venres, 31 de outubro de 2025

As vangardas europeas e galegas


Co nome de vangardas faise referencia aos movementos estéticos que desde 1910 ata 1930 quixeron abrir novos camiños na arte e na literatura rompendo coa tradición. Ata entón, o ideal artístico de beleza era a imitación da realidade; mais as vangardas non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. Noutras palabras, comparten un afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... 

Os movementos vangardistas que xurdiron por Europa a principios de século publicaron manifestos para dar a coñecer os seu fundamentos teóricos. Os principais movementos de vangarda europeos foron:
  • Dadaísmo. Orixinado polo romanés Tristan Tzara en Suíza, como protesta contra a guerra e a razón burguesa. Propón o absurdo, o azar e a destrución das normas artísticas e literarias. Busca escandalizar e negar calquera sentido racional. Emprega collage, a escrita por azar, poemas fonéticos e performances provocadoras. Representantes: Tristan Tzara, Marcel Duchamp, Man Ray.
  • Cubismo. Iniciado por Picasso e Braque, rompe coa perspectiva tradicional e representa a realidade mediante figuras xeométricas e visións múltiples. Pretende mostrar todos os ángulos dun obxecto nun mesmo plano. Na literatura, Apollinaire crea caligramas, poemas con forma visual. Representantes: Picasso, Braque, Juan Gris, Guillaume Apollinaire.
  • Futurismo. Fundado por Marinetti en Italia, exalta a velocidade, a máquina, a cidade ou a guerra como símbolos da modernidade. Defende a ruptura co pasado e coa arte tradicional. Na poesía experimentou coa destrución absoluta da sintaxe, co uso de onomatopeas, coa desaparición dos signos de puntuación... Representantes: Marinetti, Boccioni, Balla, Carrà.
  • Surrealismo. Impulsado por André Breton ou Paul Éluard en Francia, busca expresar o inconsciente e os soños inspirándose na psicanálise de Freud. Combina realidade e fantasía para revelar o pensamento «puro». Utiliza a escritura automática e imaxes ilóxicas ou sorprendentes. Representantes: Breton, Éluard, Dalí, Magritte, Miró.
  • Creacionismo. Impulsado polo chileno Vicente Huidobro, postulou que o poeta, como un pequeno deus, debe crear novos mundos coa palabra, non imitar a natureza. Defende unha poesía autónoma, pura e baseada na imaxinación. Emprega metáforas audaces, disposición libre dos versos, ausencia de rima... Representantes: Vicente Huidobro, Gerardo Diego, Juan Larrea.
En Galicia, os nosos creadores, ademais de seguir as influencias destes «ismos», desenvolveron algúns movementos de vangarda exclusivos, que buscaban tamén a ruptura coa tradición anterior, é dicir, co ruralismo, co costumismo ou coa liña patriótica. Os máis importantes foron: 
  • Neotrobadorismo. Inspirado na lírica medieval galego-portuguesa, recupera o ton amoroso e a musicalidade dos trobadores con linguaxe moderna. Pretende ligar a tradición literaria galega coa renovación vangardista. Usa formas breves, léxico culto e temática amorosa idealizada. Representantes: Fermín Bouza-Brey, Xohán Ledo, Álvaro Cunqueiro.
  • Hilozoísmo. Termo acuñado por Amado Carballo (do grego hilo ‘materia’ + zoe ‘vida’) para definir unha poesía onde a natureza aparece animada e viva, chea de movemento e cor. Busca unha visión dinámica e sensorial da paisaxe galega, próxima ao espírito vitalista e optimista das vangardas europeas. Representantes: Luís Amado Carballo, Manuel Antonio.
Para coñecerdes mellor como se desenvolveron as vangardas galegas deixámosche aquí dous recursos ben útiles. 

O primeiro, o blog «As vangardas», creado pola profesora Pilar Ponte.

O segundo, un vídeo de Nee Barros, coñecida en youtube co pseudónimo de neeumátiko. Por certo, a súa canle pode serche de interese, pois ten máis vídeos nos que fala de contidos lingüísticos e literarios.



Ningún comentario:

Publicar un comentario