sábado, 4 de outubro de 2014

As sete vogais do galego



Un vídeo ben interesante, este do programa «Ben falado». Seguro que xa sabías que a lingua galega posúe sete vogais.


Mais é posible tamén que ás veces che custe traballo distinguir o «e» aberto (présa ‘apuro’) do «e» pechado (presa ‘encoro’); e o «o» aberto (óso ‘do esqueleto’) do «o» pechado (oso ‘animal’).

Aquí che deixamos algunhas nocións para recoñecer a abertura destas vogais medias.
Presentan vogal tónica semiaberta:
• As vogais de abertura media que portan un acento diacrítico: vén, só, póla, óso, présa...
• Os substantivos rematados en -el ou -ol e os seus plurais: papel, papeis,tonel, toneis, caracol, caracois, farol, farois.
• Os verbos da 2ª conxugación (-er) con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: bebes, bebe, beben, comes, come, comen
• Os verbos da 3ª conxugación (-ir) con vogal radical -e- ou -u- que presentan alternancia vocálica, nas segundas persoas do Pres. Ind.: serves, serve, serven, foxes, foxe, foxen.
• As formas verbais do tema de perfecto (pretérito, antepretérito, pretérito de subxuntivo e futuro de subxuntivo) irregular: coubeches, coubera, coubese, couber...
• Os nomes das seguintes letras: e, efe, ele, eme, ene, eñe, erre, ese, o.
Presentan vogal tónica semipechada:
• Os verbos da segunda conxugación con vogal radical -e- ou -o- que presentan alternancia vocálica, na 1ª persoa do Pres. Ind., no Pres. Subx. e no Imperativo: bebo, beba, bebas; como, coma, comas.
• As formas dos verbos da primeira conxugación nas que a vogal -e- ou -o- vai seguida de -i- ou de consoante palatal (grafías «x», «ch», «ll», «ñ») e nos verbos rematados en -ear ou -oar:
Deite, axexa, pechas, tellan, empeña, coxean...
Loita, despexas, acocha, ollan, soñas, voas...
• As formas do tema de perfecto dos verbos ser e ir: fomos, fora, fose, for.
• As formas verbais do tema de perfecto regular: collemos, collera, collese, coller.
• As formas do infinitivo: coller, collermos..., pór, pormos...
• Os nomes das seguintes letras: be, ce, de, gue, pe, que, te, xe, ceta.
• A maior parte das palabras acabadas en -és: coruñés, vigués, montañés...
• As palabras nas que -o- forma ditongo con -u-: touro, tesouro...
• Os nomes rematados en: -edo (medo), -ello (cortello), -eo (feo), -eza (grandeza), -ón (corazón), -or (matador), -oso (fermoso).
• O -o- e o -e- cando están en posición postónica son sempre pechados: débeda, ávrego, conde, morto, símbolo.
E para saberdes máis, dúas webs moi recomendables: o «Dicionario de pronuncia da lingua galega» onde é posible escoitar a pronuncia de cada palabra da nosa lingua e «La Fonética: los sonidos del español» elaborada pola Universidade de Iowa onde podes aprender de forma práctica os conceptos básicos da fonética.

Ningún comentario:

Publicar un comentario