luns, 16 de xuño de 2014

Viva a diversidade!



Se che doe que o tigre de Bengala, o gorila de montaña ou a balea gris estean en perigo de extinción, se non aturas que os incendios devasten os nosos bosques, pois daquela deberías saber que cada ano 25 ou 30 linguas deixan de existir no planeta. A desaparición dunha especie animal ou vexetal é algo que afecta a toda a Humanidade, do mesmo xeito que tamén nos afecta a todos a perda de diversidade lingüística.

Esa é a base do ecolingüismo e do gran traballo de Gabriel Rodríguez Leva, Javier Castro Sánchez, Jorge Esteban Roca e José Javier de Matos Devesa, alumnos de 1º de Bacharelato. Unha peza audiovisual que busca fomentar o respecto pola diversidade lingüística, partindo da propia diversidade do Fogar. Eliana, Jim, Leila, Pablo, Vicente, Sara, Marlo, John, Kaito, Brando, Antía e moitos outros encargaránse de manter vivo ese valioso legado.

sábado, 14 de xuño de 2014

O Rexurdimento en Prezi

de Fernanda Castro Muíños e Marta Vázquez Quintana

de Raúl Fariña Castrillón

  de Damián Castaño Pazos 

Nesta entrada, novos traballos en formato dixital da xente do Fogar. Neste caso tres presentacións en Prezi deseñadas por alumnos e alumnas de 1º de BACH neste curso que finaliza. Fernanda Castro, Marta Vázquez, Raúl Fariña e Damián Castaño son só algúns dos que aceptaron o reto de empregar esta aplicación multimedia. E, polo que vemos, o seu esforzo pagou a pena. 

Proximamente, máis traballos deste curso 2014-2015.

xoves, 12 de xuño de 2014

Grandes traballos do 2012-2013


Temos un alumnado que arrasa coas novas tecnoloxías. Xa vimos hai pouco o ben que traballan coa edición de vídeo e agora unhas mostras da arte que teñen co Power Point. Sonvos tres traballos para a Área de Lingua e Literatura Galegas elaborados curso pasado (2012-2013) por compañeiros que daquela cursaban 4 da ESO. Seguro que de aquí a pouco subiremos ao blog novos traballos.

de Nerea López Cernadas

de Demian Castaño e Javier Castro


de Marta Vázquez e Fernanda Castro

mércores, 4 de xuño de 2014

Visitáronnos Rosalía, Castelao, Pondal...

Rosalía de Castro

Castelao

Roberto Vidal Bolaño

Valentín Paz-Andrade

Lois Pereiro

Eduardo Pondal

Velaí tedes a Rosalía de Castro, Castelao, Roberto Vidal Bolaño, Valentín Paz-Andrade, Eduardo Pondal, Lois Pereiro e Xosé María Díaz Castro, un selecto grupo dos autores homenaxeados no Día das Letras. Durante toda a semana de celebracións, o alumnado de Educación Primaria andou a buscalos por cada recuncho do Fogar e escoitou atentamente canto lle tiñan que dicir. O obxectivo: descubrir máis sobre a súa vida e a súa obra e, sobre todo, facelo dunha forma ben amena e atraente.

Foi a «Xincana» da Letras Galegas organizada por ese fervedoiro de actividade que é o Plan Lector do Fogar. E coa inestimable colaboración das alumnas da ESO Nerea, Paula, Sara, Alba, Antía, Cris, Yamila e María. Parabéns!!!

sábado, 17 de maio de 2014

En galego, de 0 a 100

17 de maio, Día das Letras! E para celebralo, un dos traballos en formato dixital que prepararon os compañeiros de 1º de Bacharelato. Había moito onde escoller, mais de momento aquí vai esta primeira peza: «Instrucciones para aprender a hablar gallego». Adiante con este curso acelerado!



As alumnas Antía Quintá Gayoso e María Martínez Martínez prepararon esta adaptación do relato «Instrucciones para aprender a hablar gallego» de Made in Galiza, de Séchu Sende. Olliño industria de Hollywood, no Fogar reborda o talento!

«Instrucciones para aprender a hablar gallego» é un relato que nos fala das dificultades que algunhas persoas teñen para falar galego e de como superalas. Un relato que, cando menos, axuda a reflexionar. En relación con isto, tamén pode ser interesante que coñezades iniciativas como Obxectivo1DG. Seguro que non vos soa. Pícavos a curiosidade? Visitade aquí a Guía de Lectura de Made in Galiza elaborada pola profesora Pilar Ponte, lede en que consiste e animádevos!

venres, 9 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [2]



Tedes xeito co Karaoke? Que tal se vos dá iso de ler e cantar á vez? Animádesvos? 
A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
               Xosé María Díaz Castro
Versos luminosos de Diaz Castro musicados pola profesora de música Sandra Tenreiro e interpretados polo alumnado do IES de Guitiriz. Versos que nos falan da importancia de reparar nas cousas positivas mesmo cando todo parece ir mal.

Se queredes saber máis sobre este marabilloso poeta, aquí tedes unha chea de recursos: a web oficial, un xogo interactivo para Ed. Infantil, outro xogo para Ed. Primaria, unha canción...

E aquí, directamente, un cómic sobre a súa vida.

martes, 6 de maio de 2014

Xosé María Díaz Castro [1]


Estamos xa no mes de maio e o Día das Letras Galegas está aí á volta. Xa saberás que este ano está dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, autor de pezas maxistrais como «Penélope», unha das máis fermosas definicións poéticas de Galicia.
Penélope
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
                             Xosé María Díaz Castro, Nimbos
Mini e Mero fixeron unha emocionante versión musicada deste poema. Aquí a tedes, interpretada por eles mesmos.


E se queredes saber algo máis sobre o homenaxeado deste ano, aquí queda unha magnífica presentación en prezi preparada por María José Martínez Paz, alumna de bacharelato do IES de Curtis (A Coruña).