Samaín, palabra celta, significa ‘fin do verán, principio do inverno’. Na antiga cultura céltica, a noite de Samaín, a do 31 de outubro, era moi mportante pois marcaba o comezo dun novo ano. Era un momento clave, para se reunir nos camposantos, comer porco e castañas e celebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Tamén era a noite máis perigosa do ano: as portas do «outro mundo» abríanse nesas horas e as ánimas dos mortos eran quen de visitar este mundo e aos seus moradores.
En Galicia atopámola vixente na Costa da Morte, nas Mariñas, nas Rías Baixas...
- En Cedeira, prenden fachos e marchan con eles en procesión para facer unha grande fogueira.
- Na Illa de Arousa, os nenos érguense antes de que saia o sol e percorren as rúas e tendas o día 1 de novembro pedindo cun retrouso tradicional: «unha esmola polos defuntiños que van alá». Adoitan recibir boliños de pan, lambetadas, froita...
- En lugares do Salnés, os habitantes van en procesión ao cemiterio portando candeas, nun enorme velorio comunal, e os rapaces adoitan gastar bromas pesadas.
Hoxe o Halloween foi popularizado polos filmes e series de televisión americanas, mais debedes saber que esta tradición non é máis que o Samaín levado ao outro lado do Atlántico polos emigrantes irlandeses e escoceses, coa mesma raíz celta que nós, os galegos.
De seguido, dous recursos para ampliardes o que sabedes sobre o Samaín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario