Chegou o momento de falarmos de O curioso incidente do can á media noite, de Mark Haddon. Os que non lestes o libro non vos preocupedes, escusades seguir lendo. Esta actividade non vai con vós. E tampouco vos afectará na nota. Boa finde!
Para os que si o lestes, a tarefa de hoxe é ben sinxela. Gravade simplemente un audio cun breve comentario persoal sobre a novela.
Importante!, esta recensión persoal debe ter un MÍNIMO de 1 MINUTO e un MÁXIMO de 2 MINUTOS. Para que vos resulte máis doado falar durante ese tempo, podedes abordar cuestións como estas:
• Que opinión xeral che merece o libro? Gustouche? Por que?
• Foi unha lectura fácil ou non? Tardaches moito en lelo?
• Que che parece o seu protagonista, Cristopher Boone?
• Este é un bo exemplo de «historia de superación». Que cres que quere dicir iso? Estás de acordo?
• O TEA (Trastorno do Espectro Autista) supón unha dificultade na comunicación e na relación cos demais, mais moitos dos que padecen este trastorno superan eses problemas: Aquí tes uns cantos exemplos que se cadra descoñecías. Que opinas?
• Que momento da novela che gustou, impactou ou emocionou máis? Por que?
• Como lle recomendarías esta novela a un compañeiro/a?
Convén preparardes previamente a vosa intervención un chisco. Pensade que ides dicir: un pequeno guión viría ben. Procurade evitar as interferencias co castelán: xa sabedes (*Me parece por paréceme, *había feito por fixera, *perro por can, *rojo por vermello...).
Hai dúas formas de gravardes e enviardes o audio.
a) se o facedes con ordenador no MOODLE, en «Texto en liña» usade na opción de «Record audio» do editor de texto e subide despois o arquivo.
b) se o facedes con móbil ou tablet, gravade directamente o audio no voso dispositivo e logo subide o arquivo a MOODLE en «Entrega de ficheiros».Tedes unha semana completa para facelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario