Os conectores ou marcadores textuais son unha serie aberta e heteroxénea de elementos lingüísticos (adverbios, conxuncións, locucións adverbiais ou conxuntivas...) que serven para indicar as relacións entre as ideas dun texto e organizar as partes do mesmo dándolle cohesión. Se queres crear un bo texto, cómpre ordenar as ideas servíndote destes elementos lingüísticos. Estes son os máis importantes:
Vexamos un exemplo de como o uso desta variedade conectores permite elaborar textos ben organizados.
No tocante ao consumo de tabaco, estamos ante unha realidade moi presente na sociedade actual. É un hábito normalizado en reunións sociais, espazos de lecer e mesmo entre a mocidade. Pero, se coñecemos os seus efectos, por que segue sendo tan habitual? Esta cuestión sitúa o debate nos ámbitos sanitario, educativo e familiar, e mostra que estamos ante un tema que require reflexión colectiva.
En primeiro lugar, o tabaco constitúe un grave problema de saúde pública, porque o seu consumo está relacionado con múltiples doenzas: cancro de pulmón, enfermidades cardiovasculares e problemas respiratorios crónicos. Ademais, non só prexudica a quen fuma, xa que o fume pasivo tamén afecta ás persoas de arredor. Por exemplo, nenos expostos ao tabaco presentan máis infeccións respiratorias. A Organización Mundial da Saúde lembra que «o tabaco mata a millóns de persoas cada ano», é dicir, trátase dun risco real e comprobado. Polo tanto, non é unha cuestión meramente individual.
En segundo lugar, o consumo de tabaco ten un impacto económico moi significativo. O fumador realiza un gasto constante nun produto prexudicial que, ao cabo do ano, pode supoñer miles de euros. Ademais, ese custo individual multiplícase a nivel social, xa que en España os gastos sanitarios directos derivados do tabaquismo sitúanse arredor dos 8.000 millóns de euros anuais. É dicir, non se trata só dun hábito persoal, senón dun problema que afecta ao conxunto da economía. Polo tanto, toda a sociedade acaba asumindo as consecuencias económicas do tabaquismo. Aínda así, hai quen o considera unha decisión privada, cando en realidade repercute nos recursos públicos e no benestar colectivo.
En resumo, o consumo de tabaco non pode considerarse inofensivo, pois implica danos sanitarios, económicos e sociais. Reducir o seu consumo debería ser unha prioridade colectiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario