venres, 28 de abril de 2023

A lenda de Breogán e as «nacións celtas»

Non é difícicil de identificar certas afinidades entre os pobos cunha orixe celta común no extremo atlántico de Europa. Son as coñecidas como «nacións celtas». 


Boa parte deste herdo común, pode estar asociado a figuras como a de Breogán, mítico rei celta que Eduardo Pondal levou aos seus versos.

O rei Breogán foi fundador de Brigantia (hoxe, A Coruña), segundo as tradicións lendarias irlandesas recollidas nun conxunto de manuscritos do século XI: o Leabhar Gabhála Éireann ou Libro das Conquistas Irlandesas, que narra as diversas invasións que sufrira a illa. 

Segundo estes textos, Breogán construiu na cidade da Coruña unha torre de altura tal que se podía enxergar, nos días máis claros, unha ribeira verde: Irlanda.

A visión desta afastada terra leva a Ith, fillo de Breogán, ata a illa, onde algúns nobres envexosos o asasinan. En vinganza, o sobriño de Ith, Mil, navega desde Brigantia a Irlanda con trinta barcos e conquista a illa, dando lugar ao pobo dos fillos de Mil ou milesios, orixe da liñaxe celta de Irlanda.

Aquí tedes un breve vídeo que recrea estes episodios da lenda de Breogán e da conquista de Irlanda polos seus descendentes con fragmentos do Leabhar Gabhála Éireann.

Ningún comentario:

Publicar un comentario