domingo, 21 de febreiro de 2021

Da tenzón á batalla de galos

Hoxe son populares as batallas de galos de rapeiros. Neste vídeo podes ver os últimos minutos da final da Liga CeibaRimas 2020. Unha batalla de galos (virtual a causa do Covid) na que se enfrontaban Óscar «O Arrieiro» (chegado do mundo da regueifa tradicional) e Álex «O Jallejo» (mozo experto no rap improvisado). Quen foi o gañador?

Con todo, as disputas improvisadas en verso entre dous poetas veñen de antigo. Na nosa lírica trobadoresca medieval existía o xénero da tenzón, un tipo de cantiga satírica na que un xograr e un trobador «combatían» para demostrar cal deles era o mellor. Deseguido poder ler as dúas primeiras cobras da tenzón que protagonizaron o trobador Xoán d‘Avoín e o xograr Lourenço. Unha batalla de galos de hai case mil anos!

–Lourenço, soías tu guarecer (1)
como podias, per teu citolom (2),
ou bem ou mal, nom ti dig'eu de nom,
e vejo-te de trobar trameter 
(3);
e quero-t'eu desto desenganar:
bem tanto sabes tu que é trobar
bem quanto sab'o asno de leer.
–Joam d'Avoim, já me cometer (4)
veerom muitos por esta razom (5)
que mi diziam, se Deus mi perdom,
que nom sabia 'm trobar entender;
e veerom por en comig'entençar 
(6),
e figi-os eu vençudos (7) ficar;
e cuido-vos deste preito vencer. [...]
(1) guarecer: gañar a vida
(2) citolom: gran cítola (semellante á guitarra actual)
(3) trameter: entremeterse, inmiscirse nun asunto alleo
(4) cometer: atacar
(5) razom: argumento, idea
(6) veerom por en comig'entençar: viñeron por iso comigo entrar en disputa
(7) vençudos: vencidos

Por certo, se che gusta o rap improvisado e as batallas de galos, podes participar no CeibaRimas Challenge 2021. Le ás bases e anímate! Demostra a túa habilidade co rap en galego! 


mércores, 17 de febreiro de 2021

Día de Rosalía 2021


Neste gran vídeo vemos como persoas de todos os recunchos do planeta recitan na súa propia lingua o poema «Adiós ríos; adiós, fontes», de Rosalía de Castro. Escoitamos os versos rosalianos en alemán, tailandés, inglés, árabe, castelán, italiano, catalán, chinés, éuscaro, gaélico, checo, neerlandés, polaco... E, por suposto, en galego!

Aproxímase o día 24 de febreiro, Día de Rosalía. Con esta efeméride celebramos os 184 anos do nacemento da nosa galega máis universal. Unha data que serve para achegarnos máis á súa figura. 

Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademais de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá. 
Sabías que...?
Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi... 
Sabías que...?
O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.

Para coñecerdes mellor esta galega universal, propoñémosche ver este vídeo, elaborado coa aplicación DRAW MY LIFE polo alumnado do Colexio San Pío X de Ourense.

 

Tamén no Fogar nos sumamos á celebración do Día de Rosalía. En concreto, para ir abrindo boca, anímaste a resolver este autodefinido sobre a autora?


Tamén che recomendamos que resolvas este xogo de investigación de Genially. Con el descubrirás aínda moito máis sobre Rosalía.

xoves, 11 de febreiro de 2021

O noso proxecto de 21 DÍAS EN GALEGO (e +)

Todo comezou aló polo 2013. Os rapaces do IES da Pobra do Caramiñal foron os pioneiros coa experiencia 21 Días Co Galego, da man da profesora Pilar Ponte. Despois, no ano 2017 un grupo de alumnos e alumnas do Fogar seguiron o seu ronsel e comezamos o noso 21 DÍAS EN GALEGO (21DEG).

A experiencia consiste en aceptar o reto de falar en galego durante 21 días. Co acompañamento de actividades diarias que se propoñen desde o blog da materia. Non hai que estudar, non hai que escribir. Todo se basea en falar e ir gravando a diario as actividades propostas: días impares contar «Como che vai?» (unha especie de videodiario) e días pares «O reto» (xogos e actividades lúdicas para facer individualmente, en parella, en grupo...).

Coas ducias e ducias de vídeos do primeiro ano, elaboramos este minidocumental. Fiel mostra de como resultou a experiencia.

Para sorpresa de todos, 21DEG tivo unha grande acollida e tamén diversos recoñecementos. Recibimos o premio á «Investigación sobre a nosa fala» da asociación Xermolos no Festival de Pardiñas.

Leváronos á radio, ao programa «O Coruñés Opina», para falar sobre o noso proxecto e axudar a divulgalo.

Recibimos, ademais, a homenaxe da Real Academia Galega, xunto cos rapaces da Pobra, nun acto celebrado na propia institución e que foi recollido nos medios de comunicación.


E, por último, a Xunta decidiu impulsar o mesmo proxecto, co nome de 21 Días Co Galego e +, entre a rapazada de institutos públicos de toda Galicia. O ano pasado, de feito, fomos convidados tamén a participar.


E este ano, aceptas ti o reto de 21DEG? Se se fai entre amigos/as, moito máis doado!


luns, 8 de febreiro de 2021

Quen escribe o noso futuro?


É curioso saber que hai uns 1000 anos, en Inglaterra, tamén se deu iso que damos en chamar «conflito lingüístico». A conquista do país polas forzas normandas (de lingua francesa) converteu o inglés en lingua minorizada no seu propio territorio. Pero, como ben se di ao final do vídeo, «o futuro non está escrito, escribirémolo nós». E o inglés acabou por recuperar o seu status de normalidade e mesmo se converteu, 1000 anos despois, en lingua de uso internacional.
 
A xeito de síntese, para intentar precisar esa chea de conceptos que estamos a estudar estas semanas (bilingüismo, diglosia, prexuízos, lingua minorizada...), aquí queda este esquema, coas súas correspondentes definicións. A ver se vos é de axuda.

Contacto lingüístico: Situación en que dúas ou máis linguas coexisten nun mesmo territorio. 
Bilingüismo individual: Capacidade que ten unha persoa de empregar indistintamente dúas linguas.
Bilingüismo social: Sociedade en que se empregan dúas linguas diferentes, sendo unha boa parte da poboación individuos bilingües. Esta situación nunca é estable no tempo e decote acaba derivando en diglosia.
Diglosia: Situación en que se dá unha consideración social desigual de dúas linguas o que provoca un uso desequilibrado destas: a lingua A (dominante) para as funcións de máis prestixio (laboral, institucional, cultural e internacional) e a lingua B (minorizada) para as relacións cotiás e informais (función local e, sobre todo, a familiar).
Lingua dominante (A): Lingua de gran prestixio social que acaba por impoñerse fóra do territorio que lle é propio e acaba ocupando progresivamente ámbitos e funcións doutra lingua (a minorizada).
Lingua minorizada (B): Lingua historicamente propia dun territorio que ve restrinxidas as súas funcións e retrocede nos diferentes ámbitos de uso, baixo a presión dunha lingua dominante foránea.
Prexuízos lingüísticos: Xuízos de valor (preferencias ou rexeitamentos) sobre a lingua baseados en razoamentos falsos ou sen fundamento («O galego é de pailáns de aldea», «O galego só o falan os dunha determinada ideoloxía»...).
Conflito lingüístico: Situación de tensión e pugna entre dúas linguas en contextos diglósicos, e que se pode resolver ben mediante a substitución lingüísticaben mediante a normalización lingüística.
Substitución lingüística: Desaparición da lingua minorizada porque a lingua dominante se impón completamente en todos os ámbitos e funcións.
Normalización lingüística: Proceso mediante o cal unha lingua minorizada consegue recuperar o seu valor comunicativo, as súas funcións lingüísticas e o seus status como lingua propia.

sábado, 6 de febreiro de 2021

Valoración social das linguas: os prexuízos

Os estereotipos son xeralizacións moi difundidas e simplistas sobre os membros dun grupo social (‘rapaz con lentes = chapón’ ou ‘nena loira = parva’).

Os prexuízos son xuízos de valor que nos levan a ter actitudes negativas e de rexeitamento cara a eses grupos baseándonos, precisamente, nos estereotipos falsos.

Coñeces a Susan Boyle? No 2009, con 46 anos, participou como concursante na terceira tempada do show de televisión británico Britain’s Got Talent. Ela, na súa primeira aparición no programa, foi vítima de estereotipos e prexuízos. Prexulgárona negativamente pola súa aparencia e polo seu acento (procedía dunha aldea escocesa), mais acabou ocorrendo isto...


Un bo exemplo de por que non nos debemos deixar levar por estereotipos falsos nin alimentar prexuízos!

Sobre a lingua galega pesan moitos estereotipos (‘galegofalante con gheada = aldeán inculto’; ‘mozo galegofalante urbano = bloqueiro’) e tamén prexuízos (‘o galego é de pailáns’, ‘o galego íllanos do exterior’, ‘co galego non se progresa’, ‘o galego está a ser imposto por unha minoría’...).

O seguinte vídeo axúdache a coñecer algúns destes prexuízos lingüísticos e a reflexionar sobre a súa falsidade.



Se queres comprobar como afloran estes prexuízos na nosa realidade cotiá, podes ler noticias como esta, esta, estaesta ou estoutra.

luns, 1 de febreiro de 2021

Bilingüismo individual, todo son vantaxes


O bilingüismo individual é a capacidade dunha persoa para comunicarse indistintamente e de forma eficaz en dúas linguas. Como podes ler na unidade 4 (páx. 94), os científicos do Instituto de Ciencias do Aprendizaxe e do Cerebro da Universidade de Washington (Seattle, Estados Unidos) levan tempo a estudar os efectos do bilingüismo no cerebro.

Neste artigo xornalístico, ofrecen algunhas das súas conclusións, que resumimos aquí:

O cerebro dunha persoa bilingüe funciona coma un semáforo. Cando tes que escoller unha palabra, dá luz verde ao idioma que está a usar e frea cunha luz vermella o termo que non necesita. Este proceso natural de selección, que fas centos de veces ao día, é como unha ximnasia involuntaria que mellora a túa materia gris. [...] Hai investigacións que suxiren que falar dúas linguas permite combater mellor o Alzheimer ou a demencia.

Os nenos bilingües, por exemplo, descartan «máis facilmente» o ruído na clase para centrarse na lección. «Se estás conducindo ou operando nun quirófano é importante centrarse no que realmente importa e ignorar o que non».

O cerebro dunha persoa que fala dous idiomas é moito máis flexible, enfróntase a situacións máis complexas polo que busca mellores solucións e acaba sendo moito máis áxil.

A esas «vantaxes intelectuais» súmanse, sen dúbida, as comunicativas. Por exemplo, sabías que sendo bilingüe de forma efectiva en galego e castelán poderías comunicarte sen dificultade con case 800 millóns de persoas? É o número de falantes de portugués e de castelán no mundo. 

De todo isto fálanos neste vídeo Rosalía Fernández Rial. Non perdas detalle do que di.