Boas noticias! O próximo martes, ás 16:30, celebraremos un encontro virtual coa escritora María Solar. É unha tarde na que non temos clases, mais era o único oco que a autora de Os nenos da varíola nos podía ofrecer. Seguro que pagará a pena. En Moodle, nunha tarefa creada para a ocasión, podes atopar a ligazon para a sesión de Zoom coa que celebraremos o encontro.
María Solar é actualmente presentadora do programa Zigzag Fin de Semana na TVG e coordina os programas de cultura da CRTVG. A súa formación abarca as ciencias e as letras. É diplomada en Maxisterio (Universidade de Santiago de Compostela), licenciada en Xornalismo (Universidade SEK de Segovia) e tamén licenciada en Bioloxía (Universidade de Santiago de Compostela).
Traballou como actriz de dobraxe e conta cunha ampla experiencia na nosa radio e televisión autonómicas, onde presentou todo tipo de programas: Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo, As tardes da Galega ou Chamando á Terra.
Ademais de Os nenos dos varíola (Galaxia, 2017), publicou obras como: Vou ter un irmán!!! (Galaxia, 2011), O meu pesadelo favorito (Galaxia, 2015) ou As horas roubadas (Xerais, 2016). As súas obras foron traducidas a diversos idiomas: castelán, portugués, catalán, polaco, filipino...
Animámosvos a participar e, por suposto, intervir na charla que poidamos ter con María facéndolle preguntas: Seguro que hai moitas cousas sobre a súa faceta persoal ou profesional que vos gustaría saber:
• Por que fixo uns estudos tan amplos e variados?
• De onde lle vén a súa vocación de escritora?
• É fácil compaxinar tantas facetas profesionais?
• Como xurdiu a novela Os nenos da varíola?
• Tivo que investigar moito sobre os acontecementos históricos nos que se centra?
• Que relación atopa entre aquela gran pandemia da varíola de hai máis de 200 anos e a actual?
Poderiamos facerlle estas e outras moitas preguntas. Adiante, pénsao e prepara a túa!