mércores, 13 de maio de 2020

Interferencias lingüísticas [1]

Na páxina 280 do teu libro, abórdase un dos fenómenos máis comúns en situacións de contacto entre linguas: as interferencias lingüísticas.

De sempre, a lingua de calquera comunidade vive en contacto coas linguas de comunidades máis ou menos próximas. Isto fai que con frecuencia uns idiomas inflúan noutros e acaben «prestándose» palabras, especialmente para designar realidades para as que a lingua propia non ten un nome. Isto son os préstamos lingüísticos. Por exemplo: 
• Préstamos do castelán no galego: tortilla, azulexo ou guerrilla.
• Préstamos do inglés no galego: fútbol, chip ou surf.
• Préstamos do francés no galego: blusa, debut ou cabaré.  
Á súa vez o galego deixou préstamos noutras linguas.
• Préstamos do galego no castelán: chubasco, morriña ou vieira
Todos estes préstamos son voces correctas e necesarias na lingua.

Outra cousa ben distinta é cando se dá unha convivencia no mesmo territorio de dúas linguas en situación de desigualdade. Neste caso os falantes da lingua minorizada, tendo termos xenuínos de seu para designar certas realidades, incorporan voces innecesarias da lingua hexemónica (*desayuno por almorzo, *mezclar por mesturar, *pulpo por polbo). Fálase entón de interferencias lingüísticas.


Este fenómeno, ademais de constituír unha incorrección, é moi negativo para a integridade dunha lingua e mesmo pon en perigo súa viabilidade no futuro.

Dálle unha atenta lectura ao apartado de Lingua e Sociedade da páxina 280 e fai estas actividades en liña que che axudarán a recoñecer e evitar algúns castelanismos: aquí, aquí e aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario