mércores, 31 de maio de 2023

Liñas temáticas na poesía de Pondal

Eduardo Pondal consagrou a súa vida e a súa obra por enteiro a Galicia, á que consideraba unha nación en construción. Esta idea reflíctese na súa poesía épico-lírica en tres liñas temáticas principais: o helenismo, o celtismo e o bardismo.

Helenismo

Pondal ten unha ampla formación na cultura clásica grecolatina e admira o pasado heróico de Esparta. Aparece o helenismo na mención de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica (Leónidas, Tirteo...), na alusión a topónimos helénicos (Atenas, Termópilas...), no tratamento da morte heroica e gloriosa. O seu obxectivo é que sirvan exemplo para as xentes galegas, tratando de indicarlle o camiño da súa liberación.

Oh, quen morrer poidera, 
coma o forte Leónidas
envolto en duro ferro, 
noutras rudas Thermópilas
Por unha patria escura. 
de escravos e de ilotas; 
e deixar, cal cometa,
longo rastro de gloria!

Celtismo

Influído por historiadores como Manuel Murguía, que defenden a orixe celta da nación galega, Pondal considera que os antigos celtas, cos seus líderes (Breogán, Ith...), serían os nosos devanceiros. Os seus poemas fan alusión, en ton épico, aos feitos destes heroes, presentados como exemplos da forza, do valor e do sentido da dignidade. Con este recurso ao pasado mítico celta, o poeta presenta Galicia como un pobo con historia propia e cun pasado glorioso. Un pasado que nos serve de exemplo para recuperarmos a nosa autoestima colectiva

Boandanza, saúde, 
raza de Breogán
teus groriosos destinos, 
certo he doce agoirar: 
raza nobre, anque ruda, 
forte no soportar; 
a de boa estatura, 
e de corpo lanzal: 
asomellante ôs pinos, 
ben compridos que están, 
sobre a materna, 
rápida pendente, 
do monte de Brumar. 

Bardismo

Pondal atribúese a si mesmo papel de bardo do pobo galego. O bardo era o antigo poeta celta, unha especie de guía espiritual que gardaba e transmitía poeticamente a sabedoría da tribo. Pondal concibe a súa obra como unha revelación aos galegos, por unha parte, do seu pasado celta glorioso, que debería servir de estímulo e orgullo; por outra parte, do seu presente de opresión e escravitude; e por último, do seu futuro, no que, guiados polo bardo, conseguirán o triunfo da liberdade.


Mais a alma do bardo,
enérxica, ousada,
que audaz libertade,
tan sóo soña e ama;
vai pensando en propósitos férreos,
que ergueran a patria! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario