Deseguido máis dos vosos traballos. Desta vez, algunhas das mellores descricións de persoas feitas este trimestre polo alumnado de 3 ESO. Claro que os protagonistas son algo particulares: Frankensteinstein, Putintín, Barack Obambi... Unha idea «diferente», inspirada nun post de Xogosdelingua, para practicarmos a elaboración de retratos (esas descricións que combinan trazos físicos e de personalidade).
Frankensteinstein
Frankensteinstein é un ser de cor verde, cos ollos marróns, unha gran melena despeluxada e un par de parafusos nos lados da cabeza.
El é amable, pero ás veces ponse un pouco pesado, xa que, cando ten fame, non para de buscar sesos polo mundo adiante. Tamén é moi listo, tanto que ás veces a xente non o entende, e parece coma se fose parvo.
Non é unha persoa que teña moitos medos, pero aínda ten un par deles. Danlle medo algúns humanos, sobre todo se van con antorcha e coitelos. E tamén lle ten medo aos lóstregos e ás treboadas.
De pequeno, as súas notas eran moi malas debido a que el era superior aos demais no ámbito das matemáticas e considerábase un incomprendido, polo que non lles facía caso aos profesores e suspendia moitas asignaturas. Tampouco tiña moitos amigos, xa que era diferente aos demais, pero a el dáballe igual porque tiña un can moi amigable que lle facía compañía. Cando xa era un adulto, debido aos seus éxitos, foi adquirindo amizades. Ao mesmo tempo, tamén gañou un premio Nóbel, o que o levou a gañar moita fama.
O seu pai tamén é o seu creador e, curiosamente, tamén é o creador da súa muller. A ela gústalle axudar ao seu home nos seus estudos.Adrián Sierra Teijeiro, 3ESO-B
Putintín
Putintín é un xornalista insaciable e á vez un político poderoso. Ten o pelo curto, é louro e ten un característico topete. Ten a cara redonda e as orellas e os ollos pequenos e de cor escura. Ten a boca e o nariz grande e o pescozo curto. Putintín é alto e delgado pero está sempre en forma, gústalle o deporte e practícao a miúdo.
A súa idade é difícil de determinar: parece un adolescente pero o seu queixo dinos que xa é unha persoa adulta. Fala francés e ruso perfectamente e ten facilidade para aprender idiomas. É moi intelixente e enxeñoso, prudente e paciente e ten moita forza física. Putintín non fuma pero ás veces bebe vodka. É moi sensible ante a inxustiza e é capaz de sacrificarse por socorrer aos débiles.
Ten dúas profesións. A máis importante é a de ser presidente de Belrrusia. Belrrusia é unha das nacións máis poderosas do mundo. Adoita vivir en Belrrusia pero ten moitos asuntos que tratar a diario e viaxa bastante ao estranxeiro para reunirse con outros presidentes. Nestas reunións hai persoas que son os seus amigos e outras son inimigos. Antes de ser presidente, Putintín foi espía e despois xefe dos espías de Belrrusia. Putintín sabe conducir todo tipo de vehículos incluídos avións e carros de combate e fai moito deporte. Tamén lle gustan os paseos polo campo co seu inseparable amigo Milú. Milú é un can de cor branca que o acompaña a todas partes.
Nos seus intres libres Putintín dedícase ao que realmente lle gusta, que é traballar de investigador e xornalista. É moi famoso polas súas investigacións e resolveu moitos casos complicados. É un heroe humano, é dicir, non ten superpoderes coma os heroes do cómic. Cando traballa de xornalista sempre vai vestido cun abrigo de cor beige e pantalóns «bombachos». Ten boa puntería e necesita practicar a diario porque o seu posto de presidente e de investigador son profesións moi perigosas. Cando traballa como investigador, non ten secretarios nin gardacostas para defendelo nas súas perigosas misións. El mesmo toma todas as medidas e decisións, investiga situacións sospeitosas, interroga as persoas, examina documentos e descobre viláns e crimes.
Putintín ten moitos amigos como o capitán Haddock e o seu can Milú. Só o capitán Haddock (capitán da mariña mercante) lle chama polo seu nome: Vladimir. Tamén ten amigos na policía: Hernández e Fernández. Son dous policías secretos idénticos, que só se diferencian nos seus nomes e apelidos e nos seus bigotes. Visten case sempre de negro, con bastón e chapeu fungo.
Non se sabe nada da súa familia e el non quere contar nada porque non lle gustan as entrevistas a pesar de ser xornalista.Alicia Vecillas Valle, 3ESO-B
Barack Obambi
Barack Obambi é moi simpático e divertido porque une a figura dun político de hoxe cun personaxe de ficción ou debuxo animado do século pasado. É a mestura da cara do home e do cervato. A parte de arriba da cabeza é a de Bambi e a de abaixo, a de Obama, o presidente dos Estados Unidos de América.
Ten unhas orellas grandes, picudas e peludas. Son de dúas cores: a parte dianteira é branca e a parte traseira é marrón. O seu pelo é curto e marrón, como a parte traseira das súas orellas. A súa fronte é grande e despexada. Os seus ollos son moi grandes e, ao redor deles, ten uns círculos brancos que fan destacar os seus ollos castaños e ovalados. Debaixo do nariz, que é recto, ten unha mandíbula grande, puntiaguda e afiada e con liñas de expresión na pel ao redor da boca. Os seus beizos, grosos e ben definidos, deixan ver uns dentes perfectos e moi brancos, que contrastan coa súa pel, de cor escura.
Leva traxe escuro e camisa branca con gravata de cor prateada. Debido ao seu traballo, ten que ir vestido formal e acorde á ocasión. A fotografía dá sensación de simpatía e alegría. A súa mirada transmite tenrura, sensibilidade e inocencia e o sorriso, decisión, poder e forza. O conxunto da fotografía é agradable, aínda que aumentaría esa sensación se fose de cor natural e non en branco e negro.Marcos Camoira Fernández, 3ESO-A
Spockahontas
Spockahontas, é unha moza metade humana, metade vulcana, que ten que loitar entre manter o seu espírito libre seguindo os ditados do seu corazón (pola súa parte humana) ou facer caso ao que lle indica a lóxica e a razón (pola súa parte vulcana).
Chegou á Terra na nave Enterprice, na compaña dos seus pais. Aínda hoxe conserva a nave, e as veces viaxa ata Vulcano onde lles conta como é a súa vida na Terra e o que está a acontecer nela, pero non ten pensado voltar para vivir con eles xa que se atopa moito mellor vivindo entre os humanos. Actualmente vive nun pobo indio, en Virxinia.
Fisicamente ten un rostro alongado, e nel podemos diferenciar a simple vista a súa doble orixe, con rasgos máis vulcanos na parte superior do rostro. Ten unhas cellas levantadas e picudas que lle dan aspecto serio, e cun cello apertado que a fai parecer moito maior. O seu nariz é grande ao igual ca as orellas, mentres ca os ollos son escuros e pequenos, cunha mirada entre triste e pensativa. A metade inferior, en troques, ten unha pel moi suave, e uns beizos carnosos que non casan nada co resto do seu rostro. O seu pescozo é moi longo e delgado. Ten un pelo moi longo e negro, e chama moito a atención o seu floco moi curto que é característico nos peiteados dos habitantes de Vulcano. É alta e moi delgada, cunhas pernas e brazos moi longos que lle dan un aspecto moi atlético.
Ten un carácter aberto e moi alegre. Sempre intenta ser amable con todo o mundo, aínda que a simple vista pode parecer arisca polo seu cello apertado, pero é todo o contrario, quizais este xesto ten máis de preocupación ao ver as inxustizas e non atopar o modo de rematar con elas. De nena, debido a súa parte non-humana, foi obxecto de burla por parte dos compañeiros e iso fai que odie calquera inxustiza e loite porque ninguén sufra por ser diferente. É moi leal e pola súa familia é capaz de por en perigo a súa propia vida.
É unha moza moi traballadora e con moita sabeduría, e sempre se atopa disposta a axudar os demais, polo que é moi querida entre a xente da súa tribo onde a súa opinión sempre é tida en conta.Paula Ramos Pan, 3ESO-A
Ningún comentario:
Publicar un comentario