mércores, 27 de marzo de 2019

[21DEG: Día 06] O reto: Karaoke


Hoxe a cantar! E tanto ten que se che dea ben, mal ou regular. 


O teu reto: cantar completa a canción popular «Catro vellos mariñeiros», un verdadeiro himno da nosa música tradicional. Se alguén na casa xa a coñece, pode axudarche a facer un dúo. Como vexas. 

Aquí tes o karaoke. Pode virche ben escoitala antes un par de veces.


E, se cadra, ata a dás aprendido enteira!

martes, 26 de marzo de 2019

[21DEG: Día 05] Como che vai?


Amar e falar a túa propia lingua non é obstáculo para triunfar no deporte (nin en calquera outra faceta da vida). Aquí tes uns cantos exemplos: persoeiros destacados do deporte galego que reflexionan sobre a necesidade de defender e usar o noso idioma.

Sofía Toro (A Coruña): campioa olímpica de vela

Rubén Martínez (Coristanco): ex-porteiro do Barça e do Dépor, porteiro do Osasuna

Ana Peleteiro (Ribeira): campioa europea de triplo salto


Moncho Fernández (Compostela), adestrador máis lonxevo da ACB


Vero Boquete (Compostela), futbolista campioa da Champions League feminina


Pois imos xa co «Como che vai?». Podes contestar estas preguntas. Lembra, durante un mínimo de 3 minutos.
—Como vai o teu día a día co galego?
—Fréate para falar o medo aos erros? Pensas que irás mellorando?
—Que tal vai 21DEG cos compañeiros? Conseguides falar galego no centro?
—Segues con ánimos de chegar ata o final?
—Coñecías os deportistas dos vídeos? Que opinas do que din?
—Gústache o deporte? Practicas algún? Por que?


luns, 25 de marzo de 2019

[21DEG: Día 04] O reto: Pasagalego


Préstache un «Pasagalego»? O reto de hoxe, día 4 de 21DEG, é xa un clásico. Repescamos un dos vídeos preparados en cursos anteriores para poñerdes a proba o voso nivel de vocabulario. Dun tirón, sen pausas, grava a túa resposta a todas as definicións. Estaría ben que, ao repasares as solucións ao final, foses anotando os acertos e os erros.

Ánimo! A ver se é posible completar o rosco!

domingo, 24 de marzo de 2019

[21DEG: Día 03] Como che vai?



Xa imos no terceiro día de 21DEG. Para que valores aínda mellor a experiencia, propoñémosche que vexas completo o vídeo-resumo da primeira edición de 2017. Aquí o tes.



Sabías que da nosa iniciativa, compartida cos pioneiros dos IES da Pobra do Caramiñal, xurdiu neste curso 2018-19 un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística chamado «21 Días co galego e máis»? O seu primeiro paso foi promover a experiencia en catro centros das distintas provincias galegas: o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, o IES Francisco Daviña Rey de Monforte de Lemos, o IES Pontepedriña de Santiago de Compostela e o IES Otero Pedrayo de Ourense. 



Que marabilla ver que o esforzo dos nosos rapaces tivo tan bos froitos! E o ano que vén está previsto en máis centros!

Tendo en conta todo o anterior, comezamos o «Como che vai?». Grava as túas respostas a estas preguntas, nun mínimo de tres minutos:
—Cambiou moito a túa rutina ao ser fin de semana?
—Falaches máis en galego que durante os días previos?
—Sentes o apoio dos que te rodean? E ti, como te sentes?
—Algunha anécdota interesante en relación cos 21DEG?
—Que che pareceu o vídeo de 21DEG do 2017? Que partes che gustaron máis?
—E que opinas de que a nosa experiencia se espallase por máis centros?
—Gustaríache que fixésemos un vídeo-resumo coas vosas gravacións deste ano?


sábado, 23 de marzo de 2019

[21DEG: Día 02] O reto: Trabalinguas


Como é xa tradición, para ir quecendo, o primeiro reto son os trabalinguas! Xa sabes, eses enunciados que se resisten a ser pronunciados correctamente.


Aquí tedes unha mostra de trabalinguas de idiomas de todo o mundo (alemán, francés, neerlandés, xaponés, ibo...). Para un anuncio publicitario, varias modelos internacionais demostran a súa habilidade nas súas propias linguas.



Agora tócavos a vós! Deixámosvos cinco trabalinguas de noso, ordenados segundo a súa dificultade (dos máis doados aos máis difíciles). Seriades quen de recitalos todos correctamente? Gravádeo en vídeo (xa sabedes: tedes arredor de 3 minutos). Ah! Tamén podedes gravar algún familiar intentándoo!
Trabalinguas 1
– ¿Ten tinta, Antón?
– Tinta Antón ten.
Trabalinguas 2
Se vou a Bueu nun bou vou.
Se non vou a Bueu nun bou non vou.
Trabalinguas 3
Do queixo non che me queixo,
que o queixo ben che me sabe;
quéixome de quen o vende,
que non mo deixa de balde.
Trabalinguas 4
Cinco figafarzos novos
afigafarzaron a figafarza vella;
veu o figafarzo vello
e afigafarzou os cinco figafarzos novos
e mais a figafarza vella.
Trabalinguas 5
Unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos.
Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos,
acotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda,
acotobelada e xorda.

venres, 22 de marzo de 2019

[21DEG: Día 01] Como che vai?


Xa está aquí o día 1 dos 21 Días En Galego [21 DEG] do 2019. Despois desta primeira xornada  a falar en galego, correspóndeche algo sinxelo: contarnos «Como che vai?». Ao rematares a xornada, grava un vídeo de polo menos tres minutos explicándoo. Podes facelo respondendo estas preguntas:
—Que fixeches durante o día?
—Conseguiches falar todo o tempo en galego?
—Como te sentiches?
—Como reaccionou a xente ao teu arredor: no colexio, na casa...?
—Que contacto tes na túa vida cotiá coa lingua galega?
—Por que te decidiches a comenzar a experiencia de 21DEG?
—Cres que che resultará fácil ou difícil?
E como todos os anos, un padriño ou madriña anímanos a vivir a experiencia. Este curso, aquí tedes a mensaxe que nos envía Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.


martes, 19 de marzo de 2019

Este venres comeza 21 DEG!


Chega, un novo ano, 21 Días En Galego ao Fogar de Santa Margarida. 

Conscientes de que moitos de vós non tedes o galego como lingua habitual e seguindo o ronsel dos pioneiros, o alumnado do instituto da Pobra do Caramiñal, convidámovos a desenvolver en galego a vosa vida cotiá (na casa, no centro, na rúa...) durante 21 días e valorar esa experiencia. 

Xa levamos dous cursos e a semente de 21DEG deu grandes froitos! No verán de 2017 recibimos durante o Festival de Pardiñas o premio «Investigación sobre a nosa fala» da Asociación Xermolos. E o pasado 2018, 21DEG levounos á Cadea Ser e tivemos a honra de recibir o recoñecemento da Real Academia Galega.




E mesmo tamén nos levou ao Telexornal!


21 Días En Galego, persegue dous obxectivos principais: 
• Mellorar a nosa expresión oral.
• Provocar a reflexión persoal sobre a nosa relación co idioma galego.
En que consiste a experiencia? Propoñémosvos unha serie de actividades orais, de dous tipos, que serán necesariamente gravadas en vídeo.
«Como che vai?» (días impares). Consiste en facer unha gravación, cun mínimo de 3 minutos de duración, comentando como levades a experiencia: sensacións, dificultades do día a día, reaccións dos que vos rodean (se vos axudan, se vos cuestionan...)
«O reto» (días pares). Tamén mediante unha gravación dun mínimo de 3 minutos, debedes de contestar oralmente a tarefa que se vos propoña: reflexionar sobre un tema, entrevistar unha terceira persoa, comentar un libro, pronunciar uns trabalinguas…
En resumo, este venres 22 de marzo comezamos. Durante 21 días iremos dando as instrucións necesarias sobre as actividades aquí, en Achaveeomundo, e as vosas gravacións serán recollidas semanalmente. 

Animo! Súmate ao proxecto! E a falar!