domingo, 13 de decembro de 2015

Proposta de traballos para 3º ESO


Chega o tempo de propoñer traballos. Xa sabedes, son voluntarios e podedes optar por calquera destas opcións. E axudarán a subir algo as notas!
A. Gravardes recitacións de poemas de Manuel María. Chega o ano 2016, cuxo Día das Letras Galegas estará dedicado a Manuel María Fernández Teixeiro, un dos poetas máis profíficos da nosa literatura. Suxerímosvos que seleccionedes os poemas del que máis vos gusten e que fagades recitacións. Podedes gravalas simplemente en audio (en Ivoox, por exemplo). Como esta.
Ou facerdes unha videomontaxe (Windows Movie Maker, iMovie...) con planos de detalle das vosas bocas mentres recitades. Como aquí.
B: Preparardes unha presentación en Prezi, programa en liña gratuíto. Ben lucida, por suposto: non só con texto, senón tamén con imaxes, audio, vídeo... O contido, escollédeo vós. Por exemplo: algo sobre o devandito Manuel María ou sobre algún tema que vós interesase do estudado no primeiro trimestre (as cantigas de amigo e de amor, a orixe e formación da lingua galega, a tipoloxía textual...). Reparade nestes exemplos, feitos por outros compañeiros vosos.
C: Facerdes recensións ou críticas literarias d’O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Como xa lemos esa comedia, agora podedes, de acordo co suxerido na entrada anterior, facer un comentario persoal sobre a obra. Debe axustarse ás pautas indicadas e redactarse en Word (mínimo 25 liñas).
D: Escribirdes descricións de persoas. Preferiblemente retratos (descricións que combinan trazos físicos e estéticos con trazos psicolóxicos e de personalidade). Para lle dar un toque orixinal, debedes escoller un dos persoeiros ficticios desta ligazón. Cun chisco de imaxinación, cada figura pode suxerir unha chea de ideas para creardes un bo retrato. Tamén cómpre presentalo en Word (mínimo 25 liñas).
Calquera das catro posibilidades é válida. Os traballos das opcións A e B poden elaborarse de forma individual ou en grupo. Como vedes, son traballos acordes cos tempos, en formato dixital e/ou audiovisual, que poderán despois expoñerse neste blog. De terdes outras ideas, comentádeo.

venres, 4 de decembro de 2015

E despois de lermos «O achado do castro»...

Acabamos de ler en 3ª da ESO O achado do castro, de Manuel Núñez Singala, unha breve peza teatral, ambientada na Roma imperial, que reborda humor polos catro costados. Hai uns anos, o alumnado do IES da Sánchez Cantón (de Pontevedra) levou a adiante a posta en escena desta comedia. Un gran traballo que agora podedes ver neste vídeo.


Como aínda tedes fresco o texto de Núñez Singala, propoñémosvos facerdes unha recensión sobre el. Aquí tedes uns consellos sobre como preparala.
COMO FACER UNHA RECENSIÓN OU CRÍTICA DUNHA OBRA LITERARIA?
Ao longo do curso teredes que ler distintas obras literarias. Facer unha recensión expoñendo a vosa opinión sobre elas parece fácil, mais facelo ben non o é. Aquí tedes unhas pautas que debedes aplicar.
1.- O primeiro que cómpre facer é, nunha INTRODUCIÓN, presentar a obra que ides comentar e para iso debedes indicar o seu título, o autor ou autora e a época na que se escribiu. Se non coñecedes algún destes datos, debedes investigar. Un bo xeito de comezar podería ser, por exemplo, algo así:
Arredor de si é unha novela escrita por Ramón Otero Pedrayo a comezos do século XX.
2.- Despois vén o DESENVOLVEMENTO da recensión, onde tedes que dar a vosa opinión. De que xeito? Aquí debedes comentar, baixo o voso punto de vista, algún aspecto da obra que vos chamase a atención. Podedes usar fórmulas como:
Chama a atención na obra...
É interesante ver, observar, comprobar...
O traballo é un bo exemplo de ...
Ao ler a obra, o lector/lector sente...
O autor/autora convídanos a reflexionar sobre...
A obra resulta orixinal, decepcionante, emocionante, hilarante...

A linguaxe é...
Non esquezades terminar calquera recensión cun parágrafo de CONCLUSIÓN que comece con algunha fórmula do tipo:
Para terminar…
En conclusión…
En fin…
Por todo isto…
3.- Este texto debe ocupar tres parágrafos, unhas 15 liñas aproximadamente.
 Animo! As mellores recensións colgarémolas no blog!