luns, 29 de maio de 2023

Liñas temáticas na poesía de Curros Enríquez


Manuel Curros Enríquez foi un autor moi comprometido cos máis humildes. Isto converteuno, posiblemente, no poeta máis lido e admirado do seu tempo. Proba deste afecto popular foi o seu multitudinario enterro na Coruña en 1908, ao que asistiron máis de 40.000 persoas. As súas liñas  temáticas básicas foron: a social ou cívica, a costumista e a intimista.

Poesía social ou cívica

Curros cría na función social da poesía. O poeta ten que comprometerse socialmente e poñer os seus versos ao servizo do pobo. Curros expón directamente o seu pensamento, a súa ideoloxía: defende que a cultura, a educación e a ciencia traerán o progreso material e, con el, a liberdade; en troques, denuncia que a superstición, o fanatismo relixioso e a ignorancia só prolongan a situación de atraso e a opresión do pobo.

CULTURA E CIENCIA > PROGRESO MATERIAL > LIBERDADE

IGNORANCIA E FANATISMO > ATRASO > OPRESIÓN

Manifesta esta temática ao tratar a situación de opresión que sofre pobo galego humilde, os labregos: o inxusto reparto da terra, o pagamento de foros e outros impostos, o caciquismo...


Queredes castañas
dos meus castiñeiros?...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Poesía costumista

Os trazos máis claros desta liña obsérvanse en «Unha voda en Einibó», «O gueiteiro» e «A Virxe do Cristal», os tres poemas cos que gañou o certame literario en Ourense en 1877. Neles recrea lendastradicións e tipos populares


Dendes do Lérez lixeiro
ás veigas que o Miño esmalta,
non houbo no mundo enteiro
máis arrogante gueiteiro
que o gueiteiro de Penalta.


Poesía intimista

Non abundan nos seus textos as expresións da intimidade. Só cando Curros se ve fondamente conmovido por algún acontecemento, aflora o seu subxectivismo. Por exemplo: cando manifesta a ledicia e o amor de pai no nacemento do seu primeiro fillo («Ben chegado») ou cando expresa a súa dor pola morte dun fillo («¡Ai!») ou no enterro de Rosalía («A Rosalía»).


Coitadiño! Sintindo os meus pasos,
revolveu cara a min os seus ollos.
Non me viu… e chorou…  ai!, xa os tiña
ceguiños de todo.

Non me acordo que tempo me estiven
sobre o berce de dor debruzado;
sólo sei que me erguín co meu neno
sin vida nos brazos…

Ningún comentario:

Publicar un comentario