xoves, 18 de xuño de 2020

Bo verán a tod@s!

Rapazas, rapaces, unha última entrada no blog para despedirmos o curso 2019-2020. Este terceiro e último trimestre foi moi estraño e complicado para todos. Espero de verdade que pasedes un bo verán e que teñades a oportunidade de desconectar e de cargar as pilas cara ao curso que vén. 

E para ver se despedimos tamén a pandemia cun chisquiño de humor, déixovos o temazo «Oles moito a xel!» de Paramo Pictures, parodiando o «All the things she said» de Tatu.


Vémonos en setembro! Coidádevos!

luns, 15 de xuño de 2020

Repaso xeral cun Pasapalabras

Isto está rematando. O curso 2019-2020 está xa nas últimas. A ver se todos podemos pasar un bo verán cunha desescalada sen sobresaltos! E as pilas cargadas en setembro!

De momento, para facer un repaso xeral de todos os contidos (Gramática, Lingua e Sociedade, Literatura...) propoñémosche xogar con este Pasapalabras feito na casa. Adiante!, xa fixeches un parecido! Contesta por escrito letra a letra. Se na primeira rolda che quedan preguntas sen resolver, podes seguir dándolle voltas ao rosco ata que remates.



Cando finalices, faille unha foto ou pantallazo aos teus resultados e envíamos por MOODLE

venres, 12 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [3]


Rematamos hoxe cos xogos do Portal das Palabras. As categorías coas que xogarás son:
a) Apunta ben
b) A ver se dás...
c) Opa!
Tres xogos ben distintos que che permitirán mellorar o teu vocabulario e ir depurando interferencias do castelán. Nesta ocasión, debes facer dous xogos de cada categoría e mandarme como sempre seis imaxes por MOODLE

Lembra que este tipo de xogos son ideais para mellorar o teu galego.

martes, 9 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [2]


Volvemos ao Portal das Palabras da Real Academia Galega. A xogar! Neste caso farémolo coas categorías:
a) Canto sabes?
b) Dimo con letras.



Xa sabes, pon a proba os teus coñecementos de léxico galego. Le atentamente as cuestións que se propoñen nas actividades e vai respondendo con tento. Mandame, por MOODLE, o pantallazo ou foto dos resultados de tres xogos de cada categoría (en total 6 imaxes).

luns, 8 de xuño de 2020

Xogos do Portal das Palabras [1]


Se cadra, xa coñeces o Portal das Palabras. É un espazo en Internet creado en 2013 pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié para difundir e mellorar o noso léxico.

Paga a pena dedicarlle un tempo a visitar as súas seccións. Entre elas está a de Xogos, que consta de varias categorías. A tarefa de hoxe é, sen máis, xogar. Debes seleccionar tres xogos de cada unha destas categorías:
a) Verdadeiro ou falso 
b) Só unha vale
Logo, tócache resolver eses enredos completos no tempo límite que che dan. 


Unha vez terminado cada xogo, fai unha foto ou pantallazo dos teus resultados. É dicir, debes obter un total de 6 imaxes. 

Finalmente, envíamas por MOODLE

xoves, 4 de xuño de 2020

Mision posible cos... verbos!


Hoxe, a xeito de repaso, un sinxelo e divertido Breakout educativo: xa sabedes, un deses xogos derivados dos populares Escape Rooms nos que hai que superar unhas probas para conseguir abrir o cadeado final e liberarse.

Neste caso coñecerás o shériff Suso Portela, que vén desde terras moi afastadas. Para conseguirlle o billete de volta ao lugar do que nunca debeu saír, debes poñer a proba os teus coñecementos sobre os verbos en galego. 

Repasa o estudado sobre o verbo e adiante! Iso si, debes ter en conta que nesta actividade se emprega a denominación tradicional dos tempos verbais.

INDICATIVO
(andopresente = presente
(andeipretérito = pretérito perfecto
(andareifuturo = futuro
(andaraantepretérito = pretérito pluscuamperfecto
(andabacopretérito = pretérito imperfecto
(andaríapospretérito = condicional

SUBXUNTIVO
(ande) presente = presente
(andase) pretérito = pretérito imperfecto
(andar) futuro = futuro

Tendo en conta isto, a xogar! Observa os vídeos, segue os pasos e resolve as probas. Se o fas ben, conseguiras o código completo que abre o cadeado final. Non é necesario que envíes nada a MOODLE.


mércores, 3 de xuño de 2020

Formación de palabras



Nas páxinas 181, 203, 227 e 249 do teu libro tes recadros que che explican cales son os procesos básicos de formación de palabras: derivación, composición e parasíntese. Le estes apartados.

Este sería un resume básico:
As palabras simples son as que só están formadas por un lexema [L] e mais morfemas flexivos [MFX/MFN]: gatorápida, patacas...

gato = gat- [L] + -o [MFX]
As palabras derivadas fórmanse engadindo a unha palabra simple morfemas derivativos prefixos [MDP] ou sufixos [MDS]: portuguesesxornalista, inútil...

portugueses = portugu- [L] + -es- [MDS] + -es [MFN]
As palabras compostas son aquelas nas que se produce a unión de dous lexemas [L] e, ás veces, os correspondentes morfemas flexivos [MFX/MFN]: xordomudas, beirarrúas, benvida...

xordomudas = xordo- [L] + -mud- [L] + -a- [MFX] -s [MFN]
As palabras parasintéticas son as que están formadas de dous xeitos diferentes:
a) As que posúen prefixación e derivación simultáneas: descamisar, entristecer... Non deben ser confundidas con palabras derivadas porque, se eliminamos prefixo ou sufixo, ningunha das voces ten sentido: *descamisa, *camisar.

descamisar = des- [MDP] + -camis- [L] + -ar [MDS]
b) As que xorden polos procedementos combinados de composición e derivación (sufixos): norteafricano, paraugueiro, setemesiño...
norteafricano = norte- [L] + -afric- [L] + -an- [MDS] + -o [MFX]
Tendo en conta o anterior, resolve esta actividade interactiva

luns, 1 de xuño de 2020

Repasamos a análise morfolóxica [2]


Continuamos co repaso da análise morfolóxica. Lembra, consiste en descompoñer unha palabra identificando a estrutura que a forma. Debes reler o apartado 4.2 O nivel morfolóxico: palabras e morfemas (páx. 18 do teu libro). Aí poderás ver os distintos tipos de morfemas que poden constituír unha palabra.


Lembra que facemos a análise morfolóxica do seguinte xeito.


subxacentes = sub- [MDP] + -xac- [L] + -ente- [MDS] + -s [MFN]


Agora, a actividade. Aquí podes descargar un PDF cunhas palabras para analizar. Hoxe tócache só as 10 últimas (de «moitos» a «portugueses»).
a) Podes facelo directamente sobre o papel, se consegues imprimir o PDF (e mándasme unha foto por MOODLE). 
b) Podes escribir as análises directamente no cadro de texto da actividade en MOODLE.