luns, 3 de marzo de 2025

María Pérez, a Balteira


María Pérez, a Balteira, naceu na parroquia de Armea, no concello coruñés de Coirós, preto de Betanzos. De familia fidalga, sabemos que frecuentou as cortes de Fernando III o Santo e Afonso X o Sabio. Tamén, que participou nunha cruzada a mediados do século XIII.

Aínda moi nova, María comezou a exercer o seu oficio de soldadeira; é dicir, utilizou a súa arte para amenizar o día aos nobres e cortesáns, a través do seu dominio do canto e da danza, ademais de realizar acrobacias e exercicios durante as actuacións de xograres e trobadores. Como contraprestación, María recibía un soldo, denominado «soldada», que lle permitía certa autonomía e liberdade para moverse como lle apetecía.

Segundo os textos a ela dedicados, María Balteira encarnaría todos os vicios e transgresións da época: xuraba, competía en xogos cos homes, xogaba aos dados, libre en xacer con cregos ou xograres, supersticiosa… A visión que se nos dá dela (non se nos di nada das súas habilidades artísticas) corresponde ao imaxinario masculino da época, evidentemente, cheo de prexuízos machistas.

    María Pérez, a nossa cruzada,
    quando veo da terra d´Ultramar,
    assí veu de 
perdom carregada
    que se non podía con el merger.
    Mais furtanlho cada u vai maer
    e do perdom ja non lhe ficou nada.

    E o perdom é cousa mui preçada
    e que se devía muit´a guardar,
    mais ela non ha maeta ferrada
    en que o guarde, nen a pod´haver,
    ca, pois o cadead´en foi perder,
    sempr´a maeta andou descadeada.

    Tal maeta como será guardada,
    pois rapazes albergan no logar,
    que non haja seer mui trastornada?
    ca no logar u eles han poder
    non ha pardón que s´i possa asconder,
    assi saben trastornar a pousada.
              
    E outra cousa vos quero dizer:                
    tal pardón ben se devera perder,
    ca muito foi cousa mal ganhada.
        
                                                Pero da Ponte

    da terra d´Ultramar: do outro lado do Mediterráneo, de Terra Santa (Xerusalén)
    merger: levantarse, erguerse
    cada u vai maer: en cada lugar onde dorme
    maeta ferrada: maleta reforzada con ferros

PARÁFRASE: Como era usual na época, tamén a famosa soldadeira Maria Balteira teria feito unha cruzada (peregrinación á Terra Santa), para gañar os perdóns ou indulxencias habituais. O peor é que, no seu regreso, uns mozos lle foron roubando estas indulxencias, en sucesivos ataques á súa «maleta descadeada». A cantiga é un dos máis perfectos equívocos do cancioneiro satírico.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario