martes, 28 de febreiro de 2023
Un paseo pola lusofonía
venres, 24 de febreiro de 2023
Encontro con Pere Tobaruela
O pasado xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, tivemos a sorte de recibir a Pere Tobaruela, autor de Formig4s. Misión Rosalía, o libro de lectura deste segundo trimestre en sexto de Primaria. Non puido ser en mellor data, pois combinamos a homenaxe á poeta galega máis universal co encontro con este importante autor.
Pere, nado en Cataluña, contounos como deu os seus primeiros pasos na literatura, como aprendeu galego e se animou a escribir na nosa lingua, cal é o seu obxectivo como creador de historias, que proxectos ten para o futuro... E tamén tivemos a oportunidade de facerlle unha chea de preguntas.
Finalmente, démoslle, en nome de todos os nenos e nenas de 6EP, un pequeno agasallo: un caderno que recollía diversos debuxos e comentarios que nos inspirou a súa obra.
Un encontro moi agradable! Esperemos que axiña poidamos repetir con máis autores da nosa literatura.
mércores, 8 de febreiro de 2023
Rapeando con Rosalía
Durante o primeiro trimestre, o alumnado de 6EP participou de forma activa na elaboración do proxecto Rapeando con Rosalía: unha versión rap de «Adiós ríos, adiós fontes», un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Todos colaboraron: rapeiros e rapeiras que cantaban, ilustradores e ilustradoras para os debuxos e tamén especialistas en lettering que axudaron cos textos. Un gran traballo en equipo!
O vídeo será aproveitado, ademais, para celebrarmos, o vindeiro 23 de febreiro, o Día de Rosalía.
Parabéns a todos os rapaces e rapazas de sexto polo seu magnífico traballo!