Hoxe, xoves, grazas á iniciativa da profesora de Música Iria Pérez, visitounos o músico e profesor Richi Casás, que ademais é irmán do presidente da nosa Fundación Fogar Santa Margarida, Rafa Casás, e neto e afillado de dúas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, Rosa e Adolfina Casás, de Vila da Igrexa (Cerceda).
Todo o alumnado de 5EP e 6EP tivo a sorte de participar activamente no seu obradoiro sobre tradición oral e música popular. Partindo das súas experiencias familiares, Richi falounos de como as cantigas populares invadían a vida cotiá da Galicia rural. Nas casas máis humildes, a falta de instrumentos musicais, calquera cousa servía para acompañar as pezas: pratos, culleres, morteiros, botellas de anís, zocas, sachos... E tamén nos falou de Dorothé Schubarth, a recompiladora suíza que percorreu Galicia gravando cantigas nos anos 70 e 80.
Puidemos cantar con el e facerlle unha chea de preguntas sobre as súas familiares cantareiras e sobre o fascinante mundo as cantigas tradicionais. Unha experiencia que resultou tan amena como enriquecedora. Moitas grazas, Richi!