domingo, 24 de maio de 2015

Xabier P. DoCampo no Fogar


O pasado mércores, 20 de maio de 2015, con motivo da celebración das Letras Galegas e das actividades do Plan Lector de literatura galega, tivo lugar un encontro do escritor Xabier P. DoCampo co alumnado de 3º de ESO. Un encontro que representou a volta deste ilustre escritor ao Fogar de Santa Margarida, centro ao que está vinculado desde novo.

Sara Sánchez, alumna de 3º A, realizou unha breve presentación da súa traxectoria profesional.
Exerceu toda a vida a profesión de mestre pero tamén é escritor, contacontos, actor teatral, guionista e promotor da lingua e cultura galegas.
A súa andaina de mestre comezou hai moito tempo, aló polos anos 70, e foi precisamente nas aulas do noso colexio, o Fogar de Santa Margarida. Nesta andaina estivo moi vinculado a Nova Escola Galega, na procura, xunto con outros docentes, da renovación pedagóxica e na galeguización lingüística do sistema educativo de Galicia.
É un dos grandes renovadores da literatura infantil e xuvenil galega. A súa traxectoria é amplísima. Desde
O misterio das badaladas, Cun ollo aberto e outro sen cerrar pasando por Cando petan na porta pola noite, (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, 1995) e un sen fin de obras ata chegar a A illa de todas as illas, Premio 2013 da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra narrativa infantil e xuvenil. A illa de todas as illas, como puidemos comprobar nas nosas lecturas, é unha homenaxe a todas esas novelas de aventuras, cheas de misterio, intriga e suspense, cunha illa como escenario, que deixaron unha fonda pegada nos seus lectores.

xoves, 14 de maio de 2015

A curiosa historia de Augusta


Achéganse as Letras Galegas e o Fogar é un fervedoiro de actividade. Desta volta, por xentileza da editorial Xerais, andou polo noso centro o animador Iago López a contarnos a curiosa historia de Augusta e os seus medos, escrita por Sabela Fernández Trelles. Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º de Primaria pasárono en grande escoitando como a pequena Augusta conseguía superar todos os seus medos: aos nenos, aos animais, ás caixas, a voar en avión...







martes, 28 de abril de 2015

Rosalía, universal


Estamos estes días a voltas con Rosalía de Castro. Aproveitando a ocasión, arriba tedes unha emocionante versión de «Adiós ríos; adiós, fontes», primeiro poema en galego composto por Rosalía de Castro con escasos 20 anos. Os que recitan e cantan son os nenos e nenas do St. Mary's School, en Mullaghbawn (Irlanda). Unha boa proba da universalidade da nosa Rosalía. Pero hai moitas máis. Coñecías ti estes datos curiosos?
Sabías que...?
Só dúas literaturas do mundo teñen como «autor/a fundacional» unha muller: a literatura xaponesa (con Murasaki Shikibu, que no século XI escribiu Genji Monogatari, a primeira novela da literatura universal, no sentido moderno do termo) e a literatura galega (con Rosalía de Castro).
Sabías que...?
Ademáis de ser a escritora emblemática da literatura galega, Rosalía é considerada (xunto con Gustavo A. Bécquer) a precursora da poesía moderna en lingua castelá.
Sabías que...?
O recoñecemento a Rosalía de Castro fixo que se lle dedicasen monumentos non só en Galicia (Compostela, Padrón, Vigo, Lugo, Rianxo...) senón tamén fóra de Galicia (Barakaldo, Porto, Lisboa, Montevideo, Bos Aires...).
Sabías que...?
Os poemas de Rosalía foron traducidos a linguas como o inglés, o francés, o alemán, o ruso, o xaponés, o éuscaro, o hebreo, o turco, o hindi...
Sabías que...?
O pasado 24 de febreiro, día en que se cumprían 178 do nacemento de Rosalía, o buscador Google homenaxeou a autora de Cantares Gallegos e de Follas Novas dedicándolle un dos seus doodles.
Mais, en fin, Rosalía non é só unha solemne figura literaria. Tamén podemos vela con sentido do humor. ;-)

domingo, 19 de abril de 2015

Carlos Callón no Fogar


O pasado 13 de abril, o profesor e escritor Carlos Callón mantivo un encontro co alumnado de 3º e 4º ESO e 1º e 2º de Bacharelato do Centro. Após de comentar distintos aspectos do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, lido polo alumnado, achegou distintas reflexións sobre os problemas da nosa lingua para acadar a normalidade e animou aos alumnos a falárena sen medo nin prexuízos. O alumnado, o profesorado e o Equipo de dinamización lingüística do Centro valoraron moi positivamente a experiencia.

Este libro do ex-presidente de Mesa pola Normalización Lingüística completa, xunto con En castellano no hay problema e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, unha «triloxía» ben útil para desbotarmos prexuízos sobre a nosa lingua e tomarmos un papel activo na súa recuperación.

venres, 10 de abril de 2015

Cunqueiro, animado




Esta semana, o alumnado de 4º da ESO asistiu a unha representación contada de varios relatos d’Os outros feirantes, de Álvaro Cunqueiro. A actividade realizouna dun xeito maxistral Ramiro Neira, profesional do espectáculo teatral e da animación, quen provocou un efecto e resposta positivos no alumnado. Parabéns!

Por certo, algúns dos textos contidos nesa pequena obra mestra do relato breve foron levados á pequena pantalla aló polo ano 1989. Unha serie de televisión que adaptaba relatos como «Novo de Parmuíde», «Hermelinda da Ponte», «Tristán García»... De seguido, con todos vós, un dos seus capítulos: «A orella dereita de Antón de Leivas».

luns, 30 de marzo de 2015

Visita á Real Academia Galega





A pasada semana, o alumnado de 3º de ESO visitou a Real Academia Galega e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, sitas no número 11 da rúa Tabernas da nosa cidade. Durante a xornada, puideron descubrir que representa a Academia e cales son as súas funcións, así como algúns dos trazos da personalidade e da obra desta ilustre galega.

Para saberdes máis sobre a Real Academia Galega, aquí queda un gran vídeo didáctico sobre a historia desta institución centenaria realizado con Videoscribe, unha ferramenta on line coa que facer presentacións ben lucidas. Probádea!

venres, 6 de marzo de 2015

Bandeiras enfrontadas


Galicia, ano 2057: conflito político e lingüístico, amizade e traizón... Con todos vós, Bandeiras enfrontadas, unha curtametraxe que fará historia.

Guión digno de X. L. Méndez Ferrín, interpretación cun aquel de Luís Tosar, dirección que envexaría Quentin Tarantino. Así é este traballo de Jorge Barreiro, Alberto López, Sergio Pérez e Víctor Rioja, compañeiros de 1º de Bacharelato. Unha historia ideada, guionizada, interpretada e editada por eles ao cento por cento. Vese, ademais, o ben que o pasaron durante a rodaxe (incluídos os mortos en movemento!).

Aló por Hollywood, lembrádevos de nós. Parabéns polo traballo!