Neste gran vídeo vemos como persoas de todos os recunchos do planeta recitan na súa propia lingua o poema «Adiós ríos; adiós, fontes», de Rosalía de Castro. Escoitamos os versos rosalianos en alemán, tailandés, inglés, árabe, castelán, italiano, catalán, chinés, éuscaro, gaélico, checo, neerlandés, polaco... E, por suposto, en galego!
Aproxímase o día 24 de febreiro, Día de Rosalía. Con esta efeméride celebramos os 184 anos do nacemento da nosa galega máis universal. Unha data que serve para achegarnos máis á súa figura.
Sabías que...?Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?Ademais de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?Rosalía tivo forza para superar unha chea de dificultades na súa vida, nunha sociedade moito máis conservadora e machista cá de hoxe: era filla de nai solteira (o seu pai era un crego) e decidiu dedicarse a escribir profesionalmente (algo mal visto nunha muller naquela época).
Sabías que...?O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?O 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía, o buscador Google adoita homenaxear a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Para coñecerdes mellor esta galega universal, propoñémosche ver este vídeo, elaborado coa aplicación DRAW MY LIFE polo alumnado do Colexio San Pío X de Ourense.
Tamén no Fogar nos sumamos á celebración do Día de Rosalía. En concreto, para ir abrindo boca, anímaste a resolver este autodefinido sobre a autora?
Tamén che recomendamos que resolvas este xogo de investigación de Genially. Con el descubrirás aínda moito máis sobre Rosalía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario