Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedei sen nada.
Seguro que che resulta máis doado resolver esta adiviña popular ollando a foto que a acompaña. Boa risada a do ourizo que acabará por perder as súas castañas. Non si?
Como cada ano chegou a celebración do Magosto e aquí temos unhas imaxes do castañeiro a asar unha chea de castañas para os máis cativos. E estaban ben boas! Axiña visitará de novo o Fogar para os maiores!
Coñecedes estas frases feitas arredor do tema das castañas e do magosto? Seriades quen de asocialas con cadanseu significado?
Frases feitas
A. Saír dun souto para meterse noutro.
B. Quedar en auga de castañas.
C. Facer un bo magosto.
D. Quitarlle as castañas do lume.
E. Cada moucho no seu souto.
Significados
1. Solucionarlle a alguén un problema.
2. Facer un bo negocio, obter un bo beneficio.
3. Ir cada un ao seu.
4. Empeorar unha situación.
5. Resultar algo sen importancia ningunha.
Ningún comentario:
Publicar un comentario