xoves, 20 de novembro de 2014

Grandes éxitos de onte e de hoxe

Pregunta: Que músico galego acadou sona universal cos seus temas na nosa lingua?

Se non se vos ocorre ningún nome, aí vai un: Martín Codax, toda unha estrela internacional de noso que viviu entre os séculos XIII e XIV. As súas fantásticas cantigas forman parte dese tesouro que é a lírica galego-portuguesa medieval. Un modelo lírico que foi referente na Europa daquel tempo e que levou a trobar no noso idioma a casteláns, a aragoneses, a provenzais, a italianos...

Mais tamén hoxe, sete séculos despois, podemos ver como as pezas deste xograr galego son admiradas e interpretadas en todas as latitudes do planeta. E aí vai unha pequena mostra: catro versións diferentes da súa cantiga de amigo «Eno sagrado en Vigo».

The Dufay Collective (Inglaterra)

Triskilian (Alemaña)

Olam Ein Sof & Fairuza (O Brasil)

Esemble RNH (Rusia)

Estes son só algúns exemplos porque o certo é que os Greatest Hits de Martín Codax non quedan aí: «Quantas sabedes amar amigo», «Ondas do mar de Vigo», «Mia irmana fremosa»... Unha marabilla!

xoves, 13 de novembro de 2014

Lingua e literatura na Idade Media


O vídeo anterior, da serie documental «Historias de Galicia» (emitida aló polo 2009), é un bo recurso audiovisual para achegarnos doutro xeito ao contexto lingüístico e cultural da Galicia da Idade Media. 

E deseguido, outro recurso: un mapa animado que nos vai amosando de forma gráfica a evolución da nosa lingua desde o ano 1000 aproximadamente ata a actualidade, máis de dez séculos despois. Interesante, non si!?

 
E para rematar este feixe de recursos, unha fantástica presentación en Prezi sobre a nosa literatura medieval (con ilustracións, gráficos, vídeos...).



sábado, 8 de novembro de 2014

Orgullo do propio acento


Orgullo da propia fala, da propia lingua, do propio acento, dos propios sons... tan apegados a nós coma o noso propio ADN. Así foi o punto de partida de «Ghalegho», este vídeo creado desde Rianxo, no corazón das Rías Baixas. Unha peza convertida en auténtico fenómeno viral: máis de 130.600 visitas ata o día de hoxe.

Pois ben, o vídeo xa tivo a súa resposta, solidaria e cómplice, por parte da rapazada do IES de Ribadeo, no límite oriental da Mariña lucense. Titúlase «Eu digo...» e nel amosan o mesmo amor por ese sotaque de seu, que os distingue e sitúa no mundo.


Por certo, sabías que o galego da Coruña tamén posúe gheada (ghaliña) e seseo implosivo (lus)?


Para saberdes máis sobre as variedades xeográficas da nosa lingua recomendámosvos esta ligazón ou estoutra. Ah! E deixa lucir orgulloso o teu acento (na lingua e, se che presta, tamén no peito).