Atencion! Se cadra, alguén anda despistado/a. Mañá comezamos!
Ainhoa Mosquera Santos, 3ESOB
Para ir abrindo boca, aquí vos queda o logo gañador entre todos os que realizaron os rapaces e rapazas de 3ESO en colaboración con Brais, o profesor de Educación Plástica, Visual e Audiovisual. Unha chea de lucidos deseños que debían servir de logotipo para experiencia dos 21 Días En Galego deste curso. De entre todos, seleccionamos un gañador, este de Ainhoa Mosquera Santos, de 3ESOB.
Outros 20 logos, doutros tantos compañeiros, van ir aparecendo por aquí día a día, ata rematarmos a actividade. Parabéns a todos polo voso esforzo e pola vosa creatividade.
Lembrade en que consiste o proxecto:
Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel do alumnado do instituto da Pobra, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia.
Perseguimos dous obxectivos principais:
• Mellorar a nosa expresión oral.• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
Como seguimento diario, propoñémosvos actividades orais de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
— «Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)— «O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas...
Día a día iremos dando as instrucións necesarias sobre estas actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente.
E adiante cos 21 días!
Ningún comentario:
Publicar un comentario