sábado, 28 de abril de 2018

E chegamos á Academia!


As cousas sábese como comezan, mais rara vez como van acabar. O curso pasado, durante algunha das sesións da materia de Lingua Galega, tratando o bloque de sociolingüística, mencionamos a experiencia dos 21 DÍAS CO GALEGO do IES da Pobra do Caramiñal e algúns dos alumnos e alumnas falaron de por que non faciamos nós algo semellante. E aí comezou todo no Fogar. 

Hoxe, despois de dúas edicións do noso 21 DÍAS EN GALEGO, estamos de felicitación. Se o verán pasado foi a Asociación Xermolos a que nos agasallou co premio á «Investigación sobre a nosa fala», recibido no Festival de Pardiñas, este vindeiro 8 de maio é nada máis e nada menos que a Real Academia Galega a que nos convida, xunto coa xente da Pobra, a un acto de recoñecemento público. Alí estarán, ademais, os medios de comunicación!

Parabéns a todos os rapaces e rapazas que coa vosa ilusión e dedicación fixestes posible este proxecto tan fermoso. E que siga a medrar!

luns, 23 de abril de 2018

[21 DEG: Día 21] Como che vai?


Festa rachada! Deches completado o desafío de 21 Días En Galego 2018! Seguro que non foi doado. Con todo, o importante é que a cousa non acabe aquí. O futuro da lingua, como xa podes imaxinar, depende de todos e cada un de nós. Da actitude que teñamos ante ela, do uso que fagamos dela.

Fosen cales fosen as túas motivacións en 21DEG, o importante é que mellorases a túa expresión oral en galego e, á vez, que puideses reflexionar e formarte unha opinión sobre a situación a nosa lingua. Os seguintes vídeos (o segundo de alumnas do Fogar) pretenden axudarche a reflexionar sobre o feito de que o futuro da lingua depende directamente de ti. A cousa non pode quedar en 21 días! Parabéns e ánimo!



E agora, as últimas reflexións sobre «Como che vai?»
—Como o levaches hoxe? Como ves a evolución da túa lingua oral?
—Que opinas dos vídeos de hoxe? E da idea de que «O futuro da lingua galega depende de ti»?
—Que sentes despois de completar o día 21? Implicouse a xente que te rodea?
—Que é o que máis che gustou da experiencia? E o que menos?
—Animarías a outros compañeiros a repetir o ano que vén? Por que? Como?
Ah! E dentro duns días, case con seguridade, SORPRESA FINAL!

domingo, 22 de abril de 2018

[21 DEG: Día 20] O reto: Nin si nin non


Hoxe, día 20 de 21DEG, «O reto» é un xogo de lingua oral que xa probamos o curso pasado: «Nin si, nin non». Xa sabedes, un enredo divertido para xogar en parellas. Por susposto, debedes gravalo en vídeo. Aproveitando que é fin de semana, seguro que che é máis doado facelo con amigos ou coa familia.


• Xúntate con alguén, preferiblemente, un compañeiro/a de «21 Días En Galego».
• Un de vós fai preguntas e o outro responde.
• Poden ser de calquera tema. A única norma fundamental é que non se pode reponder nin «si» nin «non». E tampouco permanecer en silencio, obviamente.
• Cando se diga «si» ou «non», pérdese e trócanse os papeis. Quen preguntaba, responde; e quen respondía, pregunta.
• Así sucesivamente ata cumprir os 3 minutos. Gravade o xogo sen cortes.


Zoé Vázquez Martínez, 3ESOC

sábado, 21 de abril de 2018

[21 DEG: Día 19] Como che vai?


Deseguido, un vídeo da Mesa pola Normalización Lingüística inspirado na serie de televisión británica Black Mirror. A protagonista é Raquel Prado Gómez, que se presta a participar dun experimento. De momento, non contaremos nada máis. 


Como vedes, a curtametraxe pretende axudarnos a reflexionar sobre as dificultades reais que atopa calquera persoa para desenvolver por enteiro a túa vida en galego, con normalidade.

Toca falar sobre «Como che vai»?
—Que tal foi hoxe? Que fixeches? E o teu galego?
—Veste con ánimos para acabar os 21DEG? Ves algún cambio na túa actitude ante o galego?
—Que pensas da curtametraxe anterior?
—Cres que é doado desenvolver unha vida totalmente en galego con normalidade? E en castelán?
—Nestes días de 21DEG experimentaches algo parecido ao que viviu a protagonista? En que momentos?

Xiana Domínguez Area, 3ESOA

venres, 20 de abril de 2018

[21 DEG: Día 18] O reto: Pasagalego


A febre do Pasagalego vaise estendendo. A xente do IES da Pobra fixeron os primeiros, no Fogar tamén nos apuntamos e agora aparece estoutro do CEP Salustiano Rey Eiras, tamén da Pobra. Por certo, desta vez temático! Seguro que o virus do Pasagalego seguirá a se espallar por Internet.


Xa sabes cal é o reto de hoxe. Tócache xogar a resolvelo. Escóitao con calma e vai gravando as túas respostas. Podes pausar o vídeo as veces que o precises. A ver cantas palabras da rosca dás acertado.

Adiante co Pasagalego! E graciñas aos rapaces do CEP Salustiano Rey Eiras!

Sergio Castro García, 3ESOA



xoves, 19 de abril de 2018

[21 DEG: Día 17] Como che vai?


Os estereotipos son xeralizacións moi difundidas e simplistas sobre os membros dun grupo social (‘rapaz con lentes = chapón’ ou ‘nena loira = parva’).

Os prexuízos son xuízos de valor que nos levan a ter actitudes negativas e de rexeitamento cara a eses grupos baseándonos, precisamente, nos estereotipos falsos.

Sobre a lingua galega pesan moitos estereotipos (‘galegofalante con gheada = aldeán inculto’; ‘mozo galegofalante urbano = bloqueiro’) e tamén prexuízos (‘o galego íllanos do exterior’, ‘co galego non se progresa’, ‘o galego está a ser imposto por unha minoría’...).

Coñeces a Susan Boyle? No 2009, con 46 anos, participou como concursante na terceira tempada do show de televisión británico Britain’s Got Talent. Ela, na súa primeira aparición no programa, foi vítima de estereotipos e prexuízos. Prexulgárona negativamente pola súa aparencia e polo seu acento (procedía dunha aldea escocesa), mais acabou ocorrendo isto...


Un bo exemplo de por que non nos debemos deixar levar por estereotipos falsos nin alimentar prexuízos!

E, en relación co galego, co acento e coa gheada, seguro que este vídeo, elaborado polo alumnado do IES Urbano Lugrís de Malpica de Bergantiños, che axuda a ir rexeitando prexuízos.


E agora toca falar.
—Como che foi hoxe? Mellor ou peor que outros días? Veste con ánimos de acabar?
—Sabías o que eran os estereotipos e os prexuízos?
—Que opinas do ocorrido con Susan Boyle?
—E que che parece o vídeo dos rapaces de Malpica?
—Tiñas ti prexuízos en relación co galego? Coñeces alguén que os teña?
—Algunha das actividades de 21DEG axudouche a rexeitar esterotipos ou prexuízos sobre o galego? Cal?

 
Sara Vázquez García, 3ESOA

mércores, 18 de abril de 2018

[21 DEG: Día 16] O reto: Rap e regueifa




Rap é regueifa non son o mesmo, mais teñen moitas cousas en común: tradición oral, habilidade na improvisación, os duelos dialécticos, a retranca e o sentido satírico...

Hoxe un reto que non é doado. Intenta cantar, ben un rap, ben unha regueifa. O mellor é facelo en parella, coma se fose unha «pelexa de galos». Veña, sen medo nin vergonza!
• Podedes preparar o texto antes e ensaialo ou, se vos vedes capaces, facelo directamente improvisando.
• Unha boa opción é creardes estrofas semellantes ás coplas: catro versos de arte menor, coa rima asonante ou consonante, só nos pares.
• Se queredes, observade ben este exemplo de dous dos nosos campións regueifeiros: Alba María e Benito Lobariñas.

E este é o voso logo de hoxe.


Noel López de la Fuente, 3ESOB

martes, 17 de abril de 2018

[21 DEG: Día 15] Como che vai?


Sabías que a presenza da nosa lingua en Internet, é dicir, o número de páxinas en galego, sitúaa no posto 49 do mundo. Lembra que se falan unhas 6000 no planeta! Hoxe en Internet tes bastantes posibilidades para gozar do teu lecer en galego en liña. Queres uns exemplos?
Interésanche as novas tendencias, a moda, a literatura, a arte? Non podes perderte a revista online disquecool.com
 
Interésanche as novas tecnoloxías, a ciencia ou os videoxogos? Pois tes que coñecer codigocero.com, unha publicación especializada en todos eses ámbitos con moita información actualizada.
 
Interésanche a música e os concertos que podes atopar por Galicia adiante? Ollo con GZmúsica, unha web dedicada á música galega que pretende achegarvos información sobre as músicas do país, de calquera estilo: pop, rap, ska, rap, folk...
Vídeo correspondente a «21 Días Co Galego 2015» (IES A Pobra do Caramiñas)

E agora toca falar. 
—Como o levaches hoxe? Como vai o teu galego? Usalo en todas as situacións?
—Sentes o apoio dos que te rodean? Colaboran contigo nalgunha actividade?
—De te poñeres nota polo teu traballo ata agora, cal sería do 1 ao 10? Por que?
—Que pensas da información sobre Internet que encabeza esta entrada?
—Coñecías esas webs? Interésanche?
—Coñeces outras páxinas en galego sobre temas que che gusten?
—Cres que debería haber máis ofertas de lecer en galego?

 
Noa López Martínez, 3ESOC

luns, 16 de abril de 2018

[21 DEG: Día 14] O reto: Unhas adiviñas


Xa estamos no día 14 de 21DEG. «O reto» hoxe: xogar con adiviñas. Aquí che damos seis. Leas en voz alta e intenta ofrecer a súa solución. Pon a cabeciña a traballar! 


Adiviña 1
Quen me mira e me desfai,
ha de chorar máis por min
que chorou pola súa nai.
A cebola

Adiviña 2
Cae da torre embaixo e non rompe,
e cae dunha ponte e rompe.
O papel

Adiviña 3
Que será unha cousiña, cousa,
que entra por onde non entra un leirón
e garda a casa coma un león?
A chave

Adiviña 4
Teño follas sen ser árbore,
fáloche e non teño voz;
se me abren non me queixo,
adiviña ti quen son.
O libro

Adiviña 5
Que animal é 
o que anda cos pés na cabeza?
O piollo

Adiviña 6
Se queres saber de min
estou no medio do mar;
non son peixe, non son illa
e tampouco sei navegar.
A letra «a»

Ollo! Se ves que algunha se che resiste, pasando o cursor pola zona en branco debaixo cada adiviña atoparás as solucions.

A segunda parte do reto é gravarte recitándollelas a outras persoas (familia, amigos, coñecidos...). Grava tamén as súas respostas (sexan correctas ou non). Xa sabes, cun mínimo de tres minutos.


Manuel Álvarez de Novoa Vázquez, 3ESOA


domingo, 15 de abril de 2018

[21 DEG: Día 13] Como che vai?



Este vídeo amosa algunhas diferenzas entre o galego e o portugués (do Brasil). Mais realmente demostra que a proximidade entre a nosa lingua e a portuguesa é tal que é posible manter unha conversa fluída sen problemas. Como comprobamos no diálogo, hai certos trazos (especialmente léxicos) que si poden provocar equívocos.

Seguimos, co «Como che vai?»
—Que tal cos 21 Días En Galego? Que fixeches hoxe?
—Conseguiches falar sempre en galego?
—Como ves a evolución da túa expresión oral? Cometes máis ou menos erros que ao comezo?
—Comprendiches o diálogo que manteñen as dúas persoas do vídeo?
—Poderías explicar que palabras provocan confusións entre eles? E por que?
—Que pensas das ventaxes que o galego ofrece para a comunicación internacional?

 
Luz Bermúdez Marras, 3ESOC

sábado, 14 de abril de 2018

[21 DEG: Día 12] O reto: A entrevista




Aquí tedes a David Amor a entrevistar a Xosé A. Touriñán. Estes dous cómicos e actores galegos axúdannos a introducir, con humor, o reto de hoxe: unha entrevista. 

Chegou a fin de semana e, se cadra, tes algo máis de tempo. Escolle unha persoa que che interese: pode ser un familiar ou alguén da túa contorna que creas que paga a pena entrevistar (en galego, claro). Podes orientar a entrevista ao teu gusto: falar sobre a súa vida pasada, sobre o seu traballo, sobre os seus gustos e afeccións, sobre a cuestión da lingua... Como ti vexas

É moi conveniente unha mínima planificación previa. Un guión básico con algunhas preguntas pode ser útil.

Presenta esa persoa e procura que a conversa sexa fluída. E xa sabes, tres minutos mínimo.

Ánimo!

Lucía Costa López, 3ESOA

venres, 13 de abril de 2018

[21 DEG: Día 11] Como che vai?



Paga a pena escoitardes o monólogo de Rosalía Fernández Rial (Carballo-Muxía, 1988), poeta e licenciada en filoloxía pola USC. Saberedes como descubriu nun pub de Lisboa o valor de ser galegofalante e de criarse nun contexto bilingüe. Xa temos falado na clase sobre as vantaxes neurolóxicas e de aprendizaxe do bilingüismo. Recordas?
«Os altos niveis de bilingüismo están relacionados con maiores habilidades en áreas como a formación de conceptos, a creatividade e a flexibilidade para aprender».
A. Woolfolk, Eductional Psychology
Seguro que o que relata tan poeticamente Rosalía ha resultarvos familiar.

Hoxe, día 11 de 21DEG, toca reflexionar e falar de como vos vai.
—Como o levas agora que pasamos a metade dos 21 días? Animado/a a continuar?
—Como ves a túa evolución na fala despois destes 11 días de actividades?
—Conseguiches falar todo o día en galego?
—Que che pareceu a intervención de Rosalía Fernández Rial?
—Que pensas sobre esas «vantaxes» que posuímos os falantes bilingües sobre os monolingües?
—Anímate esta reflexión a intentar progresar no teu uso oral do galego?
Ah! E aí vai o voso logo de hoxe.

Lara García Prego, 3ESOB

xoves, 12 de abril de 2018

[21 DEG: Día 10] O reto: O videopoema




Aquí tedes o magnífico traballo realizado por tres compañeiras de 3ESO: Lucía Costa, Itziar Sánchez e Noa Varela. Inspiráronse na cantiga de amigo «Quantas sabedes amar amigo» de Martín Codax: as amigas cítanse para bañarse nas ondas do mar. As nosas compañeiras substituíron o mar da Ría de Vigo polo bravío mar de Riazor. E a súa recitación da cantiga como fondo. Unha peza ben fermosa!

Como xa podedes imaxinar, toca creardes un videopoema. Non ten porque ser tan elaborado como o de Lucía, Itziar e Noa. Basta con que vos gravedes facendo a recitación dalgún poema da literatura galega que vos guste. Botádelle toda a imaxinación que queirades:

Podes facelo individualmente, en parella ou en grupo, podedes gravalo na casa ou ao aire libre, podedes facelo nunha soa toma ou editar o vídeo, podedes incluír texto ou calquera outra idea que se vos ocorra. O importante é serdes creativos e facer unha boa recitación. Se queredes facelo dunha forma máis elaborada, podedes gravalo a fin de semana.

Que poema escoller? Aquí che damos tres posibilidades. Podes elixir unha delas ou buscar outro poema da nosa literatura que che guste máis.
a) 
O reino  
No tempo aquil
cando os animales falaban,
decir libertá non era triste,
decir verdá era coma un río,
decir amor,
decir amigo,
era igual que nomear a primavera.
Ninguén sabía dos aldraxes.
Cando os animales falaban
os homes cantaban nos solpores
pombas de luz e xílgaros de soños.
Decir teu e meu non se entendía,
decir espada estaba prohibido,
decir prisión somente era unha verba
sin senso, un aire que mancaba
o corazón da xente.
Cando,
cando se perdeu,
iste gran Reino?
        Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1962)
b) 
A dama que ía no branco cabalo
levaba un pano de seda bordado.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
O cabaleiro do cabalo negro
levaba unha fita colléndolle o pelo.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
No meio do río cambiaron as vistas,
el para o pano i ela prá fita.
        Na verde fror
        as letras van de amor!
As vistas lles viron no río cambiar
e o pano e a fita por se namorar
        Na verde fror
        As letras van de amor!
        Álvaro Cunqueiro, Dona do corpo delgado (1950)
c) 
Cando penso que te fuches,
negra sombra que m' asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino qu' es ida,
no mesmo sol te m' amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo
pra min i en min mesma moras,
nin m' abandonarás nunca,
sombra que sempre m' asombras.
        Rosalía de Castro, Follas novas (1880)
E outro logo máis dos feitos con Brais.

Gissela Bouzas Neira, 3ESOA

mércores, 11 de abril de 2018

[21 DEG: Día 09] Como che vai?










Arriba un polaco, unha xaponesa, un ucraíno, unha madrileña, un húgaro e unha extremeña (do Val do Ellas, de fala galega). Só seis exemplos dos centos de alumnos e alumnas que cada verán fan o curso «Galego sen fronteiras» en Santiago de Compostela. En concreto, o ano 2017 foi a súa XXX edición e participaron estudantes de 22 países. 

Como vemos, cada un coa súa orixe, cada un coa súa motivación. Algo que nos convida a reflexionar sobre o valor que nós, os galegos, lle damos á nosa propia lingua, tantas veces menosprezada. Como ben di unha das alumnas:
«A moitos galegos víñalle ben ver o que sucede cando unha persoa da India, da América e do Xapón se reúnen para falar en galego».
Agora a falardes vós.
—Que tal o teu galego hoxe?
—Como levas estes días de experiencia?
—Ves algunha evolución na túa fala? Estás máis cómodo ou solto falando?
—Coñecías eses cursos de galego para estranxeiros? Que che parecen?
—Que pensas do interese e do aprezo polo galego que amosan xente doutros lugares?
—E que pensas do que din? 
E hoxe toca este logo.

Claudia Varela Ruíz, 3ESOC

martes, 10 de abril de 2018

[21 DEG: Día 08] O reto: Hoxe, humor!




Arriba, un fragmento d’A Repanocha, un histórico programa de humor da TVG. Contar ben os chistes e contos humorísticos non é doado. Hoxe o reto consiste simplemente en gravares un monólogo de humor de 3 minutos. Aí van unhas ideas. Podes:

—Contar algunha anécdota persoal que resulte moi graciosa.
—Relatar algunha historia cómica que che contasen os maiores.
—Contar uns chistes (ollo!, non deben ser sexistas, nin racistas...). Se non sabes, podes probar con estes:
DE EMPREGADO A EMPREGADO:
—Xa sabes que o xefe morreu?
—Si, pero gustaríame saber quen era o que morreu con el.
—Por que o dis?
—Non liches a esquela que a empresa puxo...
«e con el foise un gran traballador».
NA FARMACIA
—Bos días, ten algún medicamento para a indecisión?
—Por suposto. Píldoras ou xarope?
—Estámosche bos!!
DOUS AMIGOS
—Os meus pais eran moi indecisos.
—Xa o sei, Ricarlos.
DOUTORA A ESTUDANTE DE MEDICINA
—O paciente ten un cadro de vómitos e diarrea.
—Recoiro, como está o mundo da arte moderna!
DOUTOR E PACIENTE
—Doutor, saíronme unhas manchas nas pernas.
—E dóenlle? Pícanlle?
—Ben, unhas pican e outras non.
—Iso son pigmentos de Padrón, seguro.
FILLO E NAI
—Mamá, dinme que teño un futuro de soldador.
—Desolador
—Iso.
NO RESTAURANTE
—Camareiro, cal é o seu mellor viño tinto?
—Quere que lle traia ao somelier?
—Pois vale, ese mesmo. «Aosomelier» con gasosa.
Podes ensaiar e despois facer a túa gravación.

Candela Suárez Pernas, 3ESOA

luns, 9 de abril de 2018

[21 DEG: Día 07] Como che vai?



Dúas mozas, Alba e Henar, cóntannos a súa «historia co galego». Estas dúas youtubers son das aldeas do Bierzo leonés, próximo a Galicia. Lingüisticamente, como sabes, este é territorio de fala galega. E aquí as tes, falando galego con orgullo e sen medo aos erros.

Coñécense estas falas como «galego exterior», que se distribúe xeograficamente en:

Terra Eo-Navia (Asturias), arredor de 40.000 persoas
O Bierzo baixo (León) arredor de 30.000 a 35.000 persoas
As Portelas (Zamora), arredor de 1.000 persoas
Val do Ellas (Cáceres), arredor de 4.500 persoas


Hoxe toca «Como che vai?», isto é, debes gravar un vídeo de polo menos 3 minutos de forma libre imitando a Alba e a Henar. Poderás responder estas posibles preguntas:
—Que fixeches durante o día?
—Conseguiches falar en galego todo o tempo? Ou só por momentos?
—Que dificultades atopaches?
—Que pensas do que contan Alba e Henar, estas dúas mozas da zona de León de fala galega?
—Por que cres que non coinciden as fronteiras administrativas e as lingüísticas?
—Cal é a túa «historia co galego»? Aprendíchelo na casa ou na escola? Fálalo con frecuencia?
—Cal é a «historia co galego» dos que te rodean? Podes preguntarllelo e gravar as súas respostas?
E outro logo máis.

 
Berta Nolasco Cortiñas, 3ESOB

domingo, 8 de abril de 2018

[21 DEG: Día 06] O reto: Karaoke


Que tal se che dá cantar? O reto de hoxe é cantar un karaoke. En concreto, propoñémosche facelo con «Alcolitos», un dos maiores éxitos en Youtube de Páramo Pictures, o grupo de parodias musicais baseadas na vida rural galega. Máis dun millón e medio de visitas!


Todo un canto ecolóxico e cheo de humor en defensa do noso bosque autóctono e en contra da praga do eucalipto.
EUCALIPTOS
Eu non quero ver no monte eucaliptos,
que non son da terra, gústanme os castiros
que dan a leña que mellor quita o frío.
ALCOLITOS
Non hai mellor madeira ca dos alcolitos.
Non ves que medran pronto e son ben bonitos.
Déixate de historias, pensa nos cartiños.
Podes ensaiar canto queiras e mesmo cantala en parella. A gravar a túa arte cantando! Anímate!

E outro logo máis.

Aroa González Boquete, 3ESOC

sábado, 7 de abril de 2018

[21 DEG: Día 05] Como che vai?



Estamos no día 5 de 21DEG. Toca falar de como vos vai e, para que non se faga moi repetitivo, comentar outro tipo de cuestións. Hoxe falaremos do cine. 

Sabías que o Plan Xeral e Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 7 de setembro de 2004, establecía a obriga dobrar ao galego polo menos dez películas con posibilidade de éxito comercial ao ano? Cando foi a última vez que viches nos cines un filme rodado ou dobrado en galego? Contraditorio, non si?

Pois nada, a falar.
—Que tal che foi hoxe? Consegues falar en galego en todos os contextos?
—Sentes o apoio dos que te rodean?
—Gústache o cine? Cal é o filme que máis che gustou? Por que?
—Vas moito ao cine? Por que? Que tipo de películas che gusta ver?
—Viches algunha vez películas inglesas sen dobraxe, en versión orixinal?
—E irías ver filmes dobrados ao galego? Por que?
E como sempre, pechamos con outro dos vosos logos.


Ana Barroso Vinagre, 3ESOC


venres, 6 de abril de 2018

[21 DEG: Día 04] O reto: Palabras encadeadas




O reto de hoxe, día 4 de 21DEG, é xogar ás «Palabras encadeadas». Xa sabes, ese sinxelo enredo ao que seguro xogaches cando eras máis pequeno/a: dous ou máis participantes din por quendas unha palabra que comece pola derradeira sílaba doutra proposta antes. Por exemplo: xarope - pereira - raposo... Un dos participantes perde cando é incapaz de nomear unha palabra nova ou repite outra xa usada.

Hoxe é venres, así que terás máis tempo para buscar un ou dous compañeiros e gravardes o xogo. Lembrade, ademais, que só serán validas as palabras galegas correctas, é dicir, quen use algún castelanismo  (*calle*conexo*lexos...) perde.

E non esquecemos un novo logo.


Amanda Villamar Piñeiro, 3ESOC

xoves, 5 de abril de 2018

[21 DEG: Día 03] Como che vai?


Hoxe estamos no día 3 de 21DEG. Como vai a cousa? Xa sabes que só estamos comezando.


Aquí tedes un grupo de mozos e mozas comentando a súa relación coas linguas que se falan no noso país: galego e castelán.

Comenta «Como che vai?» nun vídeo que dure, polo menos, tres minutos. Podes usar como orientación estas preguntas:
—Que tal foi hoxe o día? Conseguiches falar galego no cole? E na casa?
—Algunha anécdota interesante que comentar?
—Que opinas dos comentarios dos rapaces do vídeo?
—Identifícaste coas palabras dalgún deles? Por que?
—Falan da preseza do galego na súa familia. Que presenza ten o galego na túa?
—Escoitándoos xorde o tema do bilingüismo. Cres que son bilingües? E ti?
Ah! E outro logo máis.

Álex Souto Novalbos, 3ESOB

mércores, 4 de abril de 2018

[21 DEG: Día 02] O reto: Trabalinguas




Non hai mellor quecemento para os días quedan por diante que uns cantos trabalinguas. Hoxe, día 2 de 21, toca reto lúdico individual: xogar cos seguintes trabalinguas populares galegos, ordenados por nivel de dificultade. Xa sabes, tes 3 minutos para gravalos todos, iso si, vocalizando correctamente. Serás quen de conseguilo??!!

Trabalinguas 1
Un can cun quinqué no cu.

Trabalinguas 2
Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa tinta pinga,
a pita pinta pía.

Trabalinguas 3
Porque sabes que che quero,
queres que che queira máis.
Quéroche máis que me queres.
Que máis queres? Queres máis?

Trabalinguas 4
Corchete que estás na corcheta,
desencorchetácheste xa?
O desencorchetador
que te desencorchete
bo desencorchetador será.

Trabalinguas 5
Gancho reviragancho,
que tanto revigarancheaches,
deixa que te desreviraganchee,
con este desreviraganchiño
que teño para desreviraganchear
ganchos reviragancheados
nas ramas do carballal.


Ah! Eu outro logo máis.

Adrián Braojos Hernanz, 3ESOB

martes, 3 de abril de 2018

[21 DEG: Día 01] Como che vai?


Día 1 de 21DEG 2018! Comezamos! Presentámosche os vosos padriños deste ano. Dous referentes galegos do deportivismo, Pedro Mosquera e Álex Bergatiños. Hai un tempo, enviáronnos esta mensaxe de felicitación e de ánimo a todos os participantes de 21DEG.



Como sabes, nos días impares toca contar «Como che vai?». Ao rematares o día, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicando como vai a experiencia. Podes responder estas preguntas:
—Que che pareceron as mensaxes de ánimo de Mosquera e Bergantiños?
—Comezaches con gañas a experiencia de 21DEG?
—Por que te animaches a participar?
—Conseguiches falar hoxe moito tempo en galego?
—Como te sentiches? Pensaches moito no «que dirán»? Fréate o medo aos erros?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor?
E para peche, outro dos vosos logos.

Aday Morís Meijide, 3ESOB


luns, 2 de abril de 2018

21 Días En Galego 2018: Mañá comezamos!

Atencion! Se cadra, alguén anda despistado/a. Mañá comezamos! 

Ainhoa Mosquera Santos, 3ESOB

Para ir abrindo boca, aquí vos queda o logo gañador entre todos os que realizaron os rapaces e rapazas de 3ESO en colaboración con Brais, o profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual. Unha chea de lucidos deseños que debían servir de logotipo para experiencia dos 21 Días En Galego deste curso. De entre todos, seleccionamos un gañador, este de Ainhoa Mosquera Santos, de 3ESOB.

Outros 20 logos, doutros tantos compañeiros, van ir aparecendo por aquí día a día, ata rematarmos a actividade. Parabéns a todos polo voso esforzo e pola vosa creatividade.

Lembrade en que consiste o proxecto:

Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel do alumnado do instituto da Pobra, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Perseguimos dous obxectivos principais: 
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
Como seguimento diario, propoñémosvos actividades orais de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
«Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
«O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas...
Día a día iremos dando as instrucións necesarias sobre estas actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente.

E adiante cos 21 días!