sábado, 11 de febreiro de 2017

De novo, campións de debate!






A semana pasada celebrouse na nosa cidade o II Torneo de Debate Talkk da Coruña, en colaboración coa Fundación Barrié.

Tras vencer a outros colexios en oitavos, cuartos e semifinais, o equipo Fogar I do colexio Fogar de Santa Margarida proclamouse campión nun apaixonante debate final no que tivo que enfrontarse á Compañía de María, centro académico gañador da anterior edición. 

Os nosos equipos, formados por alumnado de 1º Bacharelato (Alba Boedo, Nerea Castiñeira, Diego Pampín, Lucía Sánchez e María Señarís –Fogar 1– e Cristina Mouriño, Antía Otero, Sara Sánchez e Icía Varela –Fogar 2–), fixéronnos vivir unhas xornadas apaixonantes e cheas de emoción, conseguiron que vibraramos coa paixón do seu discurso e enchéronnos de orgullo co seu derroche de seguridade, o seu compañeirismo, o seu excelente traballo en equipo, a súa humildade e, por suposto, a súa fantástica capacidade comunicativa.

Os días 30, 31 de xaneiro e 1 de febreiro, celebráronse as fases preliminares, nas que os 19 equipos participantes de diferentes colexios da cidade, puxeron en práctica todo o traballado e investigado para facerse cun posto o día da final, o 3 de febreiro. 

A pregunta sobre a que todos os equipos de debate tiveron que investigar, informarse e prepararse para a «loita» dialéctica foi a seguinte: «Debe España apostar por un sistema educativo sen materias nin horarios fixos?» Os participantes tiñan que preparar tanto a postura A FAVOR como EN CONTRA, xa que, ata o mesmo momento do comezo de cada debate, no que se abre o sobre do sorteo, non saben que postura lles tocaría defender.

Un agradecemento especial, tamén, para Carolina Gabín, Xosé Manuel Varela e demais profesores que, coa súa guía e axuda, contribuíron a este logro, que se suma aos dos anos anteriores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario