Levamos uns días falandos dos prexuízos. Rosalía de Castro, símbolo da nosa cultura e unha das poetas máis importantes do Romanticismo europeo, loitou desde moi nova por vencer outros prexuízos: Desde «As mulleres deben limitarse a ser amas de casa», ata «O galego non serve para cultura escrita».
Co reto de hoxe farémoslle unha homenaxe. Toca recitarmos o seu poema «Dende aquí vexo un camiño». Sigue estas pautas.
—Le o texto previamente e procura comprender todo (consulta o vocabulario que non coñezas).
—Ensaia un par de veces a recitación antes de gravar.
—Grava a recitación coidando a vocalización e a expresividade.
Dende aquí vexo un camiño
Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n'o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunca máis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.
Feita a recitación fala do contido do poema. Que cres que quere expresar Rosalía nestes versos? Como axuda, propoñémosche que repares no símbolo do «camiño». Escolle entre estas dúas opcións o valor deste símbolo no poema. Xustifica a túa resposta.
O «camiño» é símbolo...
a) da tentación do descoñecido. É unha porta aberta á fantasía, ao misterioso e á aventura.
b) da felicidade que lle está negada a Rosalía. Representa a imposibilidade de fuxir de si mesma e a dor ao saber que iso é imposible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario