A literatura galega medieval conserva unha serie de textos narrativos que se clasifican como prosa de ficción. Estes agrúpanse en dúas grandes temáticas: o ciclo clásico (ou troiano) e ciclo artúrico (ou materia de Bretaña).
Ciclo clásico
O ciclo clásico recolle un dos temas histórico-mitolóxicos máis recorrentes da cultura occidental: a Guerra de Troia.
Existiu realmente Troia? Que hai de mito e que hai de realidade? Na década de 1870, o alemán Heinrich Schliemann, despois de anos de investigacións, escavou nun outeiro situado en Tróade, ao noroeste de Asia Menor (actual Turquía) e alí descubriu os restos da antiga Troia.
Segundo Homero, a orixe do conflito bélico a sería expedición de castigo que os gregos emprenderon contra Troia, despois de que o príncipe troiano Paris raptase a Helena, a fermosa muller de Menelao, rei de Esparta.
Os seus personaxes están perfectamente asentados na cultura popular dos nosos días: Aquiles, Héctor, Helena, Paris ou Odiseo (Ulises).
[Como Troia foi entrada e mortos cuantos i avía]
Aquel día chegaron os gregos ao porto [...] e armáronse moi ben e cavalgaron en seus cavalos gran peça(1) ante que cantasen os galos e fóronse contra a çidade. E viron o sinal que avía posto Antenor e Eneas. Cada un deles entrara dentro do cavalo e fixo un gran fogo, como lles mandaran. [...] Os gregos chegaron entonçe e acharon os muros derribados. E entraron pola çidade vinte mil cavaleiros en tropel e armados de todas as armas, [...] que vos digo que ante que o día fose craro foron mortos máis de dez mil homes. E as casas derribadas e os paaços, que eran laurados(2) de mármol, foron destroídos e desfeitos.
Crónica troiana
(1) gran peça: unha gran distancia
(2) laurados: decorados, rematados
Ciclo artúrico
O ciclo artúrico narra as aventuras que viven o rei Artur e os cabaleiros da Mesa Redonda (Lancelote, Galván, Percival...) na procura (demanda) do Santo Graal, o cáliz que Xesús usou na Derradeira Cea.
O mito do rei Artur parte dun acontecemento histórico certo: Artur (501-542) foi un rei bretón que gobernou nas terras do sueste da Gran Bretaña. Nos séculos das invasións de anglos e saxóns nestes territorios, moitos bretóns fuxiron masivamente ás terras de Armórica (Bretaña francesa) e mesmo a Galicia, pero a maioría quedou loitando. Artur uniu os bretóns organizando unha resistencia que impediu que, durante moitos anos, o seu país fose conquistado.
[Como Lançarote se achou con Brandeliz e con Keya Destrauz]
Depois que se partii da casa de seu ospede, non andou muyto que achou dous cavaleiros andantes que tragían senllos escudeiros; e ámbolos cabaleiros eran de casa de Rei Artur e compañeiros da Távola Redonda, et o un avía nome (1) Brandeliz e o outro Destrauz, e eran ambos boos cavaleiros e ardidos.
Quando eles viron Lançarote non o conoçeron porque fezera el meter seu escudo en súa fonda; mais Lançarote os conoçeu logo, tanto que viu os escudeiros e os escudos. E tanto que se chegaron saluáronse:
—Señor —disseron eles—, ¿quen sodes?
—Eu son —disso el— huun cavaleiro andante.
—¿E sodes —disseron eles— da casa de Rei Artur?
—Señores —disso el— non vos pes (2), ca non volo direi agora.
Livro de Tristán
(1) avía nome: tiña por nome, chamábase.
(2) non vos pes: non vos pese, non vos pareza mal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario