martes, 28 de febreiro de 2023

Un paseo pola lusofonía

Se cadra, non lembras o Festival de Eurovisión do ano 2017. Pois estivemos de celebración! De entre ducias de cancións en inglés cantadas por representantes de países de toda Europa, a gañadora foi «Amar pelos dois», unha balada en portugués, ese idioma fillo do galego-portugués medieval. Un mozo lisboeta, Salvador Sobral, foi o vencedor cantando na súa propia lingua.


A vinculación do galego co portugués fai que poidamos entendernos, sen grandes dificultades, cuns 215 millóns de persoas do ámbito da lusofonía. Se, ademais, falas castelán e inglés, podes chegar a comunicarte en total con case 1000 millóns! Todo son vantaxes!


No seguinte vídeo temos informativos de varios países da lusofonía. Podemos apreciar distintos acentos (ou «sotaques» como din eles) mais a comprensión é ben doada.

 

Aquí vai unha sinxela tarefa: resolver este encrucillado creado a partir da letra de «Amar pelos dois», de Salvador Sobral. Escoita a canción dúas ou tres de veces e, se ves que o necesitas, consulta a letra (aquí). Finalmente, imprime o PDF e tráeo o próximo día resolto.

             

venres, 24 de febreiro de 2023

Encontro con Pere Tobaruela




O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.

Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas. 

Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra. 

Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.

mércores, 8 de febreiro de 2023

Rapeando con Rosalía

Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!

O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía. 

Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!