triste e pensativa. A metade inferior, en troques, ten unha pel moi suave, e uns beizos carnosos que non casan nada co resto do seu rostro. O seu pescozo é moi longo e delgado. Ten un pelo moi longo e negro, e chama moito a atención o seu floco moi curto que é característico nos peiteados dos habitantes de Vulcano. É alta e moi delgada, cunhas pernas e brazos moi longos que lle dan un aspecto moi atlético.
Ten un carácter aberto e moi alegre. Sempre intenta ser amable con todo o mundo, aínda que a simple vista pode parecer arisca polo seu cello apertado, pero é todo o contrario, quizais este xesto ten máis de preocupación ao ver as inxustizas e non atopar o modo de rematar con elas. De nena, debido a súa parte non-humana, foi obxecto de burla por parte dos compañeiros e iso fai que odie calquera inxustiza e loite porque ninguén sufra por ser diferente. É moi leal e pola súa familia é capaz de por en perigo a súa propia vida.
É unha moza moi traballadora e con moita sabeduría, e sempre se atopa disposta a axudar os demais, polo que é moi querida entre a xente da súa tribo onde a súa opinión sempre é tida en conta.
Paula Ramos Pan, 3ESO-A

mércores, 17 de febreiro de 2016

Unha de verbos




Dous vídeos do Portal das Palabras en que os profesores Xosé Luís Regueira e Rosario Álvarez nos explican a diferenza entre «cortar» e «acurtar» e entre «abundar» e «abondar», respectivamente. 

E, falando de verbos, como estes días andamos a traballar coa súa estrutura morfolóxica, aquí vos deixamos un gráfico que amosa de forma ben clara os compoñentes morfolóxicos dos nosos verbos regulares: raíz + vogal temática + morfemas modo-temporais + morfemas número-persoais.

 
Nesta ligazón podes atopar tamén a mesma distinción da estrutura dunha chea de verbos irregulares. E tamén unhas cantas actividades para practicar a morfoloxía verbal.

Por último, un recurso final: Conshuga, o conxugador automático en liña de verbos galegos da USC. Basta con escribir o verbo que queres consultar e obtés o seu paradigma completo. Un boa axuda!

martes, 2 de febreiro de 2016

O ano de Manuel María [2]


Van chegando os traballos! E o primeiro, un vídeo dedicado a Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Unha peza audiovisual elaborada por Lucía Rodríguez Bouza, alumna de 3ESO. 

Como vedes, despois de presentarnos a figura literaria deste polifacético escritor da Terra Chá, Lucía animouse a facer a recitación de «A fala», un dos seus poemas máis coñecidos, que ademais serviu para lle dar nome a este blog

Mérito ten: investigar, recadar e organizar a información; e, despois, editar o vídeo sincronizando imaxes, texto e audio. E a música de fondo, poemas de Manuel María fermosamente musicados por Mini e Mero.

Graciñas Lucía, o teu vídeo tamén axudará a darlles a coñecer a Manuel María aos máis pequenos do cole.

sábado, 30 de xaneiro de 2016

De novo, o Entroido





De novo chegou o Entroido: unha das tradicións galegas máis populares, pola festa e polos disfraces; mais tamén polo cocido, polas orellas, polas filloas...

No Fogar recuncan don Paco e dona Maruxa, e esta vez traen consigo o seu neto Pepiño. Entre os tres axudarán a organizarmos a semana do Entroido en Primaria e en Infantil. Unha celebración que terá o seu momento culminante no Festival do venres pola tarde.

Para saberdes máis do Entroido galego, aquí e aquí tedes dúas boas webs nas que toparedes información abonda. 

E para rematar, unha sobremesa para larpeiros: Ofelia Rei a prepararnos unhas boas filloas da pedra, ao máis puro estilo tradicional, co seu caldo, co seu unto... Ummmmmm!

sábado, 23 de xaneiro de 2016

Arredor do conflito lingüístico


É curioso saber que hai 2000 anos, na antiga Xudea, tamén se daba iso que damos en chamar «conflito lingüístico». E que alí, Xesús, nun momento clave para el, decidiu usar a súa lingua propia, o arameo, a pesar de ser a lingua B, a lingua marxinada.

A xeito de síntese, para intentar precisar esa chea de conceptos que estamos a estudar estas semanas (bilingüismo, diglosia, prexuízos, lingua minorizada...), aquí queda este esquema, coas súas correspondentes definicións. A ver se vos é de axuda.

Contacto lingüístico: Situación en que dúas ou máis linguas coexisten nun mesmo territorio. 
Bilingüismo individual: Capacidade que ten unha persoa de empregar indistintamente dúas linguas.
Bilingüismo social: Sociedade en que se empregan dúas linguas diferentes, sendo unha boa parte da poboación individuos bilingües. Esta situación nunca é estable no tempo e decote acaba derivando en diglosia.
Diglosia: Situación en que se dá unha consideración social desigual de dúas linguas o que provoca un uso desequilibrado destas: a lingua A (dominante) para as funcións de máis prestixio (laboral, institucional, cultural e internacional) e a lingua B (minorizada) para as relacións cotiás e informais (función local e, sobre todo, a familiar).
Lingua dominante (A): Lingua de gran prestixio social que acaba por impoñerse fóra do territorio que lle é propio e acaba ocupando progresivamente ámbitos e funcións doutra lingua (a minorizada).
Lingua minorizada (B): Lingua historicamente propia dun territorio que ve restrinxidas as súas funcións e retrocede nos diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua dominante foránea.
Prexuízos lingüísticos: Xuízos de valor (preferencias ou rexeitamentos) sobre a lingua baseados en razoamentos falsos ou sen fundamento («O galego é de pailáns de aldea», «O galego só o falan os dunha determinada ideoloxía»...).
Conflito lingüístico: Situación de tensión e pugna entre dúas linguas en contextos diglósicos, e que se pode resolver ben mediante a substitución lingüística, ben mediante a normalización lingüística.
Substitución lingüística: Desaparición da lingua minorizada porque a lingua dominante se impón completamente en todos os ámbitos e funcións.
Normalización lingüística: Proceso mediante o cal unha lingua minorizada consegue recuperar o seu valor comunicativo, as súas funcións lingüísticas e o seus status como lingua propia.
E para rematar cun chisco de humor, vía Xogosdelingua, unha mostra galáctica do conflito lingüístico. Contacto lingüístico, prexuízos, lingua dominante e lingua minorizada, diglosia... todo mesturadiño nesta comedia esmendrellante do grupo Chévere. Ollo! Conseguirá Lucas Arcodavella arredar a Pailán Vader do lado escuro da forza?