Xa estamos no día 15 de 21 DEG! De novo, tócache contarnos «Como che vai?». Antes de poñerte a gravar, convén que vexas un par de vídeos.
O primeiro é un fragmento dun informativo de La Sexta. Os reporteiros da cadea estatal fixeron «un exame de galego por equipos». Dun lado, anciáns do rural e, doutro, xente nova de cidade (en concreto, da Coruña). Todos debían traducir ao galego tres frases en castelán. O resultado, xa o podes imaxinar!
Como ves, o vídeo vén demostrar a ruptura na transmisión xeracional da que tanto falamos na clase. É dicir, esta curiosa proba de tradución vén exemplificar que Galicia, tristemente, é un dos poucos lugares do mundo onde os rapaces non falan a mesma lingua dos seus avós.
Ben, isto ten unha vía de solución: os «neofalantes», é dicir, as persoas que se acaban de incorporar ao uso dunha lingua. Deseguido, preséntoche a xornalista coruñesa Belén Regueira: unha «neofalante». Como descubrirás na súa charla, Belén ata a mocidade só falaba castelán e despois comezou a falar galego. O que conta ten moita relación con conceptos estudados: diglosia, lingua minorizada, prexuízos lingüísticos, bilingüismo individual...
Agora, grava o teu vídeo, de polo menos 3 minutos, comentando cuestións como estas:
—Que tal levaches estas dúas semanas de reto? Houbo algún momento de «crise»? Por que?
—Segues con ánimos de seguir ata o final?
—Que che parece o vídeo inicial co «exame de tradución»? Que pensas de que moita xente nova non saiba falar a lingua dos avós?
—Belén Regueira fala, con exemplos da súa mocidade, das dificultades para arrincar como neofalante ou dos prexuízos que frean o galego. Que pensas do que di? Que che resultou máis interesante?
—Percibiches en primeira persoa algún prexuízo cara a lingua durante estes días? Como foi?
Ningún comentario:
Publicar un comentario